Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
e a mellora de infraestruturas // O resto será para gasto corrente TEXTO A. Prada

Área recibe máis de 27 millóns do Plan Único da Deputación

A Deputación da Coruña vén de aprobar por unanimidade a primeira achega do Plan Único (POS+2020), que suporá un investimento de 41.266.299 euros nos 93 concellos da provincia. Como cada ano, esta cantidade irá incrementándose progresivamente ao longo do exercicio, coa incorporación de fondos adicionais. Deste total, os municipios de Área de Compostela faranse coa cantidade de 26.4000.000 euros. En concreto, a comarca santiaguesa percibirá trece millóns; Costa da Morte e Bergantiños farase con 7,5 millóns de euros e os concellos do Barbanza, con 5,9.

No caso dos municipios que conforman a comarca de Compostela, o plan impulsado polo goberno provincial de Valentín Formoso destinará case a metade do presuposto do POS+2020 (13.000.000) ao financiamento de 66 obras de construción e mellora de infraestruturas públicas. Entre elas, poden destacarse os traballos en beirarrúas e mellora de estradas e camiños en Brión, Arzúa, Melide, Frades, Oroso, Ordes, Negreira, Toques ou Tordoia; a creación de redes de saneamento e abastecemento de auga en A Baña, Dodro, Val do Dubra e Teo; os labores en infraestruturas culturais e deportivas coma os vestiarios do campo de fútbol de Bertamiráns e a reforma da casa da cultura de Ames ou a renovación do terreo de xogo do campo de fútbol de Urdilde (Rois). A outra parte do Plan Único empregarase para gasto corrente dos concellos da zona. Con estes fondos, a Deputación axuda no financiamento dalgúns servizos esenciais coma a limpeza de rúas, a recollida de lixo ou o alumeado público.

As comarcas de Bergantiños e Costa da Morte destinarán a metade desta inxección económica inicial (7,5 millóns), a labores de construción e para arranxar infraestruturas. En concreto, as actuacións que se financiarán serán novas beirarrúas e o adecentamento de estradas e camiños en Cabana de Bergantiños, Laracha, Ponteceso, Camariñas, Malpica, Dumbría ou Muxía. Tamén se crearán redes de saneamento e abastecemento de auga en Carballo, Coristanco, Cerceda, Fisterra ou Vimianzo; mellorarase o alumeado público en Cee e suministrarase un novo vehículo a Protección Civil de Muxía e un camión de recollida de lixo para Laxe. O outro montante do POS empregarase en financiar parte do gasto corrente dos concellos da zona.

No Barbanza o ente provincial achegará 5,9 millóns, e deles, máis da metade irá a parar a 34 proxectos de construción e para arranxar infraestruturas públicas. Algunhas das actuacións que contarán con financiamento do POS+ provincial son as estradas e camiños en Ribeira, Lousame ou Outes; as redes de saneamento e abastecemento de auga en Ribeira, Boiro, Carnota, Porto do Son ou A Pobra; as instalacións deportivas como os campos de fútbol de Muros e Noia ou a piscina de Mazaricos, e as futuras áreas recreativas como a do CEIP Ana María Diéguez en Rianxo.

O resto dos 5,9 millóns empregaranse no gasto corrente de sete concellos da zona: Boiro, Carnota, Lousame, Mazaricos, Muros, Noia e Outes. Con estes fondos, financiaranse servizos como a limpeza de estradas, a recollida de lixo ou o alumeado público.

O PROTAGONISTA
“deixaremos a débeda a cero en dous anos”
Antonio Pereiro
Alcalde de Tordoia

O rexedor de Tordoia explicou que os fondos que recibe o municipio do POS se destinarán na súa maioría a gasto corrente (221.640,91 euros) e 53.639 euros para o proxecto de obras “que inclúe as melloras nos accesos en Soufe, en Penelas e Bedrove”. Tamén se contempla “a partida destinada a amortización de préstamos por 202.411 euros. “Cando entramos tiñamos unha débeda de 800.000 euros e comprometémonos a deixala a 0 en dous anos, e así vai a ser”, asegura o alcalde.

A cantidade destinada a gasto corrente, sinala Pereiro, “vainos permitir poñer en marcha varias actuacións como son a mellora de fime na pista de Tarroeiras -Borreiros - Vilar; arranxos tamén no Pazo, por 44.658,26 euros, construir unha senda no acceso a Igrexa de Leovalde, e outra en Paradela e na escola, así como as actuacións en A Painza en Numide, e no Pazo-Rapadoiro en Anxeriz, por 42.055 euros”. Tamén se crearán accesos a Arcai de Abaixo en capa de aglomerado, por 57.000 euros, e accesos a Igrexa en Viladabade, por 48.000 euros.

Ademais, prosigue, “co plan complementario e con aportacións do Concello imos facer actuacións nas principais vías do municipio como son a estrada de Cabaleiros-Andoio, na que une Castenda con Campo (Trazo) e no segundo tramo que conecta o Petón en Bardaos con As Abeleiras, en Cerceda”, apunta o rexedor.

{ A OLLADA }
Investir en seguridade
A. Prada

a gran maioría dos fondos do POS+ 2020 da Deputación irán destinados a financiar a construción e arranxo de distintas infraestruturas e para a creación e adecentamento das estradas. Dende logo, as actuacións nos viais son de primeira necesidade para preservar a seguridade de todos os condutores. Tamén os labores que se van levar a cabo nas instalacións deportivas e culturais son vitais para garantir a calidade de vida da veciñanza do rural. E por suposto, os gastos dirixidos ao alumeado, saneamento, limpeza de rúas e recollida de lixo son hoxe máis importantes ca nunca para evitar posibles focos de contaxio por covid-19. As aportacións do ente provincial serán un gran empuxe para os proxectos dos municipios.

09 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito