Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
María Loureiro García, alcaldesa de Viveiro

“Aínda non se aplanou a curva, polo que veñen días moi complicados”

Inmersos no cuarto peche municipal, o concello de Viveiro vive a peor situación sanitaria dende o comezo da pandemia. Con centos de positivos debido ao último brote de decembro, realizouse un cribado masivo esta pasada fin de semana para detectar aos asintómaticos. Por iso, a súa alcaldesa, María Loureiro, apela á responsabilidade individual xa que asegura que veñen días moi complicados.

Como está situación actual e como foi o cribado da fin de semana?

Agora mesmo en Viveiro non estamos nunha boa situación, porque dende o brote de principios de decembro, os positivos aumentaron dunha maneira considerable, especialmente, nas últimas semanas. Por iso, dende o Sergas, coa colaboración do concello, falamos de facer un cribado masivo para detectar asintomáticos e poder afastalos da circulación. Debido ás datas que acabamos de pasar, decidimos realizalo ao sector servizos, nun sentido amplo (hostalería, gasolineiras, supermercados, salóns de peiteado...), porque foron os máis expostos neste Nadal, e tamén aproveitamos para facelo ás traballadoras sociais e de axuda no fogar do concello.

A verdade é que houbo un éxito de participación, con 1.300 persoas, e detectáronse 24 positivos, que pode parecer que é pouco, un 1,8 %, pero entendemos, e Sanidade tamén o di, que é unha incidencia bastante alta. Agora farase o rastrexo a cada un dos seus contactos, polo que nestes días aumentará considerablemente o número de positivos. Por outra banda, diariamente, fanse centos de PCR a aqueles contactos directos dos positivos, e tamén cribados de prevención aos contactos dos últimos catorce días, co obxectivo de poder detectar algún posible brote.

Por todo iso, veñen días moi complicados, xa que seguen aumentando os positivos e aínda non se aplanou a curva, pero o que nos transmiten de Sanidade é que o brote está controlado, a pesar dalgún caso illado.

Como viviron o Nadal en Viveiro?

Confináronnos o 29 de decembro, polo que estivemos pechados perimetralmente, practicamente, todo o Nadal, pero si que é certo que cos permisos que daban da Xunta para as comidas familiares, agora estanse a detectar positivos desas reunións. Antes do Nadal xa estabamos tocados polo brote, aínda que parecía que estaba controlado, pero cando comezouse a disparar o número de positivos e o Comité Clínico decidiu pecharnos.

Ve á poboación concienciada?

A gran parte da poboación de Viveiro está concienciada e respecta as medidas, senón teríamos moitos máis positivos; pero, evidentemente, hai unha pequena porcentaxe que non as respecta. Ante iso, pola nosa parte, a través da Policía Local, estamos velando para que se cumpran. De feito, dende o Nadal ata agora, levantáronse 69 actas de xente sen máscara, ou por fumar en terrazas ou por non respectar o peche.

A zona da Mariña é unha das máis afectadas pola COVID-19 dende o comezo, como alcaldesa de Viveiro, que consello lle podería dar aos santiagueses para aplacar a situación actual?

Este é o cuarto peche que sufrimos, pero de todos eles, é a peor situación na que estamos, superando o número de positivos dos tres anteriores. Como alcaldesa, o consello que podo dar, e que lle dou tamén aos meus veciños, é apelar á responsabilidade individual. Nós temos a responsabilidade política e temos que velar porque se cumpran as medidas, pero tampouco podemos contar cun policía por cada veciño. Ademais, debemos saír o menos posible, e se se fai, que sexa con todas as medidas, evitando, sobre todo, as reunións familiares, porque xa haberá tempo de xuntarnos no futuro.

No equilibrio que se busca entre economía e saúde, como lle está a afectar esta crise ao municipio?

Como a nivel nacional, o sector servizos é o máis afectado desta pandemia. En Viveiro, máis do 50 % dos postos de traballo pertencen a este sector, polo que a cancelación dos eventos grandes e con gran repercusión económica no municipio, como son a Semana Santa ou o Resurrection Fest, ademais das outras citas do día a día que tampouco se fixeron, provocaron que a situación económica sexa grave, mesmo moitos comercios e bares coméntannos que non saben se aguantarán este novo peche.

Teñen algunha liña de axuda prevista para eles?

Dende o Concello, na medida das nosas posibilidades sacamos, nun primeiro momento, unha liña de axudas para aqueles establecementos que tiveron que pechar por Real Decreto e agora imos a facelo extensible a aqueles locais que, se ben non tiveron que pechar, si que sufriron unhas perdas superiores ao 35 %. Con todo, penso que aínda non se logran ver as consecuencias económicas que vai a supor esta pandemia.

De cara ao 2021, eses grandes eventos poderanse celebrar dalgunha maneira?

Temos a esperanza na vacina, para que se vaia inmunizando a poboación, pero, evidentemente, non se van a poder celebrar como habitualmente. Todo é unha incerteza, pero nunca arriscaremos a saúde dos veciños, polo que se temos que suspender, como xa o fixemos anteriormente, farémolo.

Xa por último, como está sendo o ritmo de vacinación?

Neste momento, tanto o persoal como os usuarios das residencias xa están vacinados. Por outra banda, a xerencia do Hospital da Mariña, esta semana, xa nos comentou que van comezar a vacinar ao persoal sanitario que está en primeira liña, polo que levamos un bo ritmo.

15 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.