Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Sanidade apela á prudencia para evitar unha cuarta onda malia a mellora dos indicadores

A desescalada seguirá sendo “progresiva”. A ocupación das unidades de críticos, sobre todo nas áreas sanitarias da Coruña e Pontevedra, non está aínda nos niveis desexables. Preocupación entre os expertos polas imaxes nas terrazas da pasada fin de semana. O Sergas ten en estudo un posible caso da cepa brasileña do COVID.

A evolución da pandemia de COVID vai por bo camiño en Galicia, pero de ningunha maneira se pode baixar a garda. O conselleiro de Sanidade reiterou este mércores en rolda de prensa que é preciso “ser moi prudentes e traballar nunha desescalada progresiva”. Julio García Comesaña recoñece que “os datos son bos” porque a curva vai decrecendo e vaise aliviando a situación dos hospitais. Sen embargo, a presión nas unidades de críticos aínda non está nos niveis desexables, especialmente nas áreas sanitarias da Coruña (preto do 25% de ocupación en UCI) e Pontevedra (preto do 20%). Ese é un dos motivos polos que se manteñen as restricións nestas zonas.

O conselleiro e o doutor Pedro Rascado, do CHUS, apelaron á prudencia e a que non se repitan imaxes como as da pasada fin de semana nas terrazas. García Comesaña sinalou que, malia que a situación se foi reconducindo, “ir a lugares concorridos aínda que sexa no exterior ten risco, máis aínda se se baixa a mascarilla e máis aínda se se fuma”. Pola súa banda, o médico intensivista lembrou que “o esforzo que estamos a facer os galegos está salvando vidas. Un aumento da interacción social pode producir un incremento rápido da incidencia, que é o que queremos evitar”.

Na súa xuntanza deste martes, o comité clínico acordou pasar a nivel medio a área sanitaria de Ferrol e os municipios de Cariño, Guitiriz, Lourenzá, Pobra de Brollón, Tordoia, Porto do Son, Mos, Mondariz, Pazos de Borbén e Boborás. Queda unicamente no nivel máximo de restricións o municipio de Soutomaior. O vindeiro venres haberá unha reunión do subcomité clínico, na que se poderían adoptar novas medidas que, en calquera caso, non entrarían en vigor ata as 00.00 horas do luns seguinte.

Preguntado por como se van facer as cousas na Semana Santa, García Comesaña sinalou que aínda é cedo e volveu apelar á prudencia. Engadiu que o seu departamento está a estudar o borrador que lle remitiu o Ministerio de Sanidade, e que será tratado esta tarde no Consello Interterritorial de Saúde.

EVOLUCIÓN DOS DATOS

A directora xeral de Saúde Pública ratificou con datos a mellora sustancial da situación epidemiolóxica de Galicia. Segundo explicou Carmen Durán, o número reproductivo básico instantáneo está no 0,8. Ademais, dos 313 concellos galegos, 91 non tiveron ningún caso nos últimos 14 días, 36 máis que o 20 de febreiro. En 7 días pasouse de 107 concellos a 165. A incidencia acumulada en Galicia a 7 e 14 días baixou un 42% e un 46%, respectivamente, desde hai unha semana.

Sanidade segue a incrementar as probas diagnósticas, cunha media de 2.378 por cada 100.000 habitantes, fronte ás 1.714 da media estatal. A taxa de positividade das PCR situouse na última semana no 3,7%, o que supón un 6,2% menos que sete días antes. No tocante aos cribados, do 22 ao 28 de febrero foron citadas preto de 31.000 persoas e acudiron case o 74% delas, unhas 22.600 personas. Detectáronse 33 positivos, o 0,15% do total. Nesta semana serán citadas 100.000 persoas.

Segundo Durán, ningunha área sanitaria de Galicia presenta unha incidencia superior a 250 a 14 días, nin por riba de 100 a 7 días. A Coruña é a que máis ten, con 183 casos por 100.000 habitantes a 14 días, e Ourense a que menos con 68,2. No caso do municipio de Soutomaior, o único que queda no nivel máximo de restricións, a incidencia acumulada a 14 días é de 525. A positividade das PCR neste concello é de 10,3.

VARIANTES DO VIRUS

Durán explicou que a día de hoxe hai en Galicia 90 casos confirmados da variante británica do COVID, e un da sudafricana. Ademais, o Sergas ten en estudo 1 posible caso da cepa brasileña.

PRESIÓN ASISTENCIAL

A tendencia á baixa en tódolos parámetros tamén ten o seu reflexo na situación asistencial. O xerente do Sergas sinalou que a ocupación de camas por pacientes COVID nos centros hospitalarios galegos é dun 5%, un 26% menos nos últimos 7 días, e nas unidades de críticos do 13%, un 21% inferior. Outro dato a destacar é que a ocupación nos circuitos respiratorios tamén descendeu moito, e agora mesmo oscila entre o 4 e o 19%, dependendo do hospital. A actividade cirúrxica estase a recuperar en tódalas áreas sanitarias.

03 mar 2021 / 12:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.