Milleiros de persoas degustaron as famosas tortillas de masa na Festa da Merenda de Aiazo

O bo tempo permitiu unha afluencia que se foi incrementando ao longo da tarde deste domingo

A organización repartiu un milleiro de tortillas / concello de frades

A organización repartiu un milleiro de tortillas / concello de frades / redacción

Redacción

A XVI Festa da Merenda de Aiazo (Frades) reuniu este domingo a milleiros de persoas en torno ás famosas tortillas de masa con torriscos. O bo tempo permitiu unha afluencia que foi aumentanto ao longo da tarde, coincidindo coas actuacións das orquestras Unión y Fuerza e París de Noia, esta última presente en practicamente todas as edicións e que cada ano arrastra a milleiros de fieis ata a área recreativa Os Pasos.

A festa, organizada pola Asociación de Veciños Os Pasos en colaboración co Concello, comezou ao mediodía, momento no que unhas 25 cociñeiras e unha ducia de axudantes se dispuxeron a elaborar as máis de 1.000 tortillas de masa que se repartiron durante a xornada. Ademais das degustacións gratuítas, a organización continuou coas vendas de merendas para levar á casa en caixas e que se vendían a 3 euros unha e 5 dúas. Isto, unido aos 1,5 € de colaboración que os asistentes poñían a cambio dun pano vermello conmemorativo e das rifas para unha cesta por 3 €, permitiu aos asistentes colaborar no custo da festa.