Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 04 julio 2020
02:59
h

Aprobado un investimento de case medio millón de euros para mellorar a seguridade viaria da estrada de Boiro a Cabo de Cruz

Boiro. A Deputación Provincial da Coruña levará a cabo un investimento de 449.881,82 euros nas obras de renovación do firme dos primeiros catro quilómetros da estrada provincial DP-1107, que une a vila de Boiro con Cabo de Cruz.

O investimento, incluido no Plan de Conservación de Vías Provinciais 2020, foi aprobado por unanimidade no pleno do pasado venres e suporá dotar dunha nova pavimentación á estrada, beiravías e zonas de estacionamento de vehíuclos entre os puntos quilométricos 0 e 4+000.

Os traballos comezarán coa limpeza das beiravías e o fresado por medios mecánicos dos tramos nos que non é posible elevar máis a rasante da estrada actual, así como nas interseccións da vía provincial con outras de titularidade municipal. A continuación, estenderase unha capa de mestura bituminosa en quente de 4 centímetros de espesor.

As mencionadas obras incluirán a demolición dos pasos peonís sobreelevados existentes, maiormente a base de empedrado.

Asimesmo, executaranse redutores de velocidade de tipo trapezoidal a base de mestura bituminosa en quente, cos seus correspondentes elementos de drenaxe, segundo consta no proxecto técnico deseñado para esta actuación viaria.

Finalmente, reporanse as marcas viarias do eixo da estrada, cun ancho de dez centímetros, e de bordo, cun ancho de quince centímetros, así como o repintado de símbolos, pasos peonís e cebreados.

O proxecto inclúe ademais a instalación de nova sinalización vertical, tanto nos pasos peonís coma no resto dos tramos do citado vial.

O prazo de execución dos traballos será de catro meses. s. s.

30 jun 2020 / 01:00
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito