El Correo Gallego

Portada  |   RSS - Portada RSS

{ TRIBUNA LIBRE }

Ramón María Aller Ulloa (1878-1966)

Na imaxe, o ilustre matemático e astrónomo galego Ramón María Aller Ulloa - FOTO: ECG
Na imaxe, o ilustre matemático e astrónomo galego Ramón María Aller Ulloa - FOTO: ECG

JOSÉ ÁNGEL DOCOBO   | 28.03.2016 
A- A+

HoXE CÚMPRESE o 50º aniversario do pasamento do ilustre matemático e astrónomo galego Ramón María Aller Ulloa, iniciador da investigación astronómica en Galicia dende o seu observatorio particular de Lalín, logo fundador e director do Observatorio Astronómico da USC, e de feito un dos científicos galegos máis sobranceiros.

Co gallo desta efeméride, a Universidade de Santiago de Compostela e mais a Xunta de Galicia vano lembrar nun acto académico que terá lugar no Observatorio, onde se presentará o libro Astronomía a ollo ceibe.

D. Ramón xa tiña realizado importantes observacións e comezado a escritura de textos que logo serían referentes obrigados os poucos anos de rematar as carreiras Sacerdotal e de Ciencias Exactas. As súas estadías no Observatorio Ocharan de Castro Urdiales, entre 1911 e 1920, permitíronlle estar en contacto con instrumentación de gran calidade, o que lle motivou tanto para crear o seu observatorio estable en Lalín coma para concebir un método orixinal para a determinación de coordenadas e que logo sería o corpo da súa tese de doutoramento, lida anos mais tarde.

Algoritmia, Principios Fundamentales de la Ciencias de los Números, foi o seu primeiro libro, o cal dedicoulle ao seu tío Saturnino por ter financiado a edición daquel magnífico texto de matemáticas.

A partir de 1928, cando ingresou no Seminario de Estudos Galegos, presentou varios artigos que foron publicados na revista Arquivos, preparando ademais a biografía do seu paisano José Rodriguez González, o matemático de Bermés; pero tamén, a petición de Filgueira Valverde, escribiu na revista Logos oito ensaios en lingua galega. O Seminario, así mesmo, propuxéralle a escritura dun libriño de divulgación astronómica en galego. Na prensa de maio de 1936 apareceu o anuncio da inmediata presentación daquela petición co título de Astronomía a ollo ceibe, pero de dita obra nunca máis se soubo.

Dende Lalín, observou e estudou practicamente todos os fenómenos astronómicos: eclípses, ocultacións, tránsitos, superficies planetarias, luz zodiacal, auroras, choivas de estrelas, manchas solares, etc., pero sobor de todo, estrelas dobres. En efecto, Ramón María Aller pode ser considerado o introductor do estudo destas últimas en España, tanto pola obtención de múltiples medidas micrométricas coma por ser autor das primeiras órbitas calculadas no noso país e, fundamentalmente, por ter creado logo en Santiago unha escola de investigadores nesta rama de grande importancia na Astronomía, e que chega até os nosos días. Boa parte da súa produción científica está recollida na revista alemana Astronomische Nachrichten, daquela unha das revistas internacionais de Astronomía de meirande prestixio.

A finais de 1939, as xestións do seu discípulo e amigo persoal, Enrique Vidal Abascal, deron os seus froitos e tanto D. Ramón coma, uns anos despois, o seu observatorio, incorporáronse á Alma Mater compostelá.

O padre Aller foi nomeado director do novo observatorio, construído nos terreos da chamada Residencia Universitaria ao abeiro do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, o 27 de setembro de 1943 e o ano seguinte entregouse a obra, chegando tamén os instrumentos de Lalín, en particular o refractor Steinheil que mercara grazas a una herdanza do seu tío Saturnino.

Dicía D. Ramón que "o persoal do Observatorio de Lalín reducíase a unidade". Agora xa en Compostela a súa soidade científica tiña rematado xa que logo foron moitos os xoves licenciados que se achegaron con ganas de aprender de el. Estamos a falar de persoeiros coma Vidal Abascal, Pensado Iglesias, García-Rodeja, Ferrín Moreiras, Cid Palacios, etc. Todos eles tiveron un gran futuro profesional. Foi un mestre de mestres. Chegou a Santiago coma profesor de Matemáticas pero axiña accedeu á cátedra de Astronomía, que ocupóuna con carácter extraordinario até a súa morte.

O seu principal libro de texto, Introducción a la Astronomía, publicouse en 1943 cunha segunda edición ampliada catorce anos despois. Nada mais chegar a Universidade comezou a dirixir varias teses de doutoramento e a solicitar as melloras prometidas para os medios de observación, case que os mesmos que trouxo de Lalín. Ingresou en 1948 na Comisión de Estrelas Dobres da Unión Astronómica Internacional e nese mesmo ano apareceu a súa Astronomía a simple vista, un libro de divulgación que cubríu un grande oco naquela época.

Esta personalidade, dominadora de varios idiomas e especialista en debuxo, reloxería e diseño de instrumentación científica, entre outras moitas cousas, deixou pegada pola súa finura didáctica e polo seu carácter humilde e de axuda continua aos demais, todo elo unido ao seu alto nivel científico e intelectual, o consagran coma un referente da Ciencia e Cultura galegas. Coma ben dicía o profesor Vidal Abascal, a obra mestra de Ramón María Aller foi a súa vida.

 

(*) Catedrático de Astronomía e director do Observatorio

Astronómico Ramón María Aller da Universidade de

Santiago de Compostela.