Segue Galicia reducindo os seus casos activos cun só doente en uci
Supéranse as 150.000 probas PCR efectuadas // Continúa o goteo de recuperados, con 21 máis nas últimas 24 horas
Os casos activos de coronavirus en Galicia seguiron diminuíndo no día de onte, continuando coa dinámica desta última semana. 18 foron os casos que se desactivaron nas últimas 24 horas, sendo 524 agora os que se manteñen nesta categoría.
A maioría destes doentes corresponden ás áreas sanitarias de Vigo, A Coruña e Santiago, que contan co 78,2% dos casos activos na comunidade. Á de Vigo corresponden 194 (dous menos que o sábado), á de A Coruña atáñenlle 119 casos activos (cinco menos que hai 24 horas) e á de Santiago, 107 (tres menos que o sábado). No resto de áreas sanitarias continúa habendo casos activos pero en moita menor proporción. En Ourense son 44 (cinco menos), en Lugo contan con 30 doentes (tres menos que onte), mentres que Pontevedra e Ferrol, continúan co mesmo número de infectados por covid-19 que onte, 16 e 14 respectivamente.
Así se desprende da actualización dos datos emitida onte pola Consellería de Sanidade que lidera Vázquez Almuíña, que reflicte tamén unha liberación da carga asistencial nos complexos hospitalarios. Pois mentres en toda a comunidade só un doente permanece na unidade de coidados intensivos, catro abandonaron onte as unidades de hospitalización onde tan só quedan 22 doentes. De modo que tan só o 4,3 % dos casos activos precisan de atención hospitalaria, mentres que os 501 doentes restantes combaten a enfermidade atendidos dende os seus domicilios.
Á boa noticia da continuación da tendencia á baixa dos casos activos, hai que engadir o goteo de recuperados que ascende xa a 10.242 persoas, trala recuperación de 21 doentes nas últimas 24 horas. Mentres a tráxica cifra dos falecementos debidos á covid-19 mantense en 618.
Para rematar, e tal e como adiantaba este diario, Galicia superou onte as 150.000 probas PCR efectuadas, trala realización de 1.256 test o domingo.
SITUACIÓN NO CONXUNTO DO ESTADO. O Ministerio de Sanidad rexistrou unha nova morte por coronavirus nas últimas 24 horas, o que eleva a cifra total de falecidos ás 27.136 persoas, das cales 72 producíronse nos últimos sete días. Isto supón un aumento respecto ao sábado, cando se rexistraban 67 mortes en sete días e respecto ao venres, cando eran 52 estes decesos.
Andalucía, Baleares, Canarias, Cantabria, Castela-A Mancha, Ceuta, Comunidade Valenciana, Galicia, Melilla, Murcia, Navarra e País Vasco non rexistraron ningún falecido por covid-19 no últimos sete días, segundo o Ministerio de Sanidad.
Ademais, 241.550 persoas deron positivo nunha proba PCR, o que supón 102 máis nun día, fronte aos 164 que se notificaron o sábado e os 177 do venres. Do total de novos diagnósticos, 49 foron notificados en Madrid, 11 en Aragón e 10 en Cataluña. Baleares, Ceuta, Estremadura, Galicia, Melilla e Murcia son as únicas comunidades que non rexistraron ningún novo positivo de covid-19 confirmado por unha proba PCR nas últimas 24 horas. Nos últimos 14 días diagnosticáronse a 5.418 persoas en toda España, 2.053 foron nos últimos 7 días.
Así mesmo, segundo os datos de onte do Ministerio que dirixe Salvador Illa, 14 persoas ingresaron nunha uci nos últimos 7 días, e 148 precisaron hospitalización. De modo que dende o inicio da pandemia foron un total de 11.608 persoas as que precisaron dunha estadía na unidade de coidados intensivos; mentres que 124.323 doentes tiveron que ingresar nun complexo hospitalario para facer fronte ao novo coronavirus.
Santiago. O Sergas comeza hoxe os test da segunda onda o estudo de seropevalencia para coñecer a circulación da covid-19 na comunidade, tras a baixa incidencia apuntada pola primeira parte, que concluiu cunha prevalencia do 1%. Deste xeito, a segunda parte comeza despois de que entre o mércores e xoves pasados os centros de saúde galegos recibisen as listaxes para contactar e convidar aos seleccionados a participar de xeito voluntario. O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, explicou que se prevé terminar en “dez días” a realización das probas nesta segunda onda, para posteriormente analizar os datos e extraer conclusións. Aboal avanzou tamén que a mostra será de 50.925 persoas, igual que na primeira onda.
Cabe subliñar que os datos extraídos desa primeira parte do estudo ratifican que o virus circulou pouco por Galicia. Cunha prevalencia máxima en Ourense de 1,88% e en A Coruña, –a mínima– cun 1,07%. Uns datos que lle valeron ao Executivo galego para estimar que “30.000 galegos están inmunizados, deles 17.000 mulleres e 13.000 homes”.
Por franxa de idades tamén son de reseñar os resultados, pois a prevalencia é menor ao 1% nos menores de idade, mentres que nos maiores de 65, ascende a máis do doble cun 1,64%. ECG