Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Feijóo: “Haberá máis risco de contaxio fóra das aulas que dentro delas”

Defende o protocolo galego que se está a ultimar, e pídelle aos pais que “non teñan medo en mandar aos seus fillos ao colexio”. No tocante á pandemia, a situación máis preocupante segue estando na comarca da Coruña, onde se apreza unha estabilización. Pediralle a Sánchez a modificación da actual Lei de Saúde Pública

Alberto Núñez Feijóo reuniuse por videoconferencia este mércores co comité clínico de expertos sanitarios para analizar a evolución da pandemia do covid en Galicia. Un dos asuntos que estivo enriba da mesa foi a volta ao colexio. O presidente da Xunta defendeu o protocolo que está a elaborar ao respecto o seu Goberno, destacando que minimiza os riscos. De feito, e segundo dixo, “haberá máis risco de contaxio fóra das aulas que dentro delas. A aula será un lugar moito máis seguro que outros lugares que os rapaces e rapazas frecuentan”. Por este motivo, pediulle aos pais que “non teñan medo en mandar aos seus fillos ás aulas”.

Ese protocolo asistencial, que está a ser pulido polas consellerías de Sanidade e Educación, estará listo “na primeira semana de setembro”. O curso comezará en Galicia “con 158 unidades máis que o ano pasado, o que supón a contratación de mil profesores máis se fose necesario”. Anunciou ademais que a partir da vindeira semana “daremos formación a 4.000 docentes para que coñezan o tratamento da pandemia covid nos seus centros educativos”. Tamén se comezou a facer probas ao persoal destes centros.

Nese protocolo “exhaustivo con información específica”, recóllese o que se debe facer diante dun eventual escenario de brotes. O ensino, destacou, “será preferiblemente presencial, e en caso de brote explicáse o que hai que facer para seguir as clases virtualmente”. Sinalou o presidente da Xunta que “estamos vendo como se inician as clases noutros países. A determinación prioritaria dos gobernos é a educación presencial”. Tanto os rapaces de máis de 6 anos, como os profesores, deberán levar máscaras.

Núñez Feijóo aproveitou a súa comparecencia para lamentar que o Executivo central “non pareza disposto a facer o traballo que os presidentes entendimos que ían facer desde hai meses” no tocante á volta ao colexio. A maioría dos presidentes, suliñou, “pedimos un protocolo para iniciar o curso lectivo e facer os preparativos no verán”. A resposta, engadiu, era sempre a mesma: que habería unha Conferencia de Presidentes específica para abordar este asunto. En principio ía ser esta semana, pero Pedro Sánchez confirmou onte que será a vindeira.

Logo de sinalar que “todos coincidimos en que planificar o inicio do curso en plena pandemia con incremento de casos activos e hospitalizacións é difícil pero inevitable, reiterou que “necesitamos coordinacion e criterios homoxéneos, non necesitamos improvisar”. Confía en ter mañá unha proposta seria e rigorosa na conferencia sectorial. Ao seu xuízo, “esta é unha inacción que creo que é un erro que non ten xustificación. As comunidades si traballamos nun protocolo no ámbito exclusivo de cada territorio”.

A ÁREA DA CORUÑA SEGUE A SER A MÁIS PREOCUPANTE

Sobre os datos da pandemia en Galicia, Núñez Feijóo recoñeceu que o máis preocupante segue a ser á área da Coruña, se ben “parece que se estabiliza nos últimos días”. Neste sentido, explicou que na comarca a taxa acumulada de positivos era de 241 por cada 100.000 habitantes hai 14 días, de 114 nos últimos 7 días, e de 37 por cada 100.000 habitantes nos últimos 3 días. Esa evolución, dixo, “abre unha fiestra de esperanza”. O resto dos brotes, apuntou, son tamén preocupantes pero “entendemos que están controlados”.

CAMPAÑA DA GRIPE

Noutra orde de cousas, o presidente da Xunta adiantou que a campaña de vacinación contra a gripe comezará o 12 de outubro e durará doce semanas. O executivo autonómico adquirirá 865.832 doses da vacina, o que supón “unhas 200.000 máis que o ano pasado”. O obxectivo é “cubrir o 75% da poboación maior de 65 anos”. Segundo Feijóo, ante un inverno “que non sabemos que nos vai deparar pola convivencia de coronavirus e a gripe, redobramos o esforzo”.

MEDIDAS DE REFOZO CONTRA O COVID

Na rolda de prensa, Núñez Feijóo trasladou outras cuestións relativas ao covid, como unha medida aprobada para facilitar os labores de inspección de espectáculos públicos por parte dos axentes dos corpos e forzas de seguridade do Estado. Poderán proceder á súa clausura se logo de advertir o incumprimento das normas, o responsable do mesmo non toma medidas. Tamén se acordaron medidas para garantir o illamento e a corentena nos casos positivos por covid.

NECESIDADE DUN INSTRUMENTO XURÍDICO ESPECÍFICO

Unha vez máis, Núñez Feijóo reclamou do Goberno central “un instrumento xurídico específico para xestionar a pandemia”. O estado de alarma, destacou, “é algo excepcional e casa pouco coas competencias descentralizadas da España actual”. Por este motivo avanzou que lle vai remitir ao Executivo de Pedro Sánchez unha proposta para modificar a actual Lei de Saúde Pública.

26 ago 2020 / 13:54
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.