Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Avanza a bo ritmo a reforma e ampliación da lonxa de O Testal

Estará lista en setembro para a nova campaña marisqueira // O investimento é de 500.000 € // Construirase unha grada para os visitantes

O alcalde de Noia, Santiago Freire, dixo que as obras de remodelación e ampliación da lonxa de O Testal avanzan a bo ritmo e que polo menos o groso da actuación, estará rematado o vindeiro mes de setembro, para cando dé comezo a nova campaña marisqueira na localidade.

Os traballos, que está executando a empresa Tragsa, contan cun orzamento de medio millón de euros e están financiados por Portos de Galicia e fondos europeos.

As obras permitirán adaptar as instalacións ás necesidades do sector. En canto ó proxecto que se leva a cabo, estanse reformando a cuberta e as paredes do edificio, e acometendo melloras destinadas á optimización enerxética do citado complexo.

Tamén se está ampliando a instalación e construirase un pequeno graderío dende o cal os visitantes poderán observar o traballo que se realiza na rula sen interferir nas tarefas. Neste sentido, o rexedor dixo que así se contribuirá á promoción do produto estrela de Noia, o berberecho, e que os turistas terán a oportunidade de contemplar os procesos de clasificación, transformación e subasta do produto.

Os primeiros traballos foron os de saneamento e eliminación de humidades. Está previsto asimesmo o illamento térmico, a mellora da iluminación e a redistribución de espazos.

O mandatario local considera que esta remodelación integral da lonxa redundará na mellora das condicións laborais dos profesionais do sector, que utilizarán un complexo máis cómodo.

Asimesmo, a reestruturación dos diferentes espazos permitirá reorganizar o método de traballo, adaptando a renovada instalación ás necesidades actuais dos usuarios. Freire destaca tamén que o marisqueo terá un papel relevante no proceso de recuperación económica tras o estado de alarma.

01 jun 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito