Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Carballo é o municipio máis beneficiado, ao obter 250.000 euros da Xunta para reformar a cuberta da residencia de maiores // A Pobra substituirá a galería e os tellados acristalados do local comunitario cunha contía de 120.000 TEXTO A. P/ S. S.

Área recibirá máis de medio millón para os centros sociais

Co obxectivo de axudar na etapa poscovid, a Xunta de Galicia acaba de anunciar un paquete de obras para mellorar as instalacións dos centros de servizos sociais dos concellos da Área de Santiago. Estas actuacións enmárcanse no terceiro bloque do Plan de Recuperación Social que o Goberno galego puxo en marcha coa finalidade de afrontar os meses seguintes á desescalada. Dito proxecto inclúe medidas centradas nas familias e persoas máis vulnerables, especialmente nos maiores, na infancia e na xuventude. Dentro deste paquete, as intervencións de maior envergadura terán lugar en centros residenciais de maiores e de atención á discapacidade, así como en centros sociocomunitarios.

Os concellos da Área de Santiago recibirán un total de 580.500 € para as súas instalacións. En concreto, a maior contía irá parar a Carballo, posto que a residencia de maiores recibirá un total de 250.000 € para acometer a reforma da cuberta. Asemade, o municipio carballés farase tamén con 3.500 € para reformar o baño do Espazo Xove.

A Pobra do Caramiñal é o seguinte concello de Área máis beneficiado. É e que o centro social obterá da Xunta de Galicia a cantidade de 120.000 euros para substituír a galería e os tellados acristalados. Asemade, terá outros 20.000 para as portas automáticas da residencia de maiores. A vila de Muros segue a lista, ao percibir unha axuda de 100.000 € para mellorar o centro social da localidade. En concreto, vaise reparar a cuberta e todo o envolvente (tellado, galerías, calefacción e muros perimetrais).

O Espazo Xove de Noia obterá unha contía de 35.000 euros por parte do Executivo autonómico para o cambio da instalación eléctrica e do falso teito e para reformar o baño e a varanda exterior. Pola súa parte, Santa Comba poderá remodelar o sótano, a cuberta e os baños do seu centro sociocomunitario grazas a unha achega de 32.000 euros. Tamén Ribeira se beneficiará destas axudas da Xunta. En concreto, a Casa do Mar da parroquia de Corrubedo substituirá o lucernario ao facerse cunha contía de 5.000 € ; e a Casa do Mar de Aguiño percibirá 15.000 € para a reparación da cúpula e do foso do ascensor.

Xa no caso de Santiago, a cidade recibirá 460.000 euros para reformar a cuberta da residencia de maiores Porta do Camiño, e 100.000 para arranxar o plan de varias plantas da residencia Volta do Castro.

Ademais destas obras de maior contía, a Xunta tamén realizará na provincia da Coruña outras de carácter menor en escolas infantís, espazos xoves ou campamentos xuvenís, entre outras instalacións. Estas engloban arranxos de instalacións eléctricas, de fontanería, pintura, adecuación dos cuartos e espazos interiores ou acondicionamento de zonas exteriores. Así mesmo, “parte deste conxunto de actuacións ten como obxecto adaptar espazos aos novos requisitos xurdidos da situación sanitaria”, puntualizan dende dita administración. No caso das escolas infantís coruñesas, percibirán un total de 126.000 euros.

Hai que lembrar que a Xunta tamén está a executar labores de limpeza e conservación nos treitos interurbanos do río Trambre, no Pino e Frades. O obxectivo é retirar árbores caídas e madeira morta.

A PROTAGONISTA
“é un edificio de gran valor patrimonial”
Inés Monteagudo
Alcaldesa de Muros

A alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, sinala que o centro social no que se vai actuar depende da Xunta. “Trátase dun centro sociocomunitario ó que acuden moitos maiores a diferentes actividades, nun edificio de alto valor patrimonial, no entorno do Chalón, espacio que estamos reformando agora, por un lado para solucionar os problemas de inundacións do Curro da Praza, e por outro para mellorar a accesibilidade na zona da Praza de San Pedro e da casa da cultura”, sinala.

“Por suposto, colaboramos co centro; organizan actividades ás que acuden non só maiores, senón tamén xente nova”, engade. Na súa opinión, “este investimento demostra o compromiso da Xunta con Muros e cos nosos maiores, xa que vai permitir mellorar un espazo no que desfrutan do seu ocio e no que socializan”.

En canto ó impacto que tivo a pandemia do covid-19 na vila, a rexedora di que “por sorte, aquí o número de afectados non foi elevado. Tamen é verdade que adoptamos medidas rapidamente. No eido social, consistiron no reforzo e incremento da axuda a domicilio, posta en marcha dun servizo a domicilio para maiores sós (compras de produtos básicos e farmacia), reparto de material escolar en coordinación cos centros educativos, ampliación de horarios en Servizos Sociais, acompañamento a colectivos vulnerables, e incremento de beneficiarios de emerxencia social”.

{ A OLLADA }
Axudas poscovid
A.P.

tras a grave pandemia que azotou con dureza ó mundo nos últimos meses, o Goberno galego está a poñer en marcha o seu Plan de Recuperación Social, centrado en boa medida nos colectivos máis vulnerables. Toda axuda é benvida, e dende logo, esta aportación de máis de medio millón de euros para os centros sociocomunitarios e residencias de maiores será moi beneficiosa para incrementar a calidade de vida dos usuarios e, por suposto, para mantelos seguros, hoxe máis que nunca. Hai que ter en conta que son os puntos de encontro e socialización de boa parte dos nosos maiores, e en moitos casos, supoñen a mellor forma de que manteñan unha rutina e sigan activos. Por todo iso, é básico conservalos en bo estado.

27 jun 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito