Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Non se poderá fumar en rúas e terrazas sen distancia de seguridade

As limitacións na área da Coruña continúan unha semana máis, pero sen acotar “polo momento” a mobilidade // Estudan o peche do lecer nocturno en máis concellos

O comité clínico de expertos que asesora a Sanidade en materia de prevención da covid-19 recomendou onte non permitir fumar nas rúas da comunidade ou en espazos públicos ao aire libre, como as terrazas dos bares, se non se pode gardar a distancia interpersonal de dous metros de seguridade. Así o explicou o presidente Feijóo, en rolda de prensa posterior a esta reunión, na que estivo presente, asegurando que o Goberno galego, facendo caso ás recomendacións, decidiu prohibir esta actividade en toda Galicia.

Ademais, as medidas seguirán igual na área da Coruña, sen impoñer restricións á mobilidade, “polo momento”, aínda que a prohibición de apertura dos locais de lecer nocturno estase estudando para ampliala a máis concellos que os nove da comarca herculina.

Feijóo explicou que os expertos consideran o fume de tabaco “un factor de difusión” do virus e un “risco alto de infección”, apostando por prohibilo tamén “cando se esté en tránsito ou en movemento”. Galicia convértese así en pioneira á hora de aplicar esta medida, aplaudida onte pola organización de consumidores Facua, que animou ao resto de comunidades a seguir o exemplo.

A prohibición recolleuse na nun Diario Oficial de Galicia extraordinario publicado a última hora de onte, onde se concreta exactamente: “No caso particular de consumo de tabaco ou de cigarros electrónicos na vía pública ou en espazos ao aire libre, incluídas as terrazas, só se poderá exceptuar a obriga de uso de máscara, e exclusivamente durante o indicado consumo, sempre que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, poida garantirse o mantemento, en todo momento, da distancia de dous metros con outras persoas”.

As restricións impostas o pasado venres na comarca coruñesa e na área sanitaria A Coruña-Cee prolónganse unha semana máis. aínda que non se desbota a posibilidade de ampliación por un periodo máis longo. Por agora non haberá limitacións da mobilidade. A Xunta non o cre necesario “polo momento”, pese a ser a zona afectada polo brote de covid-19 máis grande de Galicia –o de Arteixo, con máis de medio cento de persoas contaxiadas– e que rexistraba onte 463 casos activos. “Iso non significa que, en vista da evolución da situación, non haxa que abordalo nos próximos días”, advertiu Feijóo.

Haberá, eso sí, un cribado preventivo máis masivo, con probas de PCR “aleatorias” entre distintos colectivos –como traballadores sociais ou sanitarios– e, en especial, entre menores de 40 anos. Nas “últimas semanas”, coincidindo coa apertura de fronteiras, producíronse “brotes” na comunidade, recoñeceu Feijóo, que incrementaron “a incidencia do virus”. De todas formas, a situación epidemiolóxica de Galicia “segue sendo, despois de Canarias e empatada con Asturias, das menores de España”, cunha taxa acumulada de 23,52 casos por cada 100.000 habitantes, fronte á medianacional de 94 casos. Hai 220 concellos galegos nos que non se rexistrou ningún caso en 14 días.

Menos visitas nos hospitais No caso da Coruña e a súa área de influenza detectouse “un incremento brusco de contaxios entre o 6 e o 8 de agosto”, explicou o presidente, á vez que precisou que o 80% dos contaxios son de menos de 60 anos e a taxa de incidencia máis elevada está entre os 20 e os 40 anos. A idade media dos ingresados sitúase nos 56 anos, o que evidencia “un cambio de tendencia”, destacou.

A incidencia acumulada por cada 100.000 habitantes nesta área sitúase xa nos 92 casos, lixeiramente por baixo da media nacional pero que “multiplica claramente” á do resto de Galicia. “A situación epidemiolóxica de Galicia é boa, pero a da área da Coruña é mala”, dixo, “é moi preocupante”. Por iso, os expertos decidiron prolongar as restricións, como o peche do lecer nocturno e a prohibición de festas e verbenas en nove municipios da área metropolitana, a limitación de reunións privadas de non convivientes a 10 persoas, a redución de aforamentos ao 50 por cento ou o peche de centros de día. A maiores, desde onte quedaron restrinxidas tamén as visitas e acompañamento de familiares a persoas ingresadas nos hospitais. O presidente fixo fincapé na necesidade de “tomarse en serio” as medidas aprobadas, e afeou a municipios, Delegación do Goberno e Forzas de Seguridade que non leven a cabo controles máis rigorosos. “Lamentablemente, confirmamos que hai unha enorme relaxación”, dixo , nos controis en vigor, polo que o Executivo galego dirixirase, “unha vez máis”, a concellos e Delegación para solicitar que “estean vixiantes e proactivos” no control.

