Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A de Laxe, Area Maior, Mar de Fóra, Arealonga e A Frouxeira, diferentes entre elas pero todas cunha característica común: escollidas pola aclamada revista National Geographic como os areais máis fermosos da nosa comunidade TEXTO Paula Pérez

A costa atlántica de Área conta coas mellores praias de Galicia

A aclamada revista National Geographic, de entre os seus innumerables artigos sobre diversos lugares, historia e rincóns do planeta, deulle ás praias galegas a importancia que se merecían, adicándolle un personalizado ránking. Está conformado por catorce postos, dos que seis se lle conceden a diferentes areais bañados polo océano atlántico. Das primeiras en ser nomeada como unha das mellores praias de Galicia é a de Laxe, de grande beleza, area branca e fina, cunha lonxitude de quilómetro e medio e equipamentos propios dunha praia urbana a pé de vila: aparcadoiro, duchas, vixianza, pasarelas, rampas de acceso para persoas con mobilidade reducida, cruz vermella, limpeza diaria, señalización do estado do mar, paseo marítimo, establecementos de hostelaría e restauración e un longo etc. Resgardada dentro da ría e derivada desta natureza e condición, caracterízase polas súas augas tranquilas e limpas, que levan a que sexa a única de toda a Costa da Morte cos distintivos de Bandeira Azul e Q de Calidade Turística.

Síguea o areal de Area Maior, en Muros, unha das máis espectaculares e sobre todo, que se mantén máis intacta co paso dos anos. Conta cunha beleza distintiva doutros litorais: cunha lonxitude de quilómetro e medio de area fina, encerra á lagoa de As Xarfas tras as súas dunas e remata ca presenza do monte Louro, á entrada da ría de Muros e Noia. Este último acompaña o baño coa súa sorprendente silueta a modo de xibas e a súa incrible reserva natural. Pode desfrutarse, ademais, da visita dalgún golfiño en épocas concretas do ano; e dunha fermosa declinación da luz sobre o atlántico. Cos seus cincocentos metros de lonxitude e algo máis recollida que as anteriores, a praia de Mar de Fora, sendo un areal rústico e de mar aberto, é perfecto para sentir a forza do océano, xa que incluso antes de divisalo se sinten ruxir as súas olas. Isto demostra que a praia de Mar de Fora é fermosa pero tamén perigosa. O camiño dos Faros chega a esta e mesmo dende os seus camiños resalta pola súa beleza que a fan posicionarse como unha das mellores de toda a comunidade.

A praia de Arealonga, en Porto do Son, non podía faltar neste ránking. Este areal, máis coñecido como Praia de Castro, mestura arqueoloxía e nudismo e ubícase nun entorno virxe ata o que se pode chegar por un camiño empinado, sen asfaltar, e a través dun frondoso pinar no que se pode realizar acampada libre. O mellor desta praia é a súa proximidade e vistas detalladas á península onde se ubica o Castro de Baroña, o asentamento celta que os expertos datan que debeu ser abandoado no século I d.C e por onde hoxe se pode pasear e imaxinar como vivían os celtas na época prerromana. Ademais, poden observarse ata vinte antigas vivendas de planta redonda ou oval e os restos das murallas que protexían o asentamento.

A praia de Carnota, neste concello, cuns 7 quilómetros de lonxitude, é considerada a máis longa de Galicia. Forma unha media lúa de fina area interrompida só pola canle que une as marismas co océano. O seu entorno, que inclúe un campo con dunas, e a súa conservación natural, fan que se convirta tamén nunha das favoritas de España. O Monte Pindo pon o telón de fondo ao baño.

O ránking pecha (aínda que isto non significa que sexa menos importante cás anteriores) ca praia A Frouxeira, en Valdoviño, considerada unha praia milagrosa, xa que, dende tempos remotos, ten fama de ser curativa. Numerosos grupos de persoas maiores testemuñan antes de que cheguen os bañistas. Destacar ademais que preto desta pode desfrutarse da lagoa da Frouxeira.

02 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito