Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Admitidas 172 solicitudes do plan escolar Concilia de Carballlo

o día 4 de setembro

Carballo. O Concello carballés recibiu este ano 183 solicitudes de participación no programa Concilia para o curso 2020-21, das cales inicialmente foron admitidas 172. As once restantes foron excluidas por documentación incompleta, pero os interesados poderán presentala ata o día 3 de setembro.

As listaxes definitivas publicaranse o 4 de setembro, e as solicitudes para utilizar o servizo entre os días 1 e 10 están todas admitidas.

O programa Concilia ofrece ás familias a posibilidade de deixar aos nenos e nenas nos colexios participantes (CEIP Fogar e CEIP Bergantiños) a partir das 7.00 horas, facilitando deste xeito a conciliación familiar e laboral.

Este ano, debido á situación sanitaria provocada polo covid-19, a concellaría de Igualdade adaptou as normas de funcionamento e limitou as prazas. Ademais, non existirá a opción de utilizar o servizo en días soltos.

O desenvolvemento do Concilia estará ligado ao funcionamento dos centros educativos, polo que, no caso dunha hipotética suspensión da actividade lectiva, como sucedeu o curso pasado, tamén deixará de prestarse o servizo. De igual xeito, sinalan dende o Concello, se as condicións sanitarias o permitisen, o número de prazas podería ampliarse ao longo do ano.

De cara ao inicio do curso estableceranse grupos de traballo estables de 15 persoas como máximo, intentando reducir o contacto entre eles. Desinfectarán diariamente as instalacións e tamén o material empregado. M. LAVANDEIRA

29 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito