Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Paiosaco atrae centos de persoas no día grande da Feira das Cereixas, de interese turístico galego

Un dos numerosos postos de venda de cereixas en Paiosaco / C. LARACHA

Un dos numerosos postos de venda de cereixas en Paiosaco / C. LARACHA

A Laracha

A tradicional Feira das Cereixas de Paiosaco (A Laracha) congregou centos de persoas e numerosos puntos de venda do prezado froito, chegados de diversos puntos incluso de fóra de Galicia. A orixe desta cita, hoxe declarada de Interese Turístico de Galicia, remóntase a varias décadas atrás, cando a produción de cereixas tiña gran importancia no val do Anllóns. Os produtores vendían o seu froito na primeira feira do mes de xullo.

Hoxe a produción na zona limítase ao autoconsumo, pero mantense o costume de celebrar esta tradicional feira, que se complementa con múltiples actividades lúdicas, organizadas polo Concello larachés.

Así, a feira deste ano estivo amenizada pola charanga Os Melandros e unha food truck ofreceu aos asistentes degustacións de produtos elaborados con cereixas. Pola tarde, a Asociación Cultural Queiroga, de Paiosaco, ofreceu un espectáculo de música e bailes tradicionais galegos. Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, pecharon a festa cun concerto enmarcado na xira Axúdame a sentir.

Tracking Pixel Contents