Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Feijóo: “A situación é mala. Seguimos desprotexidos e en alerta”

O xefe do executivo galego explicou que a incidencia do COVID en Galicia “é o dobre de hai un mes”. Lamenta que o subministro das vacinas sexa “moi lento”

O presidente da Xunta fixo balance este mércores nunha rolda de prensa da situación epidemiolóxica de Galicia, logo de que o Sergas fixera público que a día de hoxe hai na comunidade 9.479 casos activos de COVID, dos que o 94,6% se recuperan nos seus domicilios, e 438 hospitalizados, o 0,8% deles na UCI. Alberto Núñez Feijóo pediu un esforzo adicional aos cidadáns “para preservar a súa saúde, as súas vidas e a situación hospitalaria. Seguimos desprotexidos e seguimos en alerta”. A pandemia, reiterou, “é unha ameaza á economía, ao sistema sanitario e ás vidas dos que queremos”.

Segundo expuxo, a taxa de incidencia segue en aumento “dunha forma notable e claramente preocupante”. De feito, engadiu, a 14 días a incidencia é de 325 casos por cada 100.000 habitantes, “case o dobre de hai un mes, e a 7 días de 207, tamén máis do dobre de hai un mes cando estabamos en 80”. Os datos, mellores en calquera caso que a media nacional, “confirman que a terceira onda está afectando a Galicia. Debemos ser conscientes de que estamos nun momento especialmente preocupante”.

Recoñece Núñez Feijóo que se ben “a presión hospitalaria é aínda menor que a da onda de novembro (nas UCI a ocupación está un 22% por debaixo, e en planta un 11%), é preciso tomar medidas xa porque “a progresión é peor que daquela”. De non facelo, suliñou, “o pico sería a finais de febreiro e a ocupación hospitalaria podería chegar aos niveis do pico do mes de abril. Se actuamos de forma inmediata, poderiamos adiantar o pico a finais de xaneiro ou ás primeiras semanas de febreiro”.

O presidente xustificou as novas restricións que entrarán en vigor esta medianoite, malia que “ningún dos expertos que asesora á Xunta e ningún dos membros do Goberno galego ignoramos que supoñen efectos durísimos para centenares de familias, sectores, negocios e empregos”.

Anunciou que se vai seguir incrementando a capacidade diagnóstica de forma continua e constante. A principal preocupación, recoñeceu, son os asintomáticos. Tamén se seguirá traballando na prevención. Admite que a situación é mala, “sen paliativos”, e que nos agardan “semanas duras”.

VACINACIÓN

Núñez Feijóo pediulle á cidadanía que non se confíe “porque comenzara a vacinación. O subministro é moi lento, e teremos que agardar varios meses para ter vacinas de 5 ou 6 laboratorios”. Hoxe ás 08.00 iniciouse a vacinación dos sanitarios, “e confiamos en chegar aos 6.000 ao final da xornada”. Ademais “a finais de mes esperamos ter subministrada a segunda dose nas residencias, salvo nas que teñen gromos”.

13 ene 2021 / 13:14
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.