Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 26 febrero 2021
21:33
h

Peche total da hostalaría e de toda a actividade non esencial en Arteixo, Viveiro e Xinzo

Os médicos apelan á responsabilidade da cidadanía para que esta onda non sexa “peor que a primeira”. Na última semana a ocupación da UCI subiu un 68%. O conselleiro pide que se respecte a normativa sobre as terrazas para evitar tomar medidas “máis restrictivas”. Non descarta adiantar o toque de queda

A situación epidemiolóxica de Galicia pola COVID é “preocupante, de claro crecemento”, á espera de que dean resultado as medidas tomadas hai 4 días. Así o resumiu o conselleiro de Sanidade, que este martes compareceu en rolda de prensa para detallar as decisións acordadas no comité clínico de onte. O peor está nos concellos de Arteixo, Viveiro e Xinzo, onde se decidiu o peche total da hostalaría e de toda a actividade non esencial como ximnasios, establecementos de xogo, actividades culturais, espectáculos públicos e bibliotecas. As novas medidas entrarán en vigor este xoves.

Segundo explicou a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, en Arteixo a incidencia acumulada a 14 días é de 1.300 casos por cada 100.000 habitantes, fronte aos 576,5 da semana anterior. En Viveiro pasou de 1.034 a 1.681, e en Xinxo de 1.080 a 1.986, prácticamente o doble.

Consecuentemente, as restricións nestes concellos van un paso máis aló das que van ter os outros 113 municipios que estarán no nivel máximo de restricións. Neles vive o 72% da poboación galega. Como xa avanzaran onte desde Sanidade, pasan a estar nesta situación na área coruñesa, Betanzos, A Laracha, Sada, Abegondo, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Dumbría, Muxía, Oza-Cesuras, Sobrado e Vilasantar. Na área sanitaria de Lugo son Burela, Cervo e O Vicedo, e na área ourensá, Celanova, Porqueira, Ribadavia, Trasmiras e Vilar de Santos. No referido á área de Pontevedra os concellos que soben ao nivel máis alto de restricións son A Lama, Catoira, Forcarei, Meis e Moraña.

En canto a área sanitaria de Vigo, márcanse máximas limitacións tamén nos concellos de Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, Arbo, A Cañiza, As Neves, Crecente, Mondariz e Salceda de Caselas. Na área sanitaria compostelá colócanse no nivel máis alto de restricións Ordes, Teo, A Baña, Negreira, Padrón, Rois, Dodro, Touro, Arzúa e Silleda, mentres que na área de Ferrol, engádense ao grupo Cariño, Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche, Mugardos, Neda, San Sadurniño e Valdoviño.

Á evolución preocupante da situación epidemiolóxica púxelle as cifras a directora xeral de Saúde Pública. A 18 de xaneiro a incidencia acumulada a 14 días era en Galicia de 485 casos por 100.000 habitantes, e a 7 días de 297,6. O número reproductivo básico está en 1,4, e a porcentaxe de PCR positivas é do 10%, “no límite cando falamos de picos”, e o dobre do que establece a OMS para dar por controlada a pandemia. Malia os datos, Durán destacou que estamos “nunha situación mellor que a media española”, onde a incidencia acumulada a 14 días está en 689 e a 7 días en 379. A positividade das PRC a nivel estatal é do 17,4%. Tanto a directora xeral de Saúde Pública como o conselleiro fixeron fincapé en que se vai seguir intensificando a realización de probas diagnósticas.

A situación nas grandes cidades é unha radiografía do que está a acontecer en toda Galicia. Na última semana, a incidencia acumulada a 14 días pasou na Coruña de 302 casos a 509, en Santiago de 334 a 555 (a incidencia a 7 días subiu de 196 a 351), en Ferrol de 295 a 410, en Ourense de 295,5 a 536, en Vigo de 208 a 309, e en Pontevedra está cerca dos 300. No caso de Lugo, e aínda que suben as incidencias acumuladas a 7 e 14 días (esta última está pasou de 115 a 161), é a cidade que ten o mellor dato e a que parece ter un menor crecemento de casos. Neste municipio, as PCR psotivas non chegan ao 6%.

SITUACIÓN ASISTENCIAL

O xerente do Sergas ofreceu os detalles da situación asistencial en Galicia a día de hoxe. No caso das urxencias hospitalarias, a porcentaxe de uso do chamado circuito COVID está entre o 20 e o 30%, “se ben o número de pacientes que acuden a elas non notou incremento”. Segundo Julio Flores, a ocupación das camas de hospitalización convencional incrementouse un 58% na última semana, especialmente nas áreas sanitarias da Coruña, Ferrol e Ourense. A ocupación das UCI subiu un 68% coa Coruña, Ferrol e Santiago como as áreas de maior incremento.

Pese a reiterar que a situación é preocupante, o conselleiro explicou que a ocupación da UCI está un 35% por debaixo da onda da primavera, e a de hospitalización convencional un 30%. Sen embargo, “a velocidade no incremento diario de casos nos leva a tomar estas medidas que entrarán en vigor o xoves. Corresponden a unha situación de gravidade, de anticipación”.

“ESTA ONDA PODE SER BASTANTE PEOR QUE A PRIMEIRA”

Na rolda de prensa tamén interviu o xefe das Urxencias do Hospital do Salnés e integrante do comité clínico. O doutor Tato Vázquez Lima alertou de que os hospitais empezan a estar cheos e tamén as unidades de críticos, “coa conseguinte repercusión nos nosos servizos de urxencias”. O médico fixo un chamamento aos cidadáns: “A poboación ten que ser cómplice dos sanitarios, senón esto vai por mal camiño. Se non a paramos, esta onda pode ser bastante peor que a primeira. Sabemos cales son as normas e hai que cumplilas”.

OCUPACIÓN DAS TERRAZAS

O conselleiro de Sanidade expresou públicamente a súa preocupación pola imaxe de “terrazas cheas” nos negocios de hostalaría, especialmente as fins de semana. Se non se cumpren as normas, dixo, “haberá que tomar medidas máis restrictivas”. Lembrou que só poden estar ocupadas nun 50% do seu aforo, que debe haber unha mesa ocupada e outra libre, e que deben ter un máximo de 4 cadeiras.

TOQUE DE QUEDA

Julio García Comesaña tamén reiterou o apoio da Xunta ao adianto do toque de queda máis aló das 22.00 horas. Cre que as comunidades autónomas deben ter as ferramentas para poder aplicar esta medida, que será abordada mañá no Consello Interterritorial de Saúde. Se estivera dispoñible outro horario, apuntou, “non descartaríamos utilizalo”.

Pediu o conselleiro que a xente respecte as normas, que só se mova para o imprescindible, que use sempre a máscara e que tente que as reunións sexan sempre de convivintes. Hai que ter “máis precaución que nunca”. Preguntado polos casos da cepa británica do COVID detectados en Galicia, García Comesaña explicou que hai 8 confirmados.

19 ene 2021 / 11:07
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.