Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A autonomía de Galicia, un traballo que nunca remata

A comunidade foise dotando de institucións e normas para desenvolver o seu Estatuto»Máis de 40 anos despois, aínda faltan competencias

Sesión constitutiva do Parlamento de Galicia en 1981, entón no Pazo de Xelmírez  | / ECG

Sesión constitutiva do Parlamento de Galicia en 1981, entón no Pazo de Xelmírez | / ECG

m. g. p.

O 19 de decembro de 1981 constituíase o primeiro Parlamento de Galicia, meses despois da aprobación do Estatuto de Autonomía sometido a referendo popular e das eleccións autonómicas de outubro, nas que gañou a Alianza Popular (AP) de Xerardo Fernández Albor. Comezaba dalgún xeito a aventura autonómica de Galicia, recoñecida como comunidade histórica na Constitución e que, logo de anos de ditadura, aínda tiña todo por facer. Hoxe, máis de 40 anos despois, boa parte do camiño está percorrido, pero non todo. Porque construír unha autonomía é un traballo que xamais remata.

Aqueles primeiros representantes públicos tiveron que darlle forma ao armazón autonómico: ir constituíndo as institucións e organismos e ir aprobando as normas e leis para rexelas. Á vez, tocaba ir promovendo entre os galegos a importancia da nova etapa para que o sentimento autonomista enraizara fondo na sociedade.

A nivel político, os anos 80 foron en Galicia intensos e, consecuentemente, convulsos. Pero iso non impediu que a Xunta avanzase no proxecto autonómico. Foron nacendo organismos hoxe consolidados como o Consello da Cultura Galega ou, máis tarde, o Consello de Contas, o Consultivo, o CES... Tamén os medios de comunicación públicos, xa que un 24 de xullo de 1985, véspera do Día de Galicia, nacía Televisión de Galicia (TVG), que celebrará o vindeiro ano o seu 40 aniversario.

Tamén foron tempos nos que o Estado foi trasferindo competencias á comunidade autónoma. Só na primeira lexislatura foron 69, algunhas das máis relevantes como educación, agricultura, pesca, estradas, comercio, servizos sociais, turismo...

Así chegou a autonomía galega ata hoxe. Con moito feito, pero tamén con deberes pendentes, como o traspado de novas competencias das que si gozan outros territorios. A xestión do litoral ou a AP-9 son as que están máis de actualidade, pero non as únicas.

Tamén o Parlamento de Galicia, representación máxima da soberanía galega, leva anos traballando na súa apertura e maior conexión coa sociedade a través de visitas guiadas, xornadas de portas abertas, portal de transparencia, exposicións itinerantes ou mesmo coa flexibilidade do seu regulamento para que Galicia sexa hoxe o lugar de España onde máis doado é que calquera cidadán presente unha iniciativa lexislatura popular (ILP), xa que require menos sinaturas.

Esa apertura do Parlamento aos galegos simbolizarase á perfección á volta do verán, cando se inaugure a nova entrada do Pazo do Hórreo logo de máis dun ano de obras para facela máis accesible á xente. Por algo é a casa de todos os galegos.

Tracking Pixel Contents