Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Sanidade ve "evolución adversa" no Carballiño e Verín, e afirma que o brote en Ourense aínda non está controlado

OURENSE. EP. A Consellería de Sanidade xustificou a necesidade de continuar coas medidas restritivas en municipios da zona do Carballiño e Verín pola "evolución adversa" que presenta o brote da covid-19 e sinala que na cidade de Ourense a situación aínda "segue sen estar baixo control". Así se desprende da orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) na noite deste mércores, que no caso da capital de provincia, apunta que, aínda que a taxa acumulada a 14 días na comarca foi "algo menor da rexistrada a semana anterior", aínda é "2,46 veces maior que a observada no conxunto de Galicia".

Neste sentido, argumenta que "os indicadores de seguimento do brote indican que segue sen estar baixo control" polo que "se recomenda manter as restricións específicas de capacidade e a medida consistente na limitación dos grupos" a persoas convivientes. Ademais, pide que se manteña a limitación da mobilidade perimetral para controlar a posible irradiación de casos a outros municipios da comarca.

"EVOLUCIÓN ADVERSA" NO CARBALLIÑO E VERÍN

Con todo, as medidas endurécense no Carballiño, O Irixo e Boborás, onde a orde avoga por restrinxir "ao máximo" as interaccións para protexer á poboación máis vulnerable e aos grupos de maior idade. Deste xeito, a maiores das restricións que xa estaban vixentes, recomenda o peche das actividades non básicas.

E é que, segundo apunta o DOG, o feito de que as taxas acumuladas a 14 días alcanzadas nos concellos do Carballiño e Boborás rexistren valores por encima dos 1.000 casos por 100.000 habitantes, e que no Irixo se estea superando os 700 por cada 100.000 indica que as medidas adoptadas "non foron suficientes" para "evitar a difusión do virus entre a poboación".

Así, avisa de que "este brote ten unha evolución moi adversa e que está a afectar tamén á poboación dos grupos de idade máis avanzados".

VERÍN

Sanidade tamén ve "evolución adversa" en Verín, Oímbra e Vilardevós, cuxas taxas do virus "continúan aumentando" do mesmo xeito que "os valores dos indicadores de risco" o que apunta a que, a pesar das medidas restritivas, "o brote non está controlado".

Deste xeito, advirte de que tamén ten "unha evolución moi adversa" que "está a afectar tamén á poboación dos grupos de idade máis avanzada" e avisa do alto número de "casos hospitalizados" para unha zona "tan pequena", cuestión que está a aumentar a "presión asistencial".

Por todo iso, pide estender as medidas de limitación de capacidade e a redución dos grupos que xa estaban habilitadas en Verín a Oímbra e Vilardevós. Ademais, solicita a restrición da mobilidade perimetral para este tres concellos.

Mentres que para as comarcas de Allazir-Maceda, O Ribeiro e Terras de Celanova considera adecuadas as medidas establecidas para toda a Comunidade galega, a orde publicada pola Consellería de Sanidade xustifica a limitación dos grupos ás persoas convivientes no Barco de Valdeorras pola evolución da taxa de casos neste municipio.

OUTROS MUNICIPIOS

Por outra banda, outras tres ordenes publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) en relación aos municipios de Lugo, Pontevedra, Poio, Marín, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Sanxenxo, Meis e Cambados coinciden ao sinalar que a súa situación epidemiolóxica e sanitaria "non demanda a aplicación de medidas de prevención máis restritivas" que as aprobadas pola Consellería para toda Galicia e que pasan pola volta á fase dúas, coa limitación dos grupos a 5 persoas.

22 oct 2020 / 13:22
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.