Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Galicia intensifica a realización de test para intentar frear os gromos de covid

Farase un cribado masivo a uns mil mozos en Melide, onde xa se rexistran nove contaxios // A Xunta comunica a súa adhesión á aplicación estatal de rastrexo para o móbil

A Consellería de Sanidade realizou no día de onte dúas comunicacións que se encadran nun mesmo eixo, o do aumento do control ante un panorama no que os gromos existentes de coronavirus na comunidade continúan medrando e con contagotas rexístranse novos de xeito diario.

A primeira destas comunicacións refírese aos dous brotes existentes no concello coruñés de Melide. Alí a área sanitaria de Santiago-Barbanza comunicou onte que realizará un cribado masivo a mil mozos de entre 18 e 30 anos de idade. Levarase a cabo entre hoxe e mañán no Centro de Saúde da localidade. O feito que levou ás autoridades sanitarias a levar a cabo este screening masivo foi a detección de dous gromos na localidade, un deles asociado a un grupo de catro amigos menores de 30 anos e outro nunha unidade familiar composto por tres casos. Un cribado que se suma aos que nestes días se están realizando nos concellos da área coruñesa a persoas especialmente expostas á covid.

Ademais, Sanidade informou da ahesión da comunidade á aplicación estatal de rastrexo Radar Covid. Por medio dunha carta, Jesús Vázquez Almuíña comunicoullo ao departamento estatal de Sanidad, que lidera Salvador Illa, sinalando que a situación actual fai preciso adoptar novas vías de control e seguimento para combater a expansión do virus, e, deste xeito, acadar unha xestión o máis optimizada posible da súa evolución. A Xunta xa viña traballando na súa propia aplicación, denominada Passcovid que será interoperable co sistema de rastrexo estatal.

Este aumento no control foi comunicado por Sanidade no día de onte, unha xornada aciaga na evolución da covid na comunidade coa detección de cinco novos gromos –tres casos ou máis relacionados entre si–, e o crecemento dos positivos en tres dos que xa estaban rexistrados con anterioridade.

Dos rexistrados no día de onte, os dous que adquiren unha maior relevancia pola cantidade de positivos son os do concello de Melide, onde entre ambos gromos suman 9 casos.

En Monforte de Lemos detectouse tamén un abrocho de oito positivos nun edificio. Establecendo o persoal sanitario un rastrexo no resto de veciños co fin de confirmar outras posibles infeccións.

No concello coruñés de Cedeira rexistrouse un gromo con orixe nun núcleo familiar con 7 positivos, e neste momento as autoridades sanitarias analizan aos convivintes dos infectados.

Así mesmo, na provincia de Ourense, foron dous os abrochos rexistrados na xornada de onte. O primeiro deles en Verín, onde o seguimento dos contactos máis estreitos dunha muller con positivo que estivo na vila ourensá recentemente supuxo a detección de tres casos nun entorno familiar –pai, nai e fillo– que se atopan en seguimento domiciliario. O segundo, na cidade das Burgas, onde tamén a raíz do positivo o domingo dunha muller de 49 anos, detectáronse dous novos positivos na súa unidade familiar –dous mozos de 21 e 15 anos–. Os tres evolucionan na súa vivenda.

Dos que medran en número de positivos, é destacable o de Viana do Bolo, onde o seguimento do gromo importado de covid-19 detectado o domingo que afectaba a seis persoas, levou a atopar onte sete novos infectados a través do rastrexo de contactos.

No concello de Muros, apareceu tamén un novo infectado en relación co abrocho do cámping de Louro. Aumentando ata os oito os casos activos. Neste momento, Sanidade atópase estudando os contactos deste novo caso con domicilio en Compostela.

Para rematar foi tamén detectado onte un novo caso no gromo dun campamento infantil do concello de Cerdido, elevando ata os 16 os positivos neste caso.

datos
superados os 1.500 casos activos

··· 1.505 son os casos activos de coronavirus existentes na comunidade, cos 122 positivos rexistrados no día de onte.

··· Por segundo día consecutiva medra o número de usuarios de residencias infectados, con tres máis que o luns, elevando o total ata os 11 casos activos entre residentes. Ademais de cinco traballadores un máis que a pasada xornada.

··· Seis persoas evolucionan na UCI unha máis que o luns e outras 55 en unidades convencionais de hospitalización. Mentres que o 96,3% restante de casos activos evoluciona a través do seguimento domiciliario.

···A área sanitaria da Coruña-Cee continúa sendo a máis afectada, capitalizando o 61% dos casos activos, 921. Vigo, a segunda, conta con 139.

A oposición galega pide máis medidas restritivas e transparencia cos datos

Santiago. A líder da oposición no Pazo do Hórreo, a nacionalista Ana Pontón, demandou onte ao presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, que declare de novo o estado de emerxencia sanitario en Galicia “para ter unha maior capacidade de actuación”. Feito que fixo que Sanidade emitira un comunicado na tarde de onte lembrando que permanece vixente dende o 13 de marzo. Acerca da situación da área da Coruña, o BNG considera que xa é necesaria a implementación de restricións da mobilidade. A líder frontista emplazou ao Executivo galego a “deixar de porse de perfil” e a tomar “medidas contundentes de carácter preventivo”. Sobre todo na Coruña “onde a Xunta recoñece que hai transmisión comunitaria”, e que polo tanto, son necesarias “novas restricións” e a realización de “probas masivas”, afirmou Ana Pontón.

Tamén se pronunciou no día de onte nas filas socialistas, o deputado arousán Julio Torrado, quen demandou á Xunta que aclare cantos rastrexadores de casos de coronavirus hai en Galicia xa que “ninguén sabe nada sobre a que é probablemente a figura máis importante na loita contra a covid”. Unha demanda á que se sumou tamén Esquerda Unida a través dun comunicado no que denuncian o escurantismo da Xunta cos datos sobre os rastrexadores.

Sobre ese escurantismo falou tamén Torrado, quen calificou de “desvergoña” que Feijóo fale de máis de 6.000 rastrexadores, incluíndo nesa cifra a “médicos de familia” ou persoal de atención preventiva cando “obviamente” non cumplen esa función. Neste senso, o arousán demanda unha maior transparencia por parte de Sanidade, á hora de transmitir os datos á cidadanía. m.garrido

19 ago 2020 / 12:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.