A bandeira azul loce desde onte na praia ribeirense de Coroso
Manuel Ruiz e Ramón Doval procederon a izar o distintivo preto do posto dos socorristas
A praia de Coroso loce bandeira azul desde onte. O alcalde de Ribeira Manuel Ruiz e o concelleiro de Turismo Ramón Doval procederon a izar este distintivo, que ondea moi preto do posto de socorristas.
Precisamente, foron as dificultades xeralizadas á hora de atopar un número de socorristas suficiente as que levaron ao executivo local, explicou o alcalde, a renunciar durante varios anos a solicitar esta insignia para os principais areais do municipio, pois se antes era relativamente sinxelo contratar uns 50 efectivos, agora escasamente se pode cubrir a metade.
Non obstante, o Concello decidiu este ano solicitar a bandeira para o seu areal urbano máis emblemático e frecuentado a petición da asociación local de empresarios, presente no acto por medio de Juan Rey.
O rexedor municipal expresou a súa confianza en poder solicitar a enseña para outras praias de Ribeira unha vez se resolvan as dificultades á hora de atopar socorristas bastantes.
Pola súa parte, Ramón Doval quixo poñer en valor a gran oferta de areais existentes no noso termo municipal, que fan del o que máis quilómetros de praia ten na provincia coruñesa.
Este ano, só catro bandeiras azuis ondearán nas praias da comarca do Barbanza, concretamente as de Barraña, Carragueiro e Barraña-O Saltiño, en Boiro, e a de Coroso, en Ribeira.
NOIA-MUROS Pola súa banda, a ría de Muros e Noia obtivo este ano sete bandeiras azuis. Ondearán nos areais de Ornanda, Aguieira, Cabeiro e As Furnas, no municipio de Porto do Son, e na de San Francisco, en Muros. Ademais, farao no porto deportivo do club náutico de Portosín por vixésimo año consecutivo e na Asociación Local de Sostenibilidade do Concello muradano.
Nesta ocasión aparecen na lista tres novas praias, como é o caso das sonenses de As Furnas e Ornanda e da muradana de San Francisco.
Este último areal é de carácter semiurbano e ten preto dun quilómetro de lonxitude, area branca e rochas. É un dos máis concurridos da zona. Atópase no sur de Monte Louro, resgardado dos ventos e situado xunto ao pinar. É o punto turístico máis importante do municipio.