Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

“É importante que se interioricen as medidas, estaremos así moito tempo”

Todos os ollos miraban cara o outono ao falar de ‘rebrotes’, pero os datos indican que xa estamos nunha segunda vaga epidémica. Semella que o verán relaxounos a todos tanto a nivel social como a nivel político, e esquecemos que o virus seguía entre nós. Como valora a actual situación epidemiolóxica?

A situación é complicada, sobre todo os datos da evolución do último mes son moi preocupantes. Debemos, polo tanto, extremar as precaucións e insistir na estratexia de prevención: distancia, máscara, lavado de mans e minimizar as nosas relacións sociais, sin cambialas continuamente. E así teremos que estar moito tempo. Por iso é importante que a xente interiorice estas pautas de comportamento, xa que é o único xeito de atallar a transmisión da pandemia.

Agora ben, dito isto, atopámonos nunha situación peor da prevista. Dende o final do confinamento, a previsión era a dun incremento dos casos, pero o acontecido neste último mes sorprendeunos a todos. A pesares disto, non é nada comparable coa situación que vivimos en marzo ou abril. Estamos vendo moitos casos, pero é certo tamén que contamos cunha capacidade diagnóstica, facendo moitas máis PCR, e somos quen de detectar os casos moito antes. Non estamos vendo tampouco un problema de mortalidade significativo, polo momento, porque os grupos de maior risco –os de maior idade– están protexéndose mais. Pero coidado, porque se seguimos con estas taxas de contaxio rematará aparecendo e o virus chegará a eles.

Con respecto á fase inicial da pandemia, o perfil de infectado é agora máis xoven. Pódese achacar só a isto a menor carga hospitalaria?

Probablemente sexa a principal causa. A poboación que se está contaxiando son persoas de entre 35 e 45 anos, e esas persoas en xeral presentan afectacións moi leves ou son en moitos casos asintomáticos.

A nivel lexislativo, a Administracion tratou de conter estes brotes con restricións á hostalaria, peche do ocio nocturno e prohibición do tabaco. Como valora vostede este paquete de medidas?

É razoable, e paréceme que é o que hai que facer. A única crítica que poderiamos facer dende a epidemioloxía é que chegou moi tarde. É dicir, o ocio nocturno era dificilmente compatible coa situación epidemiolóxica que tiñamos. Faise difícil pensar que nunha discoteca, un espazo reducido onde a xente se atopa, baila, etc, se poidan manter as mínimas medidas de seguridade como a distancia ou a máscara. Sobre todo, nun contexto onde o consumo de alcohol tende a ser elevado e por tanto existe unha maior deinhibición e un sentimento de menor vulnerabilidade, de modo que calquera regra que queiramos cumplir, nese contexto resulta máis complicado.

Comprendo perfectamente as dificultades que implican tomar este tipo de medidas, a nivel socieconómico por exemplo, pero parecía moi complicado que puideran coexistir espazos de ocio nocturno coa pandemia.

En canto ao que si existe certa polémica é co sistema de detección de casos e a figura dos rastrexadores. As sobredimensionadas cifras galegas, as ratios ideais e, inclusive, o seu propio papel. Que valoración podería facer neste sentido?

Galicia neste sentido da uns datos que non quedan claros, falouse nun principio de 20 rastrexadores, agora fálase de 6.000, pero cando menos estes son rastrexadores que non exercen a tempo completo.

É difícil comparar unhas comunidades con outras, e neste sentido non me atrevo a dicir o que está pasando; o que está claro é que as cifras non deberían ser esas. Os estudios plantean que debería haber un rastrexador por cada 4.000 habitantes, no peor dos casos, pero os números en ningún caso se aproximan a esto. Ademais, estamos falando de persoal que se tería que ocupar a tempo completo a cumplir con esta función. Reciben os datos dos casos e, a partires de aí comezan a estudar os seus contactos durante oito horas como calquer traballador ordinario.

Neste momento resulta case imposible dicir agora mesmo cantas persoas están exercendo esta tarefa en Galicia, e podería dicir o mesmo doutras comunidades.

Durante a fase máis dura da pandemia a peor parte levarona as residencias de maiores, nunha situación que os familiares catalogan como “a maior catástrofe humana dende a Guerra Civil”. O acontecido na residencia do Incio e os tres falecementos nos últimos días nestos centros xeriátricos avivou o medo. Podemos volver a unha situacion nestes centros a dos meses de marzo e abril?

Tal vez peco de optimista, pero eu creo que non volveremos a vivir unha situación como a do inicio da pandemia. Vai ser inevitable que ás residencias cheguen casos, pero coidado, estes centros van pecharse e incluso os propios familiares van ser moi conscientes e pensaranse moito esa visita. Se antes iamos cinco ou seis persoas, agora irá seguramente un só e entrará con grandes restricións. Incluso, esa persoa que vaia tomará máis precaucións, como pasar unha pequena cuarentena previa antes de visitar a ese familiar.

Por suposto, aparecerán algúns casos e algunhas mortes, xa que nese grupo de idade lamentablemente a relación entre ser caso e ser morte vai moi unida. Pero as propias medidas restritivas que impoñan as residencias e a interiorización do peligro da situación por parte das familias impedirá que se repita unha situación similar á vivida durante o inicio da pandemia.

Esto terá, tamén, consecuencias cognitivas nos anciáns, xa que están acostumados a un ritmo de visitas e a unha rutina, e estos cambios farán que sofran, pero hai que poñelo todo enriba da mesa e toda precaución é pouca, cando a morte é un perigo real.

Hai pais que ven a volta ás aulas. con medo e preocupación. A escola para os nenos é moito máis que a clase, é o seu principal medio de interacción social cos seus iguais. Pode a educacion presencial chegar a supor, neste sentido, un risco de transmisión vírica?

O risco nunca vai ser cero, pero o risco de non ir á escola é moito maior; sobre todo para as clases máis desfavorecidas. Non abrir as escolas sería unha hipoteca social moi difícil de compensar. Os nenos teñen que ir ás aulas e cada escola debe coas ferramentas que lle poñan enriba da mesa (máscara, distancia, grupos burbulla, entradas ordenadas, corredores distintos para cada grupo) para minimizar os riscos, pero o neno debe levantarse pola mañán para ir á escola, pasar unhas horas con outros alumnos e os profesores que os van formar, é necesario que iso se poña xa en marcha. Despois, se nunha escola concreta aparece un problema grave, pois quizais puntualmente podería pecharse unha escola completa. Pero eu trasladaría a idea de que ningún pai debe pensar que en aras da saúde do seu fillo é mellor que quede na casa.

Iso suporía un dano tremendo, a probabilidade do contaxio vai a estar sempre aí e os datos que temos sobre as infeccións nas escolas con estudos realizados en países como Dinamarca, dinnos que o risco nas aulas en ningún caso é elevado.

29 ago 2020 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.