Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Sergas permitirá viaxar o día de Reis e ‘ameaza’ a Santiago e A Coruña con restricións máis duras este venres

O comité clínico mantén as limitacións vixentes en toda Galicia agás en Carnota e As Pontes, que pasan ao nivel básico e recuperan a mobilidade, e Narón, que pasa a nivel medio

O comité clínico que fai seguimento da evolución da COVID en Galicia vén de acordar, na súa reunión deste luns, rebaixar ao nivel básico as restricións nos concellos de Carnota e As Pontes. Deste xeito suprímeselles as limitacións de mobilidade que tiñan ata o de agora. Decidiu tamén baixar o concello de Narón ao nivel medio, mentres que se manteñen os niveis actuais de restricións existentes a día de hoxe no resto dos concellos da comunidade. A única excepción é a que permitirá a mobilidade entre concellos, incluso nos que se atopan perimetrados, durante o vindeiro mércores, día 6 de xaneiro, entre as 00:00 e as 23:00 horas. O Sergas indica que, dado que segue habendo toque de queda ata as 06:00, a franxa para poder moverse empezaría a esa hora. Ao igual que aconteceu nas pasadas festas, cinguíndose a posibilidade destes desprazamentos ás visitas familiares.

Tras analizar a evolución epidemiolóxica no conxunto de concellos galegos, o comité clínico tamén acordou engadir ao listado de vixilancia especial aos concellos das comarcas da Coruña e Santiago de Compostela. Ademáis, proporá medidas restritivas máis duras nestas áreas, Santiago e A Coruña, para o vindeiro venres, se segue a tendencia a alza nos datos epidemiolóxicos. As medidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia deste martes e entrarán en vigor ás 00:00 horas do mércores. A decisión de manter as restricións vixentes en toda Galicia vai ser revisada na xuntanza do próximo venres, xa que o grupo de expertos acordou que é necesario agardar uns días para poder avaliar a evolución epidemiolóxica logo das medidas adoptadas polas festas do Nadal e fin de ano. A comunidade autónoma queda pechada ata o día 11 de xaneiro. Sanidade lembra a obrigatoriedade de cumprir todas as medidas establecidas pola Xunta Galicia, co ánimo de mellorar a situación epidemiolóxica na comunidade e así poder ir diminuíndo as restricións vixentes.

O mapa de restricións queda agora conformado da seguinte maneira:

Nivel máximo (15): O Grove-Sanxenxo, Verín-Monterrei-Castrelo do Val-Cualedro, Noia-Lousame (améndoas perimetrais). En peche solitario, Boiro, Bueu, Viveiro, Rianxo, Ribeira, Baiona e Cambados. A hostalaría pecha ás cinco, só se permiten as terrazas ao 50% e catro é o número máximo para as reunións. A mobilidade está restrinxida.

Nivel medio alto (37): Negreira-Mazaricos-Santa Comba, Vimianzo-Camariñas-Zas, Vigo-Mos-Nigrán-O Porriño-Gondomar-Redondela, A Guarda-Tomiño-Rosal, Pontevedra-Poio-Marín. Á parte, Ferrol, A Rúa, Sarreaus, A Illa, Tui, Xove, Muros, A Pobra, Porto do Son, Barro, Carral, Fisterra, Vilagarcía, Cangas, Dumbría, Vilalba, Outes, Xinzo e Meaño. A hostalaría pecha ás cinco. Poden traballar ao 30% en interior e ao 50% no exterior. Catro, o tope de persoas por reunión. Mobilidade restrinxida.

Nivel medio (8): A Coruña-Arteixo-Cambre-Culleredo. Xunto a eles, Soutomaior, Santiago, Narón e Moaña. A hostalaría pecha ás once. Poden traballar ao 40% en interior e 50% en terraza. Seis é o número máximo de persoas para unha reunión. Mobilidade restrinxida.

Nivel básico (253): O resto. Só poden moverse entre concellos que se atopen en neste mesmo nivel, que é o menor. A hostalaría pecha ás once. Poden traballar no interior ao 50% e ao 75% en exterior. Seis é o número máximo para as reunións.

Os últimos cambios entrarán en vigor na madrugada do martes ao mércores.

04 ene 2021 / 16:07
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.