Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O ocio nocturno de Galicia pasa as probas con nota e reabrirá en xullo

O sector, “moi satisfeito” coa proba piloto: “A xente ten ganas de festa” // O conselleiro, Julio García Comesaña, sobre o botellón: “Estes días déronse circunstancias moi peculiares que poderían ter derivado nunha tormenta perfecta”

PONTEVEDRA/SANTIAGO. EP. Galicia prevé autorizar a reapertura de todo o sector do lecer nocturno a partir do 1 de xullo, tras o bo resultado do seis probas piloto celebradas o sábado pola noite en diferentes establecementos da Coruña, Vigo, Pontevedra, Santiago, Ourense e Lugo. “Todo o que nos chega desas probas é positivo”, sinalou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en declaracións aos xornalistas en Mos (Pontevedra). A falta de valorar todos os datos técnicos, explicou García Comesaña, “a nivel xeral de funcionamento” as probas realizadas neste seis pubs e discotecas foron satisfactorias, especialmente en canto ás entradas ordenadas e o cumprimento das normas. O responsable de Sanidade no Goberno galego recoñeceu que se rexistrou “algunha incidencia” na monitorización dos niveis de CO2, pero achacou esta circunstancia a “problemas técnicos” cos sistemas de medición. Insistiu en que “todo funcionou de maneira moi normal” e destacou o “bo comportamento” dos asistentes a este seis probas piloto.

A Xunta traballa co horizonte de que o sector retome a súa actividade o próximo 1 de xullo “coas condicións que se deriven desta proba” e que, probablemente, obrigarán a realizar “pequenos axustes” no protocolo, detallou Julio García Comesaña. En todo caso, o conselleiro adiantou que “igual que nos reunimos co sector antes das probas” convocarase unha nova reunión para “pór encima da mesa” tanto os datos subxectivos como os obxectivos e técnicos que achegaron as probas de onte.

Sobre a preocupación expresada polas autoridades ante a posible celebración de botellóns, o titular de Sanidade recoñeceu que estes días se deron “circunstancias moi peculiares” que poderían derivar nunha “tormenta perfecta”. Así, citou o bo tempo, a finalización do período de exames e a “liberación” nas limitacións ás reunións de grupos que, no seu conxunto, facían temer “situacións non desexables” de aglomeracións e non cumprimento das normas. “Falando cos concellos convimos que había que ser especialmente coidadosos”, sinalou García Comesaña, que destacou que os municipios galegos puxeron os “medios necesarios” para que todo seguise “con normalidade”. A este respecto, o conselleiro asegurou non ter constancia de “ningún botellón específico” durante este fin de semana nin problemas de orde pública “máis aló dos habituais”.

A XENTE TEN GAÑAS DE FESTA

O sector do lecer nocturno galego amosouse “moi satisfeito” coa proba piloto realizada a noite deste sábado en seis establecementos repartidos por toda a Comunidade, en concreto na Coruña, Santiago, Pontevedra, Vigo, Lugo, e Ourense. Do total, dous dos espazos escollidos foron discotecas de grandes dimensións, cunha superficie maior de 1.500 metros cadrados, concretamente a Sala Pelícano, na Coruña, e a Sala Sónar, en Santiago de Compostela. “A proba piloto foi un paso adiante moi importante, o resultado é moi positivo”, valorou o responsable de Pelícano e tamén portavoz da Plataforma 'Galicia de noite', Luís Diz. “A xente comportouse moi ben e respectou as normas”, sinalou a Europa Press. “Desaloxamos a sala en tres minutos e a xente non quedou polos arredores facendo botellón nin en grupos”, explicou o xerente da sala coruñesa que, aínda que recoñeceu que “unha vez que vai avanzando a noite, hai persoas que se relaxan un pouco co tema da máscara e foi necesario algún toque de atención”. Iso si, remarcou que foron casos “moi puntuais”. O responsable da Sala Sónar, Suso Peón, tamén valorou “moi positivamente” a proba. “Todo saíu moi ben, non houbo ningún tipo de incidente”, explicou, e destacou ademais que o ensaio serviu para demostrar que a xente “ten ganas de lecer nocturno, aínda que sexa con restricións, ten ganas de festa”.

AFORAMENTO INCOMPLETO

A proba piloto foi levada a cabo cun protocolo sanitario específico aprobado pola Consellería de Sanidade que establecía a obrigación dos locais de contar con medidores de CO2 e realizar probas PCR nos máis grandes, así como rexistrar o acceso dos clientes --mediante invitación que se debía adquirir previamente--. Ademais, os asistentes debían de levar máscara en todo momento, agás para consumir, e os establecementos debían de respectar os aforamentos máximos, reducidos ao 50% --75% en caso de ter terraza--, tal e como establecera Sanidade. Aínda que as invitacións esgotáronse ao pouco de saír, nin a Sala Pelícano nin a Sónar completaron aforamento. No caso da discoteca coruñesa, con 1.000 prazas, Diz confirmou que fallaron 26 persoas; mentres que en Santiago, tal e como indicou Suso Peón, non se presentaron ao redor de 20 participantes --para un aforamento de 90--.

13 jun 2021 / 16:43
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito