Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

No novo mundo expositivo post Covid-19: fotos, pintura e integración nas reixas

Usuarios de Aspaneps colgan os traballos ao aire libre, nos xardíns municipais de San Sadurniño

San Sadurniño. Coa pandemia do coronavirus tamén chegan novos tempos para as exposicións. Imperarán a partir dagora os espazos a ceo aberto, como no traballo realizado polo Centro Ocupacional Aspaneps de Fene. Neste servizo de atención psicosocial á infancia, á familia e a personas con discapacidade intelectual, lanzouse o proxecto Pintámo-lo Mundo. Trátase dunha mostra fotográfica entre os alumnos e o fotógrafo Gabriel Tizón, onde aparecen os debuxos realizados por estes rapaces sobre como queren que sexa o seu futuro. As 25 imaxes dun metro por 70 centímetros están impresas en lona. E xa penduran das reixas dos xardíns municipais e do concello de San Sadurniño, onde permanecerán ata finais de mes.

A partir dun curso impartido por Tizón, a exposición reflicte “unha mirada a un mundo cotián cheo de cor, un mundo diverso e inclusivo onde cadaquén pode debuxar como queira o seu futuro”. A idea naceu na Feira do Rural de 2018, onde contactaron desde Aspaneps co fotógrafo. E segundo explica o educador social Xavier Picos, “ese mesmo ano fixemos un curso con el usando móbiles e pequenas cámaras”. A mostra co resultado dos traballos estaba programada para finais de abril na Feira da Plantación de San Sadurniño. Todo quedou suspendido polo estado de alarma derivado do coronavirus. Pero desde Aspaneps indican que viron no entorno do concello “un espazo ideal para facela visible nas actuais circunstancias”.

O cambio de situación coincide ademáis coa liña na que traballa a Concellería de Cultura de cara ao verán. Segundo a súa responsable, Amparo Calvo, “promovemos a actividade ao aire libre e en lugares que permitan organizar eventos gardando as distancias entre persoas”. Por exemplo, o grupo da escola de Cantos de Taberna retomou os ensaios nos xardíns como escenario. E as escolas de gaita e pandeireta farán o mesmo a partir da semana que vén no campo de fútbol de Naraío.

Tamen desde o Centro Ocupacional de Aspaneps en Fene apostan por colocar estas imaxes de gran tamaño no seu medio natural: espazos abertos e concorridos, Segundo o seu educador social, Xavier Picos, “desde un modelo de educación inclusiva hai que traballar rompendo espazos e ocupando espazos da sociedade, se nós montásemos nun museo teríamos un público moi pequeno e así temos a toda a poboación en xeral”.

A exposición pendurada das reixas require un percorrido pausado e mantendo as distancias. E cada imaxe amosa unha man que debuxa a realidade: “Para deseñar segundo as nosas competencias e necesidades un mundo diverso que nos fai moita falta”. p. h.

01 jun 2020 / 20:11
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.