Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A pandemia que nos obrigará a cambiar o noso modelo de vida

Expertos que participaron na presentación online de “O mundo desde aquí: a pandemia da Covid-19” do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) cren que teremos que reenfocar o noso mundo económico e cultural

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), think thak independente situado en Pontevedra, reflexiona sobre os problemas e tendencias da sociedade internacional ao mesmo tempo que busca unha maior inserción de Galicia no mundo. Neste caso enfocándose na pandemia que sacudiu a todo o planeta no 2020.

Este xoves presentou “O mundo desde aquí: a pandemia da Covid-19” publicación onde participan 26 investigadores internacionais de 23 países e 4 continentes. Os investigadores céntranse en explicar como viviu o confinamento o seu país, que cousas mudaron e as expectativas cara o 2021. O encontro conta co apoio do Concello de Pontevedra e a súa Concellería de Normalización Lingüística.

Foi a última das actividades de IGADI (neste 2020, despois das Xornadas Xacobeo, Ruta de Seda, Novos tempos para A Coruña global ou as charlas O Mundo Desde Aquí que podemos atopar na súa web.

Viaxando virtualmente ata Arxentina, Eduardo Daniel Oviedo, profesor ordinario de Historia das relacións internacionais contemporáneas na Universidade Nacional de Rosario en Arxentina, contaba que “ Arxentina tivo unha das cuarentenas máis largas do mundo, xa que empezamos a finais de marzo e rematamos en novembro para logo pasar ao distanciamento social. Os resultados non foron os esperados, e agora temos unha alta taxa de contaxiados e falecementos. Pero ao mesmo tempo tivemos un encerro que chegou á quebra da economía.”

Modesto Seara, natural de Allariz e residente en México, é investigador nacional emérito e presidente honorario da Asociación Mexicana de Estudos Internacionais. Aseguraba que “esta crise vai máis alá da crise sanitaria, é algo moito máis grave do que se pensa xeralmente. Non é unha crise illada nin transitoria, xa que é sistémica e multidimensional, hai que tomala moi en serio, para levar a cabo profundas transformacións no xeito de traballar da sociedade. A vella normalidade non é normal, viviamos por encima dos nosos recursos, é un problema moi serio. Ese era un mundo que non se podía soster e se volvemos aos vellos hábitos, aceleraremos aínda máis a destrución da sociedade humana.”

A moza Thayane Gaspar, doutoranda em Ciência da Literatura na Universidade Federal do Rio de Janeiro (UFRJ), contou a situación de Brasil, onde cree que ademáis dunha crise o que fixo a covid foi confirmar as grandes diferentes de clase que hai no país onde existe unha gran desigualdade social. “O meu pai aínda que é de grupo de risco ten que ir traballar, toca decidir entre arriscarse a morrer pola covid ou morrer de fame por non traballar para non arriscarse. Ademais aquí a información non chega a todos, había xente pola rúa que non sabía por que a xente levaba máscaras nin como usalas.”

Sobre a vacina tamén salientou que “estamos moi esperanzados nunha vacina que non vai devolvernos o tempo nin as persoas que perderon a súa vida.”

Dende o noso país veciño, Italia, interviu Nunzia Acanfora, politóloga pola Universidade dos Estudos de Nápoles “Federico II”, que foi moi contundente afirmando que para poder salvar a situación débese reformar o noso modelo de vida, con medidas a longo prazo. Contaba que “é necesaria a unidade de Europa tal é como estivemos unidos tras superar a 2º Guerra Mundial, debemos afrontar a Covid e loitar por cambiar o noso modelo de vida porque a anterior normalidade xa non funciona. Hai que reflexionar máis alá da economía, que é do que todo o mundo fala, e enfocarse na nosa cultura.”

Sobre a situación do país alemán falou Javier López Prol, doutor en Economía pola universidade de Gratz. El cre que Alemaña tivo unha boa estratexia sobre todo grazas “a aposta científica da xestión da crise alemana, que se viu non só na toma de medidas efectivas, coma o testeo público e gratuíto nos propios aeroportos aos viaxeiros chegados de zonas de risco ou a adopción progresiva de medidas, senón tamén no apoio á investigación científica para a procura da vacina”. Alemaña está nunha situación intermedia entre os países asiáticos que conseguiron limitar o impacto sanitario e económico da pandemia, e a maioría de países occidentais onde o impacto está a ser significativamente maior.

Joao Casqueira, doutor en Dereito en Portugal, quixo salientar a importancia de que “agora levamos un gran tempada na que os medios só falan do tema do coronavirus e non debemos esquecernos doutros grandes problemas que pasan día a día, non podemos olvidarnos dos dereitos humanos de moitas persoas. De feito a pandemia agravou moitos problemas e desigualdades sociais así como chegou a limitar máis dereitos”.

Dende o continente asiático, o analista político Niranjan Marjani comentou o papel da India no mundo internacional. Está entre as cinco principais economías do mundo e é a segunda potencia militar máis grande do mundo. Afirmaba que “a pandemia da Covid-19 foi un duro desafío para a India. Pero empregou este desafío como unha oportunidade non só desde a saúde senón tamén na súa área estratéxica e de asuntos exteriores, para afirmar o seu lugar lexítimo na orde mundial emerxente.”

Jared D. Larson, politólogo americano, comentou a situación dos Estados Unidos de América salientando que “dende o primeiro instante en que se detectou a presenza do coronavirus en territorio estadounidense, politizouse. A politización da saúde e da ciencia culminou en politización da verdade, que corre o risco de danar as institucións democráticas. Por se facía falla, esta pandemia subliñou outra vez que a tradición do sistema sanitario privado, literalmente, prívalles da vida a moitos nortemaericanos.”

17 dic 2020 / 16:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.