Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Illados individualmente 63 concellos, toque de queda ás 22.00 e límite de 4 non convivintes nas reunións

Entre os municipios coas máximas restricións están as sete cidades galegas. A hostalaría terá que pechar ás 18.00 horas, e os comercios ás 21.30. O presidente galego pide que se saia da casa só para o esencial. As visitas hospitalarias quedan limitadas a unha persoa por paciente

Tal e como adiantara onte logo da reunión do comité clínico, a Xunta acordou endurecer as restricións vixentes para frear o avance do COVID, nunha xornada na que Galicia superou o seu propio récord, con 1.074 novos contaxios en 24 horas. Segundo o presidente, a situación a día de hoxe é mellor que cando se tomaron medidas en novembro, “pero a progresión é peor que daquela. Vai ser unha loita titánica”.

Como explicou Alberto Núñez Feijóo, a máxima prevención “vaise estender probablemente ata mediados de febreiro desde o venres, e estará comprendida entre os dous niveis máis altos de proteción”. De xeito xeral, o toque de queda adiántase ás 22.00 horas en toda Galicia, a hostalaría terá que pechar ás 18.00 horas, as reunións sociais non poderán ser de máis de 4 persoas e os comercios deberán pechar como moi tarde ás 21.30 horas, cun aforo máximo do 50%. As visitas hospitalarias quedan limitadas a unha persoa por paciente en tódolos hospitais do Sergas, salvo casos excepcionais.

En total, 60 concellos galegos, 33 de máis de 10.000 habitantes e 27 de menos de 10.000, terán as máximas restricións e quedarán illados individualmente. Neles vive o 47% da poboación galega. Son aqueles municipios cunha tendencia dos casos á alza, e que superan os 250 por cada 100.000 habitantes. Na provincia da Coruña están nesta situación A Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Carballo, Santiago de Compostela, Ames, Ribeira, Boiro, Rianxo, Noia, Ferrol, Narón, Fene, Cee, Camariñas, Cerceda, Laxe, Vimianzo, Cabanas, Pontedeume, Ortigueira, Outes, Porto do Son, A Pobra do Caramiñal, Melide, Oroso, Trazo e Val do Dubra. Na de Lugo son Vilalba, Viveiro e Xove, e na de Ourense os municipios de Ourense, Barbadás, Carballiño, Verín, Allariz, Monterrei e Xinzo de Limia. No tocante á provincia de Pontevedra, os concellos coas máximas restricións serán A Estrada, Poio, Bueu, Moaña, Baiona, Ponteareas, Redondela, A Guarda, Tomiño, Tui, Vilagarcía, Vilanova, A Illa de Arousa, Valga, Pontecesures, Caldas de Reis, Oia, Cuntis, O Rosal e Salvaterra do Miño.

En todos estes municipios, ademais das restricións que afectan a toda Galicia, aplicaranse as seguintes medidas:

_O interior da hostalaría estará pechado e só poderán atender nas terrazas, cun 50% do aforo, ata as 18.00 horas. Non ten límite a entrega a domicilio.

_Os centros de xogo estarán pechados.

_Os centros comerciais reducirán o seu aforo ao 30%.

O resto de Galicia quedará nun nivel de restricións medio alto. Núñez Feijóo pediu que neles se saia só para o esencial: acudir ao médico, aos colexios, ao coidado de maiores e menores, ao comercio para o indispensable, e acudir con normalidade ao traballo, dándolle prefencia ao teletraballo. Nestes municipios, a hostalaría poderá abrir no interior cun 30% do aforo, e na terraza cun 50%. Os concellos de Lugo, Pontevedra e Vigo, malia estar neste nivel de restricións, quedarán pechados individualmente.

NON ÁS REUNIÓNS SOCIAIS NOS DOMICILIOS

Por activa e por pasiva, Núñez Feijóo insistiu na necesidade de que as xuntanzas se limiten aos convivintes. Tamén pediu que as reunións sociais de ata catro non convivintes “non se trasladan aos domicilios particulares cando pechen os bares”.

AXUDAS Á HOSTALARÍA

Na súa intervención, o presidente recoñeceu que “é inxusto estigmatizar á hostalaría. Atrévome a dicir que hai menos contaxios nos bares que nos domicilios”. Sen embargo, engadiu, “debemos ser máis estrictos porque é o único sitio, xunto cos domicilios, onde non se pode entrar agás con autorización xudicial, e se pode quitar a máscara”.

O presidente lembrou que máis de 14.700 negocios deste sector xa recibiron en axudas 21,5 millóns de euros, e que o 50% dos propietarios tiveron axudas a maiores. En calquera caso, sinalou que “se tomarán máis medidas de forma inmediata”.

13 ene 2021 / 13:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.