Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
ANTONIO LÓPEZ DÍAZ Catedrático de Dereito Financeiro e Tributario e reitor da Universidade de Santiago

Antonio López Díaz: “O nivel de protección na aula é moito maior que nunha cafetería ou na rúa”

É moi importante neste contexto manter unha certa trazabilidade de casos para, no suposto de que haxa un covid, poder relacionar e saber quen estivo, onde e con quen para poder traballar nesa fase importante de rastreo”

{ San Xulián de Cabarcos (Barreiros-Lugo)–1964 } Non esperaba ter que lidiar, durante o seu mandato como reitor, con esta pandemia a nivel global que estamos a vivir, pero aí está el e todo o seu equipo. Dío varias veces nesta entrevista, pero lévao dicindo dende marzo, que a Universidade de Santiago sempre estivo e estará ao que manden as autoridades sanitarias. Precisamente esa é a razón pola que se sente tranquilo cara ao inicio do curso.

O mércores pasado fixo pública unha Resolución Reitoral para o comezo de curso. Que supón, unha actualización das Bases xa elaboradas sobre o tema ou trátase de concretalas máis?

Trátase de dar un paso máis alá do que eran as Bases que aprobamos en xuño, nas que se prevían 3 escenarios con carácter xeral, pero estabamos un pouco á espera de como se concretaban para este inicio de curso. Agora damos un paso máis, que ten que ver cun cambio importante: mentres ata hai practicamente unha semana seguía falándose de que no ámbito docente teriamos que gardar distancia de seguridade ou levar máscara, despois do acordo entre as comunidades autónomas e o Ministerio, chegouse á conclusión de que agora é distancia e máscara.

A diferencia entre un ‘ou’ e un ‘e’ é moi grande.

Mantendo sempre o principio xeral de apostar pola máxima presencialidade, pero segura, e garantizando o cumprimento de medidas, a situación cambiou e por iso na Resolución abrimos necesariamente a posibilidade do escenario 2 alí onde sexa necesario, porque estas restriccións de distancias de metro e medio en cada aula pode levarnos a que non sexa posible funcionar en todos os casos con esa medida.

Iso sí, aplicado asimetricamente, e dicir, en cada centro según as súas características. Entón, damos ese paso a maiores, que ademais leva algunhas concrecións máis sobre medidas tanto de limpeza, ventilación, a obrigatoriedade da máscara... e todo iso que non estaban como tal nas Bases.

Hai que facer algún cambio a maiores despois do endurecemento das medidas para Santiago?

Nós xa tiñamos previstos tres escenarios: un sería o de máxima presencialidade; o segundo, no que contemplamos que puidera haber restriccións de aforo ou distancias que puidesen obrigar a este, e un terceiro, que é o que temos para o caso de que a situación evolucionara moi mal e houbera que chegar a un confinamento.

Aquí o que se trata é de concretar o que é necesario para cada momento. Eses escenarios están deseñados xa, nas guías docentes están previstos e agora é o momento de concretar medidas de seguridade, é o momento de que os centros elaboren cada un deles o seu propio protocolo, no que se definirán estas medidas xerais. Insisto, é un paso máis, non é cambialo senón facelo máis preciso.

Despois de que estea todo previsto e preparado, que medos lle quedan ao reitor arredor do tema?

Eu estou plenamente convencido de que, co protocolo que poñemos en marcha e sendo todos responsables como debemos ser, podemos dicir que os espazos universitarios, particulamente as aulas, van ser espazos moi seguros, porque imos estar a metro e medio de distancia e con máscara de protección. Son moito maiores os niveis de protección dos que vai haber en calquera outro lugar que poidamos pensar, como é nunha cafetería, nun restaurante, circulando pola rúa, etc. Imos ter aos estudantes ubicados nun mesmo sitio, a metro e medio de distancia e con máscara.

É o que mandan as normas acordadas entre o Ministerio e as comunidades autónomas...

Desde ese punto de vista, somos moi conscientes de que estamos cumprindo estrictamente os criterios de sanidade e preocupándonos pola saúde do persoal coas outras medidas que establecemos, como é a limitación de acceso aos centros ou os controis na aula para que, se xurde algún positivo, identificar ás persoas que estiveron en contacto e máis próximas. Desde ese punto de vista estou tranquilo. Agora o que nos toca é, e aquí é unha responsabilidade que lle afecta a todos, poñer toda a maquinaria da USC para facer efectivo iso.

Non hai ningunha fenda entón...

Preocúpame a comunicación, como chegamos especialmente aos nosos estudantes, tamén ao profesorado, pero ao alumnado para dicirlle como ten que proceder. Por iso imos activar inmediatamente o campus virtual para abrir unha canle de comunicación directa cos alumnos de cada materia para poder dicirlle, por exempo, se vai haber grupos máis reducidos, que o que non poida estar na aula por circunstancias vai poder seguilo desta maneira, ou vánselle dar estes materiais... É dicir, é todo un engrenaxe que nos afecta a moita xente. Ese é o traballo que nos queda nestas tres semanas ata o inicio das clases, que non é pouco.

Por certo, semella que deixa practicamente toda a xestión da pandemia nas mans do xerente da USC, Javier Ferreira...

Realmente, hai dous bloques. En todo o que ten que ver coa xestión da pandemia hai unha parte que afecta a infraestruturas, servizos, medidas de protección... Iso concentrámolo evidentemente na xerencia, que vai contar en cada centro con un delegado covid proposto dende alí para levar a cabo todas estas actuacións que teñan que ver coa prevención do covid-19. E créase un grupo executivo de traballo onde están representados os servizos que teñen que ver co tema, como prevención de riscos, de medicina... ademais de decanos, directores de departamento... Pero ao mesmo tempo temos outra parte, a máis académica, que é a que se lle encargou á vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional, María José López Couso, xuntamente coa Vicerreitoría de Coordinación Académica e outras da área de persoal docente.

Pásalle pola cabeza ao reitor que sexa necesario activar o escenario 3 do que falaba antes e sexa preciso o peche das instalacións?

Será algo que vai depender do que nos digan as autoridades sanitarias. Nós, en todo o que ten que ver con medidas de saúde, sempre dicimos que estamos ao que diga a autoridade sanitaria. Se evoluciona mal, teriamos que aplicalo, pero eu estou convencido, como dixen, de que as medidas que imos implantar na USC son de seguridade. Xa non depende só de nós, depende de como evolucione a nivel xeral todo. A min gustaríame que non chegásemos a iso polas consecuencias que tería para todos, xa non só académicas, senón económicas e de saúde tamén. Mellor que poidamos funcionar sen chegar a iso.

E a situación actual, coa que se vai comezar, non será o golpe definitivo, alomenos este curso, para conferencias e congresos? Porque estes días celébrase un sobre Intelixencia Artificial que primeiro houbo que retrasalo e despois, por primeira vez na súa historia, convertelo en telemático.

- É unha grande mágoa. Especificamente o de Intelixencia Artificial era un congreso de máxima relevancia a nivel internacional e é unha pena que non puidera celebrarse presencialmente como nos gustaría. Sen dúbida, a situación na que estamos agora está facendo que en moitos casos se pospoñan congresos e outras reunións científicas para o ano que vén.

Xa houbo que pospoñer algunha actividade, entón?

Tiñamos previsto un Cumio Euro-Latinoamericano do Coñecemento que imos adiar para o ano que vén, aínda que seguramente fagamos este ano algunha actividade non presencial, pero si, está sendo un hándicap moi importante polas dificultades de mobilidade ademais das eivas para concentrar tanta xente nos espazos... Si. Está afectando moitísimo a todo o que son congresos e outras celebracións.

Volvendo á Resolución. Alí indícase que só poderán acceder ás instalacións da USC, ademais da comunidade educativa, persoas debidamente autorizadas cando non pertenzan á universidade. Semella que se vai pechar á sociedade...

Podería pensarse, pero non é iso. Simplemente vai acceder a comunidade universitaria, algunha persoa que teña que facer algún servizo na USC, e tamén quen queira contactar con alguén, pero debe deixar uns datos. Por que o facemos? Unha vez máis por un criterio puramente sanitario. Penso que é moi importante neste contexto manter unha certa trazabilidade de casos para, no suposto de que haxa covid, poder relacionar e saber quen estivo, onde e con quen para poder traballar nesa fase de rastreo. É a única razón, pero imos ter toda a dispoñibilidade para, rexistrándose, que se poida acceder. Esperemos que sexa unha situación puramente transitoria. Non buscamos con iso pecharnos á sociedade senón todo o contrario. Simplemente porque sanitariamente é bo poder ter esa trazabilidade.

E que pasaría se alguén se nega a dar os seus datos aducindo unha cuestión de confidencialidade?

Nós imos regular todo este tratamento como é debido. De datos persoais sería únicamente a identificación, o nome, e unha forma de comunicación para o caso de que se producira. Non sería razoable esa conduta porque a finalidade que hai detrás non é a de impedir acceso nin nada parecido, simplemente ter constancia por se houbera que facer algún rastreo.

O rexistro non queda aí, porque tamén haberá control de asistencia ás aulas.

Tamén se fará co mesmo obxecto de poder realizar o seguimento se hai contaxios e confiando en que temos postas as medidas para que funcione de xeito seguro.

Restriccións nas habitacións dobres
das residencias universitarias

Como se vai conseguir manter, por exemplo, a distancia de seguridade nas zonas comúns das residencias de estudantes? Vanse rebaixar prazas?

Nas residencias temos preto de 1.000 prazas adxudicadas. É verdade que son algunhas menos das que había nos anos anteriores, precisamente porque nalgúns casos fíxose algunha restricción nas habitacións que eran dobres. Manteranse unicamente aquelas nas que as condicións sexan mellores ou onde hai persoas que solicitan cuarto dobre porque xa son conviventes habituais. As residencias universitarias van ter esa outra peculiaridade nas que vai haber grupos de convivencia nos que imos apelar á responsabilidade persoal de cada quen, igual que apelamos a que se alguén ten síntomas, ou febre ou tose, non debe acceder a Universidade. Aquí tamén o faremos para que traten de utilizar os espazos comúns mantendo a distancia, que se organicen en grupos estables para evitar ese contaxio... Son recomendacións, tampouco podemos poñer unhas medidas absolutamente inflexibles de control, pero si recomendacións para que a través diso, e de extremar as medidas de ventilación e de limpeza, evitemos tamén o contaxio nas residencias. Teñen complicacións, pero é un servizo que temos prestar. Por iso temos protocolos, igual que para as bibliotecas e outros servizos.

“A maioría dos 18,5 millóns teñen que ser para as universidades”

Como considera vostede que a Xunta de Galicia tería que distribuír os cerca de 93 millóns de euros do Fondo Covid para Educación do Goberno central, dos que o 20 por cento, é dicir algo máis de 18 millóns e medio, corresponde ao alumnado de entre 17 e 23 anos?

O lóxico é que se nos aporte ás universidades o máximo posible porque precisamente un dos criterios para o reparto é de alumnos de 17 a 23 anos.

É verdade que non é unicamente ensino universitario, porque tamén hai Formación Profesional de ciclo superior, pero parécenos que é necesario que se faga un esforzo para colaborar no que supón tamén para as universidades de custe excepcional todo o que ten que ver co coronavirus.

Loxicamente ten que haber unha parte moi importante, eu diría que a maior parte para as universidades.

Despois xa hai outra parte para o resto do ensino. Porque dos 93 millóns que lle corresponden a Galicia do Fondo Covid para Educación, o 80 por cento é para o resto de ensinanzas. Parécenos que ese 20 % (algo más de 18,5 millones en Galicia) sería bo que viñese para as universidades para permitirnos seguir asumindo os costes de esta situación extraordinaria.

“As clases prácticas son unha formación imprescindible”

Falaba o xoves o presidente da Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas (CRUE), José Carlos Gómez Villamandos, da súa preocupación polas clases prácticas na universidade...

É unha preocupación compartida. Cando hai estas dificultades de distancia de seguridade, a solución é compaxinar docencia presencial e telemática, pero evidentemente hai unha parte, que son as prácticas, onde hai que apostar pola máxima presencialidade.

Esta situación leva a que se poida plantexar que haxa menos presencialidade na parte expositiva de cada materia e máis centrada na parte de prácticas a presencialidade. As prácticas xa en si son unha cuestión central e cobran ademais unha importancia adicional cando se trata do ámbito sanitario polo feito de ter que realizalas en hospitais e outros centros relacionados coa sanidade.

Nestes momentos teñen dificultades pero é unha formación necesaria e imprescindible. É un tema que hai que resolver.

Nós, dende a Universidade de Santiago de Compostela, tanto neso como no resto, imos aplicando sempre o mesmo criterio, é dicir: a máxima presencialidade respectando todas as medidas de seguridade que indiquen en cada momento as autoridades sanitarias.

06 sep 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.