Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 10 agosto 2020
15:19
h

Arranca O Pino as súas ‘Parolas de Verán’ cunha boa dose de humor

Os cativos desfrutaron de ‘Unha armadura con ferruxe’ e dun taller de debuxo en Gonzar

O Pino. Arrancou esta semana con gran expectación a primeira das iniciativas do programa Parolas de Verán do Concello do Pino. A historia do cabaleiro afeccionado ás guerras que acabou quedando preso da súa armadura, para desesperación da súa familia que xa non sabía que aspecto tiña, fixo rir a todos os nenas e nenos que se achegaron á carballeira de Gonzar para desfrutar da obra Unha armadura con ferruxe.

Foron un total de oito os cativos que se deron cita en Gonzar para desfrutar do espectáculo, e antes, participaron nun taller de debuxo no palco da festa.

Esta foi a primeira parola de verán, que durante os próximos xoves irá percorrendo as diferentes parroquias do Pino. A vindeira semana, o día 16, esta iniciativa chegará á parroquia de Castrofeito. Alí, ás 11.00 horas no centro sociocultural, representarase a obra A historia de Brancaflor, cargada de probas máxicas, encantamentos, romances e maleficios. Xa o vindeiro xoves, día 23, será o humor o protagonista grazas ao espectáculo Rogelio. Un payaso en recuperación. Esta obra cómica conta que Rogelio leva encerrado máis de vinte anos na súa casa e o último paso para que lle concedan a alta médica é facer rir a todos os nenos. A maxia, o escapismo e o humor serán os mellores aliados.

O capitán garfo será a proposta encargada de pechar este proxecto. A música e a gastronomía uniranse para ensinarlles aos nenos a importancia dunha alimentación saudable. As froitas e verduras serán as grandes protagonistas, dado que deberían constituir a base de toda alimentación.

Para inscribirse hai que chamar ao teléfono 981 511065 ou escribir ao enderezo electrónico cultura@opino.gal. Os interesados poderán anotarse ata as 14.00 horas do martes anterior a cada espectáculo “para establecer un maior control de seguridade e para dispoñer de material suficiente para os obradoiros”, sinalan fontes municipais. Lembran que os cativos poden participar en todas as actividades, aínda que non se fagan na parroquia á que pertencen. No tocante ás normas de seguridade “rexeranse polas establecidas polas autoridades competentes e é obrigatorio o uso de máscara”, recalcan dende o goberno local. Nas Parolas de verán “poden participar pequenos e maiores, e contan tamén con diferentes obradoiros, pintada de debuxos e moitas máis actividades”, lembran dende a concellería de Cultura.

CAMPAMENTO. Por certo que dende comezos de mes está en marcha a Escola de Verán, dirixida a nenos de entre 3 a 12 anos para favorecer a conciliación familiar e laboral. O servizo desenvolverase tamén nos meses de agosto e setembro no CPI Camiño de Santiago e noutras instalacións municipais próximas, como o polideportivo municipal ou o centro sociocultural; así como en lugares ao aire libre do concello. Asemade, tamén están abertas dende o pasado día 3 as piscinas municipais, nas que se organizan cursos de natación en dúas quendas, de luns a xoves de 12.30 a 13.15 horas. Non faltan actividades para estos meses estivais. A.PRADA

11 jul 2020 / 01:00
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito