Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Peche total da hostalaría, reunións só de convivintes e comercio non esencial aberto ata as 18.00

Tódolos centros comerciais pecharán as fins de semana. Só se permitirá o deporte individual, ao aire libre e sempre con máscara. Núñez Feijóo aboga polo teletraballo e o autoconfinamento. As novas restricións son para toda Galicia e manteranse inicialmente ata o 17 de febreiro

Galicia endurecerá as restricións para tratar de frear o avance do COVID. O comité clínico reuniuse este luns para avaliar a situación actual, nunha xornada na que a comunidade volvía sumar máis de 1.400 contaxios en 24 horas, e na que os pacientes ingresados en planta, 993, superan xa en 47 aos do pico do pasado mes de abril.

Ao remate da reunión, o presidente da Xunta compareceu en rolda de prensa para explicar os acordos adoptados nela. Alberto Núñez Feijóo confirmou que as novas restricións son para toda Galicia. Entrarán en vigor o 27 de xaneiro e manteranse inicialmente durante 3 semanas, ata o 17 de febreiro. Entre elas destacan as seguintes:

_As reunións e as interaccións sociais quedan limitadas aos convivintes. Quedan excluídas as relacións de traballo e a atenciós aos maiores e aos nenos.

_A mobilidade redúcese ao propio concello salvo para ir a traballar, á escola ou ao médico.

_O toque de queda mantense nas 22.00 horas.

_As universidades non reanudarán as clases ata o 8 de febreiro, e entre o 8 e o 17 de febrerio serán online. Seguirán abertas as escolas, os colexios e os institutos.

_O comercio non esencial poderá estar aberto ata as 18.00 horas exclusivamente. Os centros comerciais pecharán tódalas fins de semana.

_Peche total da hostalaría.

_A práctica deportiva queda restinxida ao deporte individual, ao aire libre e no propio concello. Consecuentemente, péchanse os ximnasios. Será obrigatorio o uso de máscara para correr nas rúas, aínda que se poida manter a distancia de 2 metros. As únicas excepcións serán nas competicións nacional e internacional.

_Péchanse tódolos centros sociais como clubes de xubilados ou semellantes.

_Suspéndese a actividade de museos, bibliotecas e calquera outro establecemento cultural.

Segundo Núñez Feijóo, o autoconfinamento “é a medida máis segura e a que pode parar a situación actual”. Logo de lamentar o “alto custe” que as novas restricións terán para os cidadáns, a maioría dos cales, incidiu, están a respectar as normas, afirmou que os datos non deixan outra saída. A velocidade e o nivel de afectación estase a traducir “en cifras de contaxio inéditas, e iso obríganos a elevar o nivel máximo de protección para reducir a ocupación por patoloxía COVID en hospitais e UCI, e intentar salvar todas as vidas que se poida”.

Admite o presidente que “aínda quedan por pasar momentos moi duros, especialmente duros. Debemos de aceptalo, afrontalo, recoñecelo e esforzarnos para superalo”. Tamén sinalou que a vacinación en marcha “danos a esperanza de que o futuro poida ser máis levadeiro, e a convivencia co virus sexa máis sinxela”. Sen embargo, as vacinas que recibimos son polo de agora “moi poucas, insuficientes, para procurar unha inmunidade aceptable”. Galicia, dixo, ten capacidade para administrar “100.000 vacinas diarias”.

Explicou o presidente que “o 98% dos primeiros colectivos prioritarios xa recibiron a vacina, e 8.540 persoas recibiron as dúas doses”. O malo, suliñou, é que “non dispoñemos nin dun calendario central de vacinación, nin de garantía de cando e en que número van seguir chegando vacinas ás autonomías. Tampouco sabemos o alcance das novas cepas”.

PRESIÓN HOSPITALARIA

Sobre a situación actual, o presidente confirmou que “segue crecendo a maior ritmo o número de contaxios e, en consecuencia, a presión asistencial”. Os pacientes con COVID supoñen o 0,8% dos ingresados na UCI, e o 5% dos hospitalizados en planta. Aínda que non son bos datos, o pasado 5 de abril estas porcentaxes eran do 3,2 e do 17,7%, respectivamente. As previsións para as próximas semanas apuntan a que estas cifras “irán aumentando”.

A día de hoxe, a incidencia acumulada a 14 días está en Galicia en 630 casos por cada 100.000 habitantes, e a 7 días en 375. A nivel nacional sitúase en 829 e 410, respectivamente. O nivel de ocupación das UCI galegas está no 19,52% fronte ao 37,6% da media estatal, e o de camas hospitalarias no 11,7 fronte ao 21,6%. Galicia segue mellor, dixo Núñez Feijóo, “pero esa vantaxe carece de relevancia porque a nosa situación é moi preocupante e o aumento é inasumible”. Malia admitir que hai previstos hospitais de campaña na Coruña e en Santiago, de momento non se precisan.

“NON PODO GARANTIR QUE ESTE SEXA O ÚLTIMO ESFORZO”

Tras pedir recapacitación ao Goberno central sobre o adianto do toque de queda, o presidente tamén abogou por “ser capaces de alcanzar un consenso nacional para a interacción no entorno laboral e apostar polo teletraballo. É unha medida que diminúe a mobilidade, a interacción social e a capacidade de contaxio”.

Feijóo pídelle á poboación outro esforzo máis, malia recoñecer que “non podo garantirlles que este sexa o último. Os esforzos non serán en balde, porque serven para que os contaxios diminúan. É obrigado pedilo e absolutamente imprescindible cumprilo. Toca un novo exercicio de especial sentidiño e de especial responsabilidade. O único lugar seguro é a burbulla familiar”.

Engadiu que “debemos ser escrupulosos no cumprimento das medidas, e implacables con aqueles que non as cumpran”. Tamén lle pediu un esforzo especial aos maiores e aos que conviven con eles. A recomendación é o autoconfinamento ata que reciban a vacina.

25 ene 2021 / 14:23
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.