Ames vai retomar dende hoxe as súas actividades culturais con Mozart
Trátase dun concerto gratuíto no Pazo da Peregrina adaptado ós requisitos da covid-19
Ames. Ames retoma as súas actividades culturais dende hoxe co espectáculo Mozart á Galega (ás 22.00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns). O concerto é gratuíto e de entrada libre, pero debido ás circunstancias derivadas da covid-19, desenvolverase respectando todas as medidas de seguridade.
“Trátase do primeiro dos eventos previstos para a nova programación cultural, que pasada a cautela inicial, organiza a concellería de Cultura para os próximos meses”, lembra a organización.
Así, e a través dese departamento, a administración local amesá está a reorganizar a súa programación cultural de verán, con cambios de data e formato, e adaptándose ás novas necesidades no eido cultural. A de hoxe é, ademais, unha actividade subvencionada pola Deputación da Coruña, no marco do programa Un bico un cantar.
E o encargado de ofrecer esta gala será o grupo Integral dos cuartetos para frauta e trío de cordas, conformado por Luís Soto na frauta travesa, David García ao violín, Joana Ciobotaru á viola e Millán Abeledo ao violoncello.
No que atinxe á seguinte actuación prevista nesta nova programación cultural, será un festival de jazz que tamén terá como sede o Pazo da Peregrina da capital maiá, pero con data fixada para o próximo sábado 4 de xullo. m. m.