Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Galicia ten en estudo dous posibles contaxios da cepa británica

O conselleiro de Sanidade explicou que corresponden a dúas áreas sanitarias diferentes. A evolución da pandemia en Galicia é estable. O ocupación das UCI subiu un 11%

A coñecida como cepa británica da COVID, máis contaxiosa, podería ter chegado a Galicia. O conselleiro de Sanidade confirmou este martes en rolda de prensa que nestes momentos están estudando dous posibles contaxios. Julio García Comesaña limitouse a sinalar que corresponden a dúas áreas sanitarias, pero non ofreceu máis detalles.

Logo da reunión onte do comité clínico, o conselleiro compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta das decisións adoptadas na mesma. A día de hoxe hai 250 concellos no nivel básico de restricións, 7 no nivel medio e 39 no nivel medio alto tras a incorporación de Porto do Son, Carral, Outes, Barro, Xinzo, Muros, A Pobra e Xove. Os 17 municipios restantes quedan coas máximas restricións, entre eles Noia, Lousame, Verín, Monterrei, Cualedro e Castrelo de Val.

A directora xeral de Saúde Pública explicou que a situación epidemiolóxica de Galicia é moi estable, especialmente a 7 días. A incidencia acumulada a 14 días é na comunidade de 183 por 100.000 habitantes, e a 7 días de 87,9. Hai, segundo Carmen Durán, unha “tendencia de estabilidade absoluta”. Estamos, dixo, nunha situación “máis ou menos boa en canto ao número reproductivo instantáneo, por debaixo de 1, por riba da media nacional no número de PCR realizadas por 100.000 habitantes, con 2.376 probas, e cunha taxa de positividade do 4,47%”.

Por cidades, hai estabilidade na Coruña, Pontevedra e Vigo, aínda que nas dúas últimas a incidencia acumulada está por riba de 150. Tamén hai estabilidade en Ferrol, “cun certo descenso”. Nesta urbe a incidencia acumulada a 14 días está en 124, e permanece estable a 7 días. En Lugo hai “unha franca melloría, cunha incidencia acumulada a 14 días en 87,5 e a 7 días en 44,8”. A cidade de Ourense tamén mellora, e a incidencia acumulada a 14 días está por debaixo de 105.

No caso de Santiago, Durán sinalou que aínda que subiu lixeiramente a incidencia acumulada a 14 días, que pasou a 206,7 desde os 194, baixou a incidencia acumulada a 7 días: está en 92,5 cando a semana pasada estaba en 114.

Sobre os concellos nos que se incrementan as restricións, a directora xeral de Saúde Pública referiuse ao caso da Pobra, onde a incidencia acumulada a 14 días é de 246 casos por 100.000 habitantes. O mesmo ocorre en Muros, que xa estaba en seguimento desde hai 10 días, onde a incidencia acumulada a 14 días é superior a 300.

Polo contrario, hai concellos que melloraron de forma significativa, motivo polo que neles se aliviaron as restricións. Foi o caso de Lugo, Rodeiro e Ponteareas. Este último municipio “só tiña un caso a 3 días, e a incidencia acumulada a 14 días é de 83”. Val do Dubra, Vedra, Padrón e Rois estarán en vixilancia especial. Neles, a incidencia acumulada é de 490, 278, 300 e 243, respectivamente.

SITUACIÓN ASISTENCIAL ESTABLE

A situación asistencial segue a ser estable en Galicia, segundo ratificou o xerente do Sergas. José Flores explicou que o 93,7% dos enfermos de COVID que hai diagnosticados en Galicia, ou o que é o mesmo, 5.176 persoas, están a recuperarse nos seus domicilios co seguemento dos médicos de Atención Primaria. As chamadas ao 061 mantéñense nunha media de 3.000-3.500 ao día, das que entre 350 e 400 están relacionadas co coronavirus. Hay ademais unhas 1.700 atencións diarias nas urxencias de toda Galicia, cifra habitual nestas datas, cunha lixeira caída nos dous últimos días.

Sobre as hospitalizacións, Flores dixo que a ocupación de camas convencionais por enfermos de COVID diminiu un 4% nos últimos 7 días, ata as 291. Non ocorreu o mesmo coas camas da UCI. Neste caso, rexistrouse un incremento do 11%, sobre todo na Coruña e Pontevedra, con 56 camas ocupadas en total.

Por último, o conselleiro de Sanidade confirmou que nos últimos días 27.000 persoas se deron de alta no rexistro de viaxeiros, 4.000 delas estudantes. Entre estes últimos foron detectados 62 positivos.

29 dic 2020 / 10:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.