Recomendación aos maiores de 75 anos de restrinxir as súas saídas
Establécese que terán atención preferente nos concellos da comarca herculina

Santiago. Nunha das ordes publicadas a última hora de onte no número extraordinario do Diario Oficial de Galicia inclúese como medida de prevención adicional frente ao coronavirus que nos concellos da comarca da Coruña (Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, ademais da propia A Coruña) os establecementos deberán prestar un servizo de atención preferente aos maiores de 75 anos. “O cal deberá concretarse –apúntase na orde– en medidas como control de accesos ou caixas de pago específicos, e /ou en horarios determinados que aseguren a dita preferencia na atención”. A existencia do servicio de atención preferente deberá sinalarse de forma visible nos ditos establecementos comerciais, engádese no DOG.

Na mesma orde inclúese como outro punto que nos mesmos concellos recoméndase ás persoas maiores de 75 anos, ás personas vulnerables ao covid-19 e a aquelas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que presenten algu nha alteración que faga inviable a súa utilización, que eviten na súa actividade actividade diaria as saídas “nas horas de previsible afluencia ou concentración de persoas na vía pública e en espazos ou establecementos abertos ao público, co fin de reducir os riscos derivados da coincidencia con outras persoas”.

Ante o aumento de casos na área da Coruña, o BNG instou á Xunta a realizar probas de cribado masivo. Esixiu, ademais, a comparecencia no Parlamento do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, para informar dos rebrotes en Galicia.

Así o demandou a portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, quen tamén considerou necesario que a Xunta faga públicos os informes do proxecto de investigación que a empresa que depura as augas residuais urbanas da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros realiza xunto á Universidade da Coruña (UDC). Este proxecto, segundo indicou, permite “detectar con antelación os brotes” ao determinar a carga viral aínda que se trate de persoas asintomáticas. A parlamentaria nacionalista advertiu de que xa son uns 40 os brotes detectados en Galicia.

Cerdido
Trece casos nun campamento infantil

···Apareceu un gromo relacionado cun campamento de verano en Cerdido área sanitaria de Ferrol con 13 positivos, non todos do concello de Cerdido. Son tres monitores, dous menores e oito contactos dos anteriores, todos en seguimento domiciliario. O Campamento de Verán 2020, organizado pola Sociedad Cultural Airiños dos Carrís y a ANPA do colexio Os Carrís, suspendeu a actividade. Tras o gromo, varios establecementos de hostelería da zona pecharon as portas.

Cambre
Canceladas as feiras do Temple e Cambre

··· O Concello de Cambre cancelou as feiras de O Temple e Cambre deste venres e domingo debido á evolución epidemiolóxica da área sanitaria da Coruña-Cee.

Así, informou este Concello nun comunicado, á espera dunha nova comunicación por parte da Consellería de Sanidade, o goberno local tomou unilateralmente a decisión de suspender estas citas “por precaución” e co “obxectivo de evitar posibles infeccións por coronavirus na localidade” coruñesa.

Castro de Rei
Test aos xornaleiros

··· O Sergas anunciou que efectuará un test de detección da covid-19 aos máis de douscentos xornaleiros que traballan en invernadoiros de Cospeito e Begonte ante a aparición dun gromo en Castro de Rei. A decisión do Sergas intervén tras a aparición este domingo dun brote no concello de Castro Ribeiras de Lea, onde se atopan aloxados estes xornaleiros, seis dos cales resultaron positivos nos test efectuados. Os infectados xa foron illados e atópanse nestes intres aloxados en tres establecementos hostaleiros distintos de Castro Ribeiras de Lea.

13 ago 2020 / 00:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.