Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
José antonio taboada Xefe do servizo de Control de Enfermidades Transmisibles da Consellería de Sanidade

“A poboación que non é de risco debería esperar para poñer a vacina da gripe”

Detectamos que hai moitas persoas que non son da poboación diana que están vacinándose xa agora, retrasando as citas dos que son de risco

Despois dunha semana do inicio da campaña de vacinación contra a gripe para a poboación xeral, que balance fai Sanidade?

Vai moi ben. As persoas que se están vacinando de todos os grupos son moitas máis que na campaña do ano pasado, comparativamente no mesmo día.

E parece ser que a demanda para vacinarse está sendo altísima, non?

Si. Por dar unha cifra, por exemplo para as persoas de 65 e máis anos distribuimos este ano máis doses que o pasado. O proceso é enviar aos centros de saude unha cantidade inicial e despois eles van solicitando día a día as que precisen. A demanda este ano é moi superior, temos xa temos distribuidas arredor de 73.000 da vacina de maiores e case 60.000 da outra. Moitas destas aínda non están administradas, están enviadas aos centros de saúde para que teñan stock suficiente.

E cales son os datos a día de hoxe de cobertura, de vacinas xa administradas?

Esta altísima demanda nos centros de saúde tradúcese en que as coberturas neste mesmo grupo de idade de maiores de 65 anos están cerca do 18 %, exactamente un 17,72%. Se o comparamos co mesmo día do ano pasado representa un aumento do 4,07%. E no caso das mulleres embarazadas levamos 1.578 rexistradas cando no mesmo día do ano pasado eran 1.328, 250 máis.

Falaba de varios tipos de vacinas utilizadas, cales son?

Estamos utilizando tres tipos de vacinas. Dúas para maiores, son adiuvadas ou transformadas que en principio orixinan unha maior inmunidade para compesar o deterioro inmunitario que teñen as persoas maiores que precisan reforzo. Son a Chiromas, para 65 ou máis anos, e a Fluzone , de carga reforzada, que solamente a utilizamos nas residencias de maiores. Da Chiromax levamos distribuidas 73.000. Ademais, para as persoas menores de 65 anos usamos outra, que se chama Vaxigrip Tetra, e levamos distribuidas case 60.000 máis que o ano pasado no mesmo día da campaña.

O persoal sanitario comezou antes, tamén tivo unha resposta tan positiva e se inmunizaron máis que noutros anos?

Moito. É un dato moi chamativo porque no persoal sanitario a estas alturas xa temos arredor de dúas mil persoas máis vacinadas que o ano pasado en toda a campaña completa. E levamos só dúas semanas e pico. Todos son datos moi positivos, obviamente, porque reflicten que a mensaxe de que se vacinen as persoas que están na poboación diana se entende, e están acudindo a vacinarse. É moi positivo.

Quizá por ese mesmo motivo a xente quéixase de moita lista de espera para ter a cita de vacinación e de colas nos centros e saúde, pola gran demanda

Como estamos xa nunha situación de pandemia, que como toda a sociedade sabe conleva unhas medidas para evitar a transmisión nos centros de saúde, estase recomendando que as persoas acudan con cita previa, a través de Internet ou por chamada telefónica. As citas estanse retrasando moito. Non teño datos concretos pero podo dicir que xa hai un volume de citas dadas moi alto e que a cita pola web estase retrasando xa ata un mes e máis tarde. Ademais, precisamente está a haber un número de chamadas moi alto nos centros de saúde por este mesmo motivo, que non son capaces de atendelas polo que ocasiona molestias para os propios usuarios, que pasan tempo esperando ou non lle collen o teléfono. E problemas para o propio sistema.

Xa coñecen a razón para que esté a ocorrer isto?

A razón é que estamos detectando que hai unha serie de persoas que non están na poboación diana pero están vacinándose xa agora, retrasando aínda máis as citas dos que si son poboación de risco. Por este motivo facemos un chamamento para que estes grupos que non están contemplados na poboación diana retrasen a súa petición de vacinarse para deixar facelo antes a aqueles que si teñen un risco maior.

Detectaron moita demanda en algún destes grupos non diana?

Si, por exemplo nos nenos, poderiamos falar dos que non teñan patoloxía de risco ou que non sexan convivintes cunha persoa que a ten ou é maior de 65 anos. Pero convivintes, non os netos que van visitar aos avós a fin de semana ou conviven ocasionalmente. Neste sentido gustarianos transmitir a petición a pediatras ou enfermeiros de que retrasen a súa solicitude de vacinación para o final da campaña para deixar vacinar agora aos de máis risco.

Fala sobre todo do caso dos nenos, porque habería moita demanda, nos adultos non pasou?

Si, tamén o detectamos igual nas idades de 15 a 60 anos. Adultos que non teñen patoloxía de risco e están acudindo a vacinarse. É o mesmo chamamanento, que retrasen un pouco a súa cita para que estas primeiras semanas nas que hai unha gran demanda nos centros de saúde, se poida primar a vacinación dos outros e despois, ao final da campaña, xa poderían solicitala e acudir eles, con máis calma. Aclaro que non é que non se queira vacinar a estas persoas, senón que é necesario que o retrasen. E recordo que a campaña remata o 31 de decembro.

Cando se espera o pico da epidemia de gripe este ano?

Pode haber antes circulación ocasional, con casos esporádicos, pero os picos de gripe, a epidemia, se espera a finais deste ano ou principios do próximo. Así, que en principio non hai unha urxencia por vacinarse se non son de risco.

Esta é unha campaña especial e moi ambiciosa, pola coexistencia da gripe e da covid. Recórdenos cales son os problemas que podería haber se se teñen as dúas enfermidades xuntas

Desde un punto de vista teórico xa se entendía que se sempre é moi importante intentar vacinar contra a gripe a certos grupos de persoas para evitar complicacións graves, por iso todos os anos organizamos campañas tan potentes e que tantos recursos necesitan. Pero este ano, especialmente, ao estar pasando por unha pandemia do coronavirus, parece sensato e de sentido común entender que se as dúas infeccións coinciden nunha persoa as súas consecuencias poden ser moito peores. As infecciónn das dúas enfermidades reforzaríanse con complicacións máis posibles, hospitalización ou morte. Pero é que agora xa temos datos de países, sobre todo do Hemiferio Sur, nos que a epidemia da gripe xa pasou, e sabemos que a letalidade duplícase. Polo que debemos protexernos na medida do posible da gripe mediante a vacinación das persoas das poboacións diana.

A cobertura de Galicia sempre foi boa, verdade?

Si, tiñamos coberturas moi boas nas campañas anteriores comparadas coa media do Estado, incluso entre o pesoal do Sergas o ano pasado vacinouse casi o 51 %, varios puntos máis. Pero Sanidade este ano fai un chamamento especial a que a nosa poboación diana se vacine para aumentar máis aínda a cobertura. E para iso a Consellería adquiriu máis de 200.000 doses desta vacina, para incrementar as coberturas.

21 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.