Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Descenden a 225 os usuarios afectados nas residencias galegas tras a curación de 22 maiores da Orpea Coruña

SANTIAGO. EP. Os usuarios de residencias de maiores galegas contaxiados por COVID-19 diminuíron este luns até os 225, tras a curación de 22 internos da Orpea Coruña, de Culleredo. Con iso, segundo os datos proporcionados polas consellerías de Sanidade e de Política Social, a cifra de usuarios afectados pasa dos 249 do parte do domingo a 225. Ademais de retirar do cómputo 22 maiores que xa deron negativo nas probas PCR, na última xornada rexistráronse dous falecementos vinculados a residencias, un usuario da DomusVi Lugo, de Outeiro de Rei, e outra da Orpea Coruña.

Pola súa banda, a última actualización de afectados tamén resta un positivo entre os traballadores de residencias de anciáns, o dun empregado da Orpea Coruña, que pasa a non ter ningún traballador afectado. En conxunto, os centros residenciais con máis maiores contaxiados continúan sendo a DomusVi Lugo, de Outeiro de Rei, con 133, a residencia do Incio, con 58, e o fogar residencial El Pinar, de Culleredo, con 21, o tres intervidas pola Xunta de Galicia.

Tamén teñen usuarios contaxiados a residencia Ballesol de Oleiros (6), a DomusVi Lalín (2) e as das Salinas de Ourense, Castro Ribeiras de Lea e Arteixo, cun usuario afectado cada unha. A residencia Orpea A Coruña, que até este domingo era a terceira en número de casos en Galicia, mantén só dous casos activos entre os seus maiores.

TRABALLADORES DE RESIDENCIAS

Con respecto aos traballadores dos centros xeriátricos, baixan até o 97 --un menos-- os casos de coronavirus activos, tras a negativización do único empregado afectado na residencia Orpea Coruña.

Así, o cadro con máis casos segue sendo a do Incio, con 35 traballadores contaxiados; seguida por DomusVi de Outeiro, con 24 casos; e El Pinar de Culleredo, con sete. En DomusVi Lalín hai tres casos; e en Ballesol Oleiros, Volta do Castro, San Simón, Victoria de Teo, Nosa Señora do Socorro de Arnoia, Doral Residencias de Mos, e CRAPD I de Vigo, hai dous casos en cada unha.

A eles súmase un caso nos cadros de cada un destes centros: Residencia de Oleiros, DomusVi Noia, Porta do Camiño, A Milagrosa (Lugo), San Bartolomeu de Xove, A Saleta de Cea, DomusVi Barra de Miño, Residencia Santiago Apóstolo de Vilamarín, Fogar Residencial Vilar de Barrio, residencia de Campolongo, CRAPD II de Vigo, Alvi-Beade de Vigo, A nosa Señora da Saúde da Peroxa e a residencia Santa Marta de Vigo.

CENTROS DE DISCAPACIDADE

En canto aos centros de discapacidade, mantéñense en 37 os contaxios entre os seus usuarios: un na Residencia de Adultos Pai Menni de Betanzos (A Coruña) e 37 na residencia Ricardo Baró de Aspronaga, en Oleiros (A Coruña).

Tamén hai 15 traballadores con COVID en diferentes centros. A maiores, hai un empregado con coronavirus no centro Juan Vidán Torres de Santiago, outro na residencia para persoas con dano cerebral de Castro de Rei e outro no CAPD de Chapela-Redondela.

21 sep 2020 / 18:08
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.