Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Sanidade rexeita permitir a mobilidade por toda Galicia

SANTIAGO. EP. O Ministerio de Sanidade rexeitou a petición de mobilidade por toda Galicia que pedira o Goberno galego para a fase 2, na que entrarán as catro provincias galegas a partir deste luns.

Segundo confirmaron fontes da Consellería de Sanidade a Europa Press, o Executivo central desestimou a opción de que os galegos poidan moverse por toda a Comunidade sen restricións durante a fase 2 da desescalada.

A este respecto, a portavoz do Goberno central, María Jesús Montero, apuntou este venres na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros que "a limitación da circulación das persoas" polo territorio resulta "clave" para "controlar a enfermidade".

Neste sentido, tamén sinalou que a poboación non pode "perderlle o respecto ao virus para non botar por terra" o que se alcanzou " até agora como sociedade". Na mesma liña tamén se pronunciou o ministro de Sanidade, Salvador Illa, antes de dar a coñecer as provincias que entraban nesta nova fase.

Illa explicou que as decisións tomadas polo comité do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias responden ós principios de "cautela, prudencia e seguridade" que seguiu o Goberno central até agora para establecer as restricións e concesións das diferentes fases da desescalada.

Con todo, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo manifestou este venres na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que "non entende" que o Ministerio de Sanidade non autorizase a mobilidade entre provincias que o Executivo autonómico xa reclamou para a fase 1, que empezou o 11 de maio.

A pesar de todo, Feijóo tamén asegurou que na videoconferencia que celebrará o domingo xunto ao resto de líderes autonómicos, volverá expor ao presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, a mobilidade por toda a Comunidade. Aínda que dixo que na Xunta "non son optimistas" con que isto se autorice, insistiu en que "non hai ningún criterio científico que impida a mobilidade entre as cidades" galegas.

14 DÍAS EN FASE 2

Por outra banda, o ministro Illa valorou "o progreso" de todas as comunidades españolas e explicou que as rexións que pasan á seguinte fase manteranse nela "durante un período mínimo de 14 días a partir do luns" e que nese momento tamén se dará "publicidade aos informes que avalaron o progreso á fase 1 de todas os CC.AA".

Para que as autonomías pasen á seguinte fase e para realizar as alegacións mentres dure o proceso de desescalada, o responsable desta carteira ministerial explicou que "se seguirá o mesmo proceso de cogobernanza" que existiu até agora entre as comunidades e Moncloa, aínda que as decisións últimas seguen sendo competencia de Sanidade.

Ademais, esta tarde estaba prevista a celebración da reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde bilateral entre o Ministerio de Sanidade e as autonomías, pero finalmente suspendeuse "por razóns de axenda", segundo precisou Illa, e trasladarase ao luns.

22 may 2020 / 18:40
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.