Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os galegos poderán viaxar entre os días 23 e 25 deste mes

A medida, que permitirá a mobilidade mesmo entre concellos pechados perimetralmente, manterase ata as 23.00 horas do día de Nadal. Só se poderán facer viaxes por motivos exclusivamente familiares, máis aló de razóns laborais ou sanitarias. A Xunta recoñece que Santiago é a cidade que máis lle preocupa no tocante á evolución da pandemia

Malia as restricións vixentes por mor da COVID, finalmente a Xunta permitirá a mobilidade entre os concellos galegos, mesmo entre os que están pechados perimetralmente, durante os días de Nadal. Deste xeito, desde as 00.00 horas do día 23 ata as 23.00 horas do día 25, poderemos movernos dun concello a outro exclusivamente por motivos familiares, máis aló de razóns laborais ou sanitarias. A partir das 23.00 horas do día de Nadal, e alomenos ata as 00.00 horas do 29, esa mobilidade queda prohibida e volven rexer as normas en vigor. O toque de queda na noite do 24 de decembro amplíase ata a 01.30. As medidas para fin de ano anunciaranse tra-la xuntanza do comité clínico do 28 de decembro.

En calquera caso, o conselleiro de Sanidade volveu insistir este martes na recomendación de celebrar o Nadal na casa con quen convivimos a diario. Menos é máis, dixo, para que non se produza a terceira onda. Julio García Comesaña pediu que as xuntanzas se limiten aos convivintes e, no caso de que non sexa así, que se extremen as medidas de protección: uso de máscara sempre, manter a distancia de seguridade, lavado de mans con xel hidroalcohólico e estancias ben ventiladas.

Segundo explicou a directora xeral de Saúde Pública, Galicia está nunha situación de estabilidade. A incidencia acumulada a 14 días está en 177 casos por 100.000 habitantes, fronte aos 224 a nivel estatal. Tamén hai unha melloría na incidencia acumulada a 7 días. Carmen Durán detallou que as probas realizadas que son positivas están nun 5%, “que é o punto de corte da OMS para dar por controlado un gromo”. Tódalas cidades galegas, a excepción de Santiago, están nunha situación estable e cunha certa melloría. Ourense, que é a única que non está pechada perimetralmente, tamén presenta estabilidade pero cunha tendencia ascendente.

Recoñece a Xunta que, de todas as cidades, a que máis lle preocupa é Santiago, onde nunha semana os casos pasaron de 79 a 110 e onde a incidencia acumulada a 14 días está en 194. Segundo o conselleiro, no caso da capital galega non está identificado o motivo do incremento de casos. Por ese motivo, incidiu na necesidade de extremar as precaucións por parte dos cidadáns. Mentres, Carmen Durán sinalou que haberá que seguir observando a evolución, e tamén dar un tempo para ver o efecto das restricións de mobilidade.

RESTO DOS CONCELLOS

Tal e como adiantara onte a Xunta, baixan ao nivel medio alto Vilalba, Tui e Ponteareas, e se reducen as restricións en Muxía, Meis, Ribadumia, Cerdedo-Cotobade, Pontecaldealas e Vilaboa. Mentres, Moaña sitúase no nivel medio.

Peor sorte corren concellos como Rianxo, onde o aumento de casos levou a Sanidade a endurecer as medidas e decretar o peche perimetral. Por outra banda, a Xunta recoñece a súa preocupación pola evolución da pandemia en Viveiro, Muros e Dozón, que están en observación. Tamén quedan en especial vixilancia Verín, Aranga, Noia,Vilagarcía, Porto do Son, Burela, Vedra, e Xinzo de Limia.

PRESIÓN ASISTENCIAL

No tocante á presión asistencial, o xerente do Sergas confirmou que “é boa, non hai cambios desde hai días”. En Atención Primaria están sendo atendidos o 93,6% dos contaxiados por COVID. As chamadas ao 061 tamén se estabilizaron, cunha media de 3.100 diarias, das que menos do 10% teñen relación co coronavirus. As urxencias mantéñense, segundo José Flores, “nos niveis habituais destas datas”. A ocupación da UCI con pacientes COVID diminuiu un 8% nos últimos 7 días e está no 0,9%. En camas convencionais a porcentaxe baixou un 5%, ata as 306 en toda Galicia, coa excepción de Santiago, onde houbo un incremento de 12 camas nos últimos 7 días.

NON SE TRATA DE SALVAR O NADAL, SENÓN DE SALVAR VIDAS

Na rolda de prensa deste martes tamén participou o doutor Sergio Vázquez, do hospital de Lugo, quen quixo deixar claro que coas medidas en vigor “non se trata de salvar o Nadal, senón de salvar vidas humanas”. Mentres, desde o hospital do Salnés, o doutor Tato Vázquez Lima pediulle á poboación “un segundo esforzo. Sabemos que temos diante de nós unha terceira onda pandémica, e a súa intensidade está nas nosas mans. Non é unha cuestión de máximos”.

Por último interviu, desde o CHUS, o doutor Pedro Rascado, quen apuntou que “todos sabemos o que temos que facer para protexernos, más aló das normas e das restricións. Non esquezamos que hai que estar vivo para poñer a vacina”.

22 dic 2020 / 08:59
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.