Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 19 septiembre 2021
15:11
h

A Universidade de Santiago avanza nunha vacina innovadora contra a COVID fácil de producir e non precisa frío

É un dos dez proxectos que o Instituto de Salud Carlos III financia en España para obter unha vacina fronte á pandemia do coronavirus

A Universidade de Santiago de Compostela ten en marcha o programa de micromecenado “Sumo Valor”, unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade co apoio do Consello Social da USC. O Consello Social, presidido por Cecilia Sierra, busca darlle máis visibilidade e aumentar a captación de fondos.

Unha das liñas deste programa céntrase na loita contra a COVID, a través do apoio a investigacións de diferentes áreas de coñecemento que contribúan a combater e paliar os efectos da pandemia na sociedade. Empresas e particulares poden apoiar estas investigacións vencelladas ao SARS-CoV-2 mediante microdoazóns por valor non superior aos 3.000 euros, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben. As doazóns poden realizarse a través da páxina web do programa: https://www.usc.gal/gl/micromecenado/proxectos/microdoazons.html.

Un dos proxectos que está a recibir financiamento dentro desta liña de micromecenado é o liderado por Mª José Alonso desde o CiMUS -Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago-. O seu equipo traballa, desde o inicio da pandemia, no desenvolvemento dunha vacina innovadora contra o SARS-CoV2 baseada na tecnoloxía do ARN mensaxeiro. É un dos dez proxectos que o Instituto de Salud Carlos III financia en España para obter unha vacina fronte á pandemia do coronavirus.

A catedrática indica que calquera tipo de vacina precisa dun adxuvante ou axente inmunoestimulante que cómpre engadir e que é case tan importante como o antíxeno. Explica que “igual que as vacinas de Pfizer e Moderna, a nosa, baseada na nanotecnoloxía farmacéutica, consiste en nanopartículas que conteñen ARN (ácido ribonucleico) mensaxeiro, é dicir, que trala administración destas partículas a un organismo por medio dunha inxección, o que ocorre é que as nanopartículas dirixen o ARN ao interior das células, transfiren a información xenética e xa o noso organismo produce o antíxeno que dá lugar á resposta inmune e nos vai defender fronte á enfermidade”.

Estas nanopartículas foron deseñadas polo equipo da Universidade de Santiago e son diferentes ás de vacinas similares como as de Pfizer ou Moderna. “Botando man da intelixencia artificial, deseñamos segmentos do ARN que foron asociados a nanopartículas no noso laboratorio” -sinala a investigadora-. Ao longo destes meses o equipo produciu máis de 150 prototipos usando diferentes biomateriais, logo seleccionaron os que cumprían os requisitos necesarios e, unha vez testados in vitro, resultaron 10 candidatos que foron testados in vivo e dos que se analizou a súa resposta celular e viral para comprobar cal era o mellor candidato.

Esta tecnoloxía xa se está a probar desde o punto de vista do escalado

“Atopámonos en fase de avaliación clínica da vacina. Os ensaios con animais dirán se a resposta é potente e o seguinte paso será realizar os ensaios clínicos. Somos moi positivos e, de feito, a tecnoloxía desenvolta no noso laboratorio xa está a probarse desde o punto de vista do escalado (estabilidade, criterios de fabricación...) na empresa catalá Hypra, que será a encargada de fabricar a vacina” -explica María José Alonso-.

No marco deste proxecto, o equipo forma parte dun consorcio integrado polo IDIBAPS (Instituto de Investigaciones Biomédicas August Pi i Sunyer) e o Hospital Clínico de Barcelona -onde se realizarán os ensaios clínicos-, a Universidad de Barcelona, a Universidade Libre de Bruxelas, a Universidad Pompeu Fabra e o Centro Nacional de Biotecnología do CSIC -estos dous últimos realizarán os estudos in vivo, é dicir, comprobarán a eficacia da vacina en animais-.

A investigadora asegura que “a nosa finalidade é conseguir unha vacina óptima, que sexa estable para que tamén poida ser accesible aos países en vías de desenvolvemento, onde as infraestruturas sanitarias son moi precarias e resulta ademais moi complexo manter a cadea de frío. Trátase dunha vacina fácil de producir e de transportar o antíxeno, ao tempo que é doada de fabricar a grande escala”.

María José Alonso: “Sen ciencia non hai economía”

A catedrática María José Alonso reivindica o papel da investigación. Manifesta que “en España a investigación está moi mal financiada, a porcentaxe do PIB que se lle dedica é moi inferior á desexable. Noutros países o financiamento para a investigación procede de organizacións sen ánimo de lucro, empresas e mesmo de cidadáns particulares porque existe unha cultura do valor da ciencia tan importante que todo o mundo aporta, entenden que é para o beneficio do conxunto da sociedade. Sen a ciencia non hai economía. A situación que estamos a vivir está a deixar patente que a falta de investimento en ciencia está a ter graves consecuencias na economía, de aí a relevancia de iniciativas como o programa de micromecenado Sumo Valor da Universidade de Santiago”.

01 mar 2021 / 11:07
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.