Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Asinado o acordo para ampliar o centro de día autonómico de Cabana

Conta na actualidade con 34 prazas // A Xunta aportará en dúas anualidades 200.000 € e o Concello os terreos

A Consellería de Política Social e o Concello de Cabana de Bergantiños veñen de asinar esta semana o convenio de financiamento para poder ampliar o centro de día de titularidade autonómica.

As obras de ampliación permitirán, segundo sinalan desde a Xunta, “adecuar o centro a súa capacidade, o que redundará nunha mellora na calidade do servizo que se lles presta aos maiores que acoden ao mesmo, ao poder dispoñer dun maior espazo”.

Para acometer a devandita ampliación, o Concello cabanés xa adquiriu unha parcela anexa na que se desenvolverán as actuacións necesarias. A Administración autonómica achegará para tal fin un total de 200.000 euros. O convenio recolle que esta cantidade se repartirá en dúas anualidades, 50.000 euros neste ano e os 150.000 restantes no 2021. As obras serán contratadas e executadas polo Concello.

Cabe lembrar que o centro de día de Cabana de Bergantiños está xestionado directamente pola Consellería de Política Social a través do Concorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e conta na actualidade con 34 prazas.

O pasado mes de febreiro, a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou o centro cabanés na compaña do daquela delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, e do alcalde de Cabana, José Muíño. Ademais de comprobar a boa acollida do servizo entre os máis de trinta usuarios do mesmo, tamén puideron escoitar as necesidades plantexadas polos maiores e as súas familias co obxectivo de seguir mellorando a atención que reciben.

Actualmente, na Costa da Morte hai tres centros de día de titularidade autonómica, que ofertan un total de 119 prazas. Ademais do de Cabana, están en funcionamiento o da Laracha, que conta con 40 prazas de centro de día e 18 na residencia que o complementa, e o de Carballo, cun total de 45 prazas.

Sinalar tamén que o Concello de Corcubión vén demandando dende hai uns anos a posta en marcha do centro de día habilitado nun inmoble do seu casco histórico.

05 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito