Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Denuncian desatención e deixadez na realización de PCR aos contactos de positivos

Un afectado relata a odisea que tivo que pasar para que lle deran unha cita para a proba. Outros contactos estreitos cun positivo, seguen agardando case unha semana despois

EL CORREO GALLEGO quere compartir cos seus lectores a queixa que lle fixeron chegar a propósito da realización das probas PCR aos contactos estreitos dunha persoa que deu positivo por covid. Segundo denuncia un dos afectados, foi o xoves da pasada semana cando tiveron coñecemento da situación. Das oito persoas que tiveron relación co positivo, “só nos chamaron a catro. A min chamáronme o venres para dicirme que tiña que quedar confinado e que ese mesmo día ou ao día seguinte, se poñerían en contacto comigo desde o hospital para facer a PCR”.

A dous dos compañeiros falloulles a cobertura cando os chamaron o venres porque viven no rural, “e onte seguían agardando por unha segunda chamada por parte do equipo de rastrexadores”. Outros compañeiros decidiron, ante a falta de noticias, chamar eles directamente para recibir instruccións. Sete días despois do contacto coa persoa afectada e case cinco días despois da confirmación do positivo, só dous dos 8 compañeiros teñen a PCR feita.

No caso concreto do denunciante, explicoulle aos rastrexadores na primeira chamada que non se atopaba ben, con carraspeo, diarrea e unhas décimas de febre. Ante a tardanza en que o chamaran para facer a PCR, e tendo en conta que convive cun cativo de 3 anos que ten que ir á escola e cunha persoa adulta que é mestra, decidiu chamar ao número de información do covid disposto pola Xunta. “Logo de agardar 24 minutos a ser atendido, expliqueilles a situación, e a resposta que me deron con respecto aos meus convivintes foi que eles tiñan que ir ao colexio e a traballar porque as PCR son cousa do hospital”. Chamou daquela ao hospital, onde o remitiron a outro número de teléfono. Unha vez máis, volveu contar o que lle sucedía, e a contestación foi que non lles constaba que tivera ninguha petición de PCR, “que eso é cousa dos rastrexadores que teñen que pasar o informe, e que eles alí non tiñan nada”.

Desesperado polo que estaba a ocorrer, volveu chamar aos rastrexadores, que o atenderon despois dunha espera duns 25 minutos. Contoulles o que lle acababan de dicir desde o hospital, e eles confirmáronlle que a PCR estaba pedida, se ben abrirían unha incidencia e volverían remitirlle a ficha ao centro hospitalario.

Á espera de que lle fagan a PCR e de saber o resultado, o denunciante decidiu chamar ao hospital para aprazar unha cita médica derivada dunha importante cirurxía á que foi sometido hai un ano. Quería saber se a cita podía ser telefónica, e explicoulle á persoa que lle colleu a chamada as razóns polas que non podía ir ao hospital. Desta volta, a resposta foi aínda máis desconcertante: “díxome, textualmente, `a min non me importa o porque non poida vir, como se non ven porque non quere. Eu non estou aquí para escoitar as súas explicacións´. Volvín insistir para ver se a cita podía ser telefónica, e a resposta foi a mesma. Daquela pedinlle un número de atención ao doente para poñer unha queixa, e colgoume o teléfono”.

O seu último recurso foi chamar ao médico de cabeceira, que lle confirmou que a cita co especialista non fora aprazada nin cambiada. Logo de contarlle o ocorrido, o propio médico decidiu facer a petición da PCR. Apenas unha hora despois, o denunciante recibiu unha chamada na que por fin o citaban para o día seguinte para facerlle a proba no Gil Casares. Púxose en contacto cos outros compañeiros para contarlles que xa tiña cita para a PCR, e dos dous que viven no rural un contoulle que despois de facer unhas 40 chamadas conseguira contactar cos rastrexadores, e o outro nin sequera. É dicir, das 8 persoas pendentes da proba, case unha semana despois só lle la fixeran a dúas, e outra, o afectado, tiña cita para ela. Os demais seguen sin saber nada, e a piques de rematar a corentena.

27 oct 2020 / 11:47
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
PCR
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.