Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A raia pontevedresa pasa á mobilización simbólica pola reapertura fronteiriza

A indignación acumulouse e os rexedores alén e aquén do Miño pasarán esta semana á acción pola apertura urxente dos pasos

Semanas de chamamentos e demandas ás que dende Lisboa, Santiago e Madrid se lles fixo caso omiso dan paso ao que era inevitable. Os rexedores ao sur e ao norte do río Miño (A Guarda, O Rosal, Tui, Tomiño, Salvaterra, As Neves, Arbo, Crecente, Caminha, Cerveira, Valença, Monçao e Melgaço) acordaron no serán do luns pasar á acción e ao longo desta semana realizarán a súa primeira protesta simbólica conxunta para reclamar a “imprescindible” e “urxente” apertura dos pasos fronteirizos.

Na xuntanza mantida o luns os rexedores acordaron de forma unánime a necesidade de defender o territorio “no que existe un grande dinamismo económico que a situación actual fai insostible”. Deste modo, e independentemente de cores políticas, os edís subliñan o agravio comparativo que existe respecto a outros territorios doutras rexións como Extremadura, que xa teñen abertos máis pasos.

“Vese que o Goberno autonómico de Extremadura se moveu convenientemente e argumentou a necesidade de permeabilizar a fronteira. Aquí, a pesares de ter argumentos sólidos de relación económica, con 200.000 coches empregando o paso de Tui durante o confinamento... a Xunta nin está nin se lle espera”, apuntou o director do AECT Río Minho, Uxío Benítez, quen sostén que Núñez Feijóo, a pesares de estar na presidencia da Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal, non moveu ficha para defender nin ás empresas nin aos traballadores transfronteirizos, e tampouco accedeu a unha cita copropio AECT para solucionar a situación.

E é que a decisión dos rexedores de tomar accións concretas de protesta chega tras as reiteradas queixas de traballadores e empresarios da rexión que viron as súas actividades profundamente perxudicadas polo peche de pasos fronteirizos. “Hai traballadores que teñen que estar soportando rodeos de máis de 100 kilómetros diarios”, afirmou Benítez. Mentres, a situación no ámbito empresarial non é nada mellor, e xa fixo que a Confederación de Empresarios de Pontevedra, a Condeferación Empresarial do Alto Minho e a Cámara de Comercio de Tui tomaran cartas no asunto e demandaran activar “instrumentos” para compensar economicamento ás perdas que xeran na actividade empresarial o peche da fronteira. Os empresarios entenden que “non hai razóns obxetivas” para que esté só aberto o paso de Tui, cando o conxunto da fronteira concentra o 50 por cento de todo o tráfico entre España e Portugal.

A reapertura das fronteiras entre Galicia e Portugal está prevista para o vindeiro 15 de xuño, non obstante as previsións din que será precisa unha prórroga ata o 1 de xullo. Así o explicou o ministro de Administración interna luso, Eduardo Cabrita, quen afirmou que “non ten sentido” reabrir pasos mentres existan restriccións internas de mobilidade que previu que sigan estando en vigor ata a devandita data no Estado español.

Estaríase equiparando deste modo a apertura ao turismo internacional prevista para esa data coa apertura duns pasos fronteirizos coa realidade económica dunha rexión que “precisa –con urxencia– un balón de osíxeno” e cuxos habitantes síntense “cidadáns de segunda” ante o trato que dende as distintas administracións están a recibir.

Unha situación que ilustra “o descoñecemento tanto dende Madrid, como dende Lisboa, da realidade económica da raia”, e que conseguiu unificar e xuntar a rexedores, empresarios e traballadores galegos e lusos ante o que consideran unha inxustiza no tratamento dispensado á rexión.

Nun principio, as protestas dos concellos da raia realizaranse de xeito “simbólico” e coa presenza de alcaldes, alcaldesas e presidentes das câmaras portuguesas. Mais non se descartan novas mobilizacións con implicación cidadá, xa que as e os mandatarios apostan por radicalizar as accións se non se toman medidas para a reapertura de pasos.

02 jun 2020 / 20:33
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.