Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O 99% dos areais non precisarán limitar o aforo, segundo Feijóo

O sistema de cita previa presentouse sen ánimo de que fose o método a implementar

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo asegurou onte que “o 99,9% das praias galegas non necesitarán” implementar sistemas de limitación de aforo para este verán. Fixóo tras ser preguntado sobre as críticas recibidas pola proposta da Xunta de controlar os accesos aos areais a través dun sistema de cita previa cunha aplicación, tal e como se fai para acceder aos parques naturais e á lucense Praia das Catedrais. Unha iniciativa que o mandatario autonómico dixo ter presentado “simplemente por poñer unha ferramenta enriba da mesa” mais “sen ningún ánimo de que sexa a metodoloxía a implementar”.

O presidente recalcou posteriormente que “a inmensa maioría dos galegos non van ter ningún problema para acudir aos areais” xa que en total Galicia, “supera os 1.200 km de costa”.

Unha razón esta última que varios dos alcaldes da costa galega aducían como motivo para non poñer en marcha o sistema de cita previa, dada a elevada dificultade que tería controlar os accesos aos areais nunha costa tan extensa, e é que cabe recordar que a competencia exclusiva sobre as praias é da administración municipal.

Coñecedores disto son na Deputación de Pontevedra, onde o Goberno de Carmela Silva impulsou xa unha comisión técnica que estará encargada de asesorar aos concellos da provincia para deseñar os seus propios plans de acción local fronte a pandemia do coronavirus, tamén no ámbito dos areais.

É necesario subliñar que o vindeiro luns, co pase de Galicia á fase 2 a reapertura dos areais será xa unha realidade; pero a orde de Sanidad ao respecto estipula que o tránsito e permanencia nas praias realizarase mantendo a distancia mínima de seguridade, ou no seu defecto, medidas alternativas de protección física, de hixiene de mans e etiqueta respiratoria. Acudindo aos areais en grupos de como máximo quince persoas.

O responsable do departamento sanitario do Executivo central, Salvador Illa, advertiu de que se non poden cumplir coas medidas estipuladas para a reapertura dos areais, os cidadáns non poderán empregalas pese a estar nunha zona de fase 2, aclarando que o seu Ministerio “non vai a financiar” este custo, xa que corresponde ás comunidades autónomas ou aos concellos.

Non obstante, Illa remarcou que a “clave” é a responsabilidade individual e que os cidadáns se comporten de xeito “exemplar” para poder adoptar esta nova situación.

Insistiu, aínda así, en que corresponderá ás comunidades autónomas velar polo cumplimento das medidas nas praias, á vez ensalzou o papel que xogan os concellos nestes momentos. m.garrido

23 may 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito