Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A carga asistencial das residencias baixa tras ser o foco vírico principal

Paradigmático é o caso do xeriátrico de Celanova que tras ser considerado a zona cero do coronavirus en Galicia comeza a ver a luz ao final do túnel

A situación das residencias de maiores foi en Galicia –durante a aínda non superada pandemia do coronavirus– a principal preocupación dos galegos no ámbito sanitario tras constituírse como o principal foco epidémico na autonomía.

A concentración nestes centros dunha poboación de risco, moita dela con patoloxías previas, e o feito de compartir zonas comúns son claros factores explicativos da violencia coa que a pandemia sacudiu estos centros asistenciais. Ben é certo, que a covid-19 entrou con maior facilidade nos xeriátricos de titularidade privada; motivo polo que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, recibiu as principais críticas da oposición en relación a crise sanitaria.

Un claro exemplo foi a intervención –na Deputación Permanente do Parlamento Galego do xoves– de Antón Sánchez, voceiro do Grupo Común da Esquerda, na que acusou ao líder do Executivo galego de “regalar negocios a empresas privadas para o coidado dos maiores”. Un modelo que segundo Sánchez se demostrou errado porque “o 98% das mortes en residencias galegas déronse nas privadas”.

Non obstante, e abandonando o vértice político da xestión da pandemia, cuxa avaliación farán proximamente nas urnas os cidadáns galegos. No ámbito sanitario chegan boas novas, tras unha xornada sen decesos e na que a cifra de contaxios activos nas residencias galegas caeu ata os 289 entre usuarios e 213 entre os traballadores. Segundo consta no último parte emitido pola Consellería de Sanidade, 58 usuarios venceron a batalla na que estaban inmersos contra a covid-19 nas derradeiras 24 horas. Mentres que estas recuperacións ascenden a 14 entre os traballadores dos centros.

O xeriátrico DomusVi de Barreiro (Vigo), un dos tres que a Xunta tivo que intervir, figura neste momento como a residencia con maior número de contaxios activos: 30 usuarios e 11 profesionais.

O exemplo paradigmático deste descenso na carga asistencial nos centros de maiores, é a residencia San Carlos no concello ourensán de Celanova, que tras ser considerada a “zona cero” do coronavirus en Galicia, respira agora libre de contaxios e comeza a recobrar pouco a pouco a normalidade.

A situación do centro foi tal que se chegaron a contabilizar medio centenar de contaxios entre os usuarios e 18 entre os traballadores. “O 23 de marzo atopámonos de repente cinco traballadoras para atender a 54 usuarios” explica Sonia Opazo, unha das profesionais que atendía aos maiores. Opazo destaca a importancia da intervención da UME en tarefas de desinfección, así como a valentía e tesón de todos os voluntarios que non dudaton en botar unha man na residencia. “Isto foi un aprendizaxe para todos, os residentes aguantaron estoicamente. Todos dimos o mellor de nós mesmos para solventar esta situación”, reflexiona Sonia cuxo principal lamento é a de “xente que se quedou no camiño” nesta loita contra a pandemia.

A mellora da situación epidémica neste tipo de centros desgraciadamente non se extende ao conxunto do Estado. Segundo o Círculo Empresarial de Atención a Persoas (CEAPs) o 89,42% dos usuarios de residencias non está contaxiada da covid-19, unha porcentaxe que descende 3 puntos comparativamente co mes anterior. Cando o 9 de abril supoñían o 92,72% os usuarios non afectados pola enfermidade. O desagregado dos datos que ofrece esta situación sobre Galicia, cifra os residentes non afectados nun 95,41%.

Esta realidade levou á Mesa Estatal das Persoas Maiores a pedir ao Goberno de Pedro Sánchez que conte cun informe do impacto en residencias para a desescalada que deu comezo o pasado luns, e que presumiblemente pasará a fase 1 en Galicia a partires da vindeira semana. Esta asociación demanda, ademais, de cara ao futuro a elaboración dun “plan de choque” de reforzo dos servizos profesionais de atención domiciliaria, teleasistencia e recursos en residencias, cando menos mentres haxa risco pola pandemia da covid-19.

Esa referida fase 1 da transición cara a “nova normalidade” na que as visitas a familia e amigos estarán permitidas, non contemplan a posibilidade de visitar a familiares residentes nos centros de maiores. Xa que como explicou o ministro de Sanidade, Salvador Illa, “a desescalada é moi cautelosa, especialmente nas residencias de maiores”. É por iso que no plan que recolle o Executivo, non se permitirán as citas familiares neste tipo de centros ate a fase 3 da desescalada, cando dará comezo unha “previsión de desescalada e revisión do modelo de residencias de maiores”.

Neste intre, no que a situación en Galicia semella estar controlada é o momento de lembrarnos de todos os afectados. Os que sófren aínda un contaxio activo e atópanse loitando por seguir adiante, os profesionais que día tras día deron o mellor de si mesmos na loita contra o coronavirus poñendo en moitas ocasións a súa propia saúde en xogo. E non nos podemos olvidar dos 266 anciáns e ancianas galegos que o virus nos decidiu arrancar. Azos para as súas familias, para elas lamentablemente non haberá fases , pois a normalidade que desexan nunca retornará.

08 may 2020 / 19:23
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito