Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
aforo limitado. De momento non admiten visitas de grandes grupos ou guiadas //Haberá un máximo de tres persoas por sala e un total de 21 no interior do inmoble // Os visitantes deberán levar mascarilla e respetar a distancia social TEXTO Sol Elvira

A Casa-Museo de Rosalía reabre as súas portas en xuño

A Casa-Museo de Rosalía de Castro, ubicada no municipio coruñés de Padrón, volverá a abrir as súas portas o vindeiro martes 2 de xuño logo de máis de dous meses pechada por mor da crise da Covid-19. A fundación que leva o nome da poeta está a ultimar nestes momentos todas as medidas de seguridade e de hixiene precisas, que suporán unha redución do aforo e algúns outros cambios.

Segundo explica a entidade, a casa-museo regresa co seu horario habitual (de 10.00 a 13.30 horas e de 16.00 a 19.00 horas de martes a sábado; domingos e festivos de 10.00 a 13.30 e luns pechado), aínda que non se realizarán polo momento visitas de grupos escolares nin colectivos de adultos, polo que tampouco haberá visitas guiadas. Todas as instalacións serán desinfectadas diariamente, explican.

Nerbaragantes, o que si se admitirá é a visita en grupo dun mesmo núcleo familiar de convivencia, ata un máximo de cinco persoas, para o que recomendan facer a reserva no mail fundacion@rosaliadecastro.gal. Nas restantes visitas, os responsables establecen un máximo de tres persoas por sala, incluída a recepción, e un total de 21 persoas no interior. O percorrido polo inmoble estará regulado e guiado por marcadores de distancia e indicadores. Asemade especifican que os visitantes deberán facer uso de mascarillas, gardar as distancias de seguridade e do xel hidroalcohólico que atoparán na recepción do edificio. Non estará permitido tocar ningún obxecto ou moble do interior das instalacións.

Desde a Fundación apuntan que a Casa-Museo de Rosalía de Castro recibiu o pasado ano 22.463 visitas, o que supón un incremento acumulado do 259 por cento desde 2012. Lembrar que estas instalacións están xestionadas pola Fundación Rosalía de Castro, unha entidade privada sen ánimo de lucro, que tivo unha taxa de autofinanciamento do 45 por cento en 2019, a cal evolucionou desde un 20% en 2012, “cifra considerable na nosa contorna cultural, polo que esta crise provocada pola Covid-19 supón un golpe importante, ao igual que para a maioría de empresas e traballadoras deste país”, explican.

SUBSCRICIÓN POPULAR. En novembro do ano pasado a Fundación Rosalía puxo en marcha unha campaña de subscrición popular, que ainda mantén, para implicar a empresas, entidades públicas e persoas individuais na mellora e no sostemento da causa común da Casa da Matanza, “que é a casa común de Galicia”, en palabras do seu presidente Anxo Angueira.

Calquera persoa poderá converterse en Amiga ou Amigo da Casa de Rosalía e apoiar desde 20 euros ao ano a independencia económica e cultural desta institución, así como a súa sostibilidade financieira. Os pequenos negocios tamén poderán facerse Protectores (desde 60 euros o ano) e as grandes empresas poderán exercer de Mecenas da Casa a partir de 1.000 euros. Tamén é posible colaborar a través do voluntariado.

A Casa de Rosalía está sostida pola Fundación Rosalía de Castro, unha entidade privada que foi creada no ano 1947 por persoas vencelladas ao galeguismo nos tempos difíciles da ditadura franquista. A apertura da Casa-Museo en 1972 só foi posible grazas á colaboración económica de familias, empresas e institucións de todo o país e do mundo da emigración.

Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de sesenta concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. Ao final, colleitouse un total de 994.043 pesetas en 1971.

Case 50 anos despois esta institución, que non recibe financiamento público regular que asegure o seu mantemento anual nin o seu futuro, quere reafirmarse na súa independencia económica e cultural e no apoio das xentes comprometidas co país e coa súa cultura.

Anxo Angueira, referencia actual da institución rosaliana, salienta que “aínda que somos escoitados polas institucións públicas de Galicia, queremos que o esforzo colaborativo sexa tamén un esforzo comunal e compartido polo pobo galego, que sempre foi xeneroso con todo o que tiña que ver con Rosalía de Castro para que a Casa da Matanza e as súas instalacións sexan dignas da figura que representan”, sentencia.

ACTIVIDADE. Suliñar que a Casa de Rosalía incrementou exponencialmente os proxectos e actividades desde o ano 2012. Alén da desexada reforma do interior da casa e da súa renovada musealización, catalogouse e dixitalizouse todo o fondo documental e acondicionouse unha sala para o arquivo, que xa está a disposición dos investigadores.

Ademais, dinamizouse a presenza na web e nas redes sociais; incrementaron o seu patrimonio coa chegada de novos obxectos, artísticos ou non, como o cadro de Brocos e diferentes pezas de Ovidio Murguía; e publicouse a súa obra completa, entre outros libros.

Tamén relanzaron a celebración do Día de Rosalía e puxeron en marcha ducias de actividades ao longo do ano: a homenaxe ao mundo do mar, o festival Abride a Fiestra, alén de múltiples exposicións, conferencias, roteiros, teatralizacións e visitas guiadas, entre outras actividades.

I

`PROPOSTA. Indicar que cando o visitante chega a padronesa Casa da Matanza, o espazo proponlle un percorrido polos acontecementos que marcaron a vida e a obra de Rosalía. Na planta baixa, denominada O perfil dunha sombra, o visitante pode apreciar a verdadeira dimensión desta emblemática figura da cultura galega e universal: a súa vida, o entorno que a rodeou e a relación do pobo galego coa figura da escritora. Na primeira planta, denominada O seu, proponse unha recreación da casa rural da época, entre labrega e fidalga.

30 may 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito