Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Arrancan os campamentos infantís de medio ambiente na vila da Barca

Malpica programou os ‘Seráns na rúa’ e a rapazada larachesa foi xogar ao golf a Larín

Muxía. Nenos e nenas desfrutan xa dun verán cargado de actividades lúdicas e formativas impulsadas polos distintos concellos. Así, en Muxía puxeron onte en marcha uns campamentos de verán centrados en tres eixos fundamentais: o medio ambiente, a igualdade e o deporte.

Baixo estritas medidas sanitarias contra o covid-19 e acompañados de persoal especializado, os grupos terán un máximo de nove rapaces. Poderán gozar de actividades como punto de cruz, obradoiros de cociña e de chapas, contacontos e creación de pancartas, entre outras. A primeira quenda irá desde o 13 ao 24 de xullo, e a segunda do 27 de xullo ao 7 de agosto.

O alcalde, Iago Toba e a concelleira de Xuventude e Igualdade, Olalla Benlloch, recibiron onte aos primeiros participantes no paseo.

Pola súa banda, quince rapaces da Laracha, de entre 8 e 11 anos, participaron nunha xornada de iniciación ao golf nas instalacións do Hércules Club, de Larín. Esta foi unha das novidades do programa deste ano e, segundo sinalan desde o Concello, aínda quedan prazas libres para os campamentos multiactivos que se desenvolverán no complexo deportivo do campo de fútbol larachés; a xornada multiaventura de Mazaricos; o paintball en Cacheiras (Teo); o barranquismo no río Alfmofrei; e o paddle surf, kaiak e travesías en barco que terán lugar en Caión.

En Malpica, o Concello inaugurará o sábado, día 18, os Seráns na rúa, coa escenificación de A gran viaxe a cargo de Ivanti Teatro na rúa Eduardo Vila Fano.

O día 25 haberá un pasarrúas con A danza dos paxaros, a cargo de Urdime, e agosto comezará no seu primeiro día coa obra A illa sen tesouro, de Ghazafelhos. O 8 de agosto chega á praza do Campo O Cardume, de Xarope Tulú, e o 15 Mamá Cabra presentará Eu cociño, ti cociñas?, na rúa Eduardo Vila Fano. Todas as actuacións serán ás 20.30 horas e con protocolos hixiénico-sanitarios.

16 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito