Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Arrancan este mes as obras do parque de Ponte Carreira

Xa rematou o prazo de presentación de ofertas // Prevese que o espazo infantil fradense quede rematado para o vindeiro mes de setembro

O Concello de Frades vén de sacar a licitación as obras de cubrición e ampliación do parque infantil de Ponte Carreira, que contan cun orzamento de 59.912 euros e un prazo de execución de dous meses. “Unhas obras para as que contamos cunha achega de 40.000 euros da Vicepresidencia da Xunta de Galicia e que nos permitirán reparar os problemas de desgaste do pavimento da praza de Ponte Carreira, eliminando as zonas esvaradías, así como cubrir a zona do parque infantil e instalar dous novos xogos, como son unha tirolina e unha cama elástica, que se veñen demandando pola poboación infantil”, explica o alcalde, Roberto Rey.

O prazo de presentación de ofertas rematou esta mesma semana, polo que se agarda que as obras poidan arrancar este mesmo mes de xullo e estar rematadas no mes de setembro. Os traballos incluirán a cubrición da zona do parque infantil cunha estrutura metálica e paneis de policabornato en cores. “Ao mesmo tempo, imos proceder á reparación, pintado e reposición de algúns elementos dos xogos actuais do parque infantil”, apuntou.

A maiores, “instalaremos dous novos xogos, tipo tirolina e cama elástica, nunha zona separada do parque actual, para así poder diferenciar por idades á rapazada usuaria dos xogos, xa que estes dous novos están pensados para rapaces e rapazas de entre 4 e 14 anos, mentres que os existentes son para idades menores”, sinala Roberto Rey.

Finalmente, as actuacións incluirán o levantado do pavimento de pedra existente na zona, moi desgastado e con zonas moi esvaradías, especialmente nos tempos de choiva. Será substituído por outro de formigón impreso nos paseos do parque público, unha soleira de formigón armado para a base dos xogos e un pavimento continuo de caucho para amortecer caídas e evitar esvaradías arredor dos mesmos.

Todos estos traballos, lembran dende o goberno local, son froito dun convenio de colaboración asinado polo Concello e a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza o pasado 27 de maio ao abeiro da convocatoria realizada pola Xunta de Galicia o 12 de decembro de 2019. A través deste acordo, a Administración autonómica achegou 40.000 euros, o que implica 66,76% do importe total dos proxectos.

09 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito