Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
PESCA. Unha das causas é a merma da cotización do peixe e do marisco durante o confinamento // O sector confía en poder recuperar no verán parte do perdido TEXTO J. M. Ramos

Baixa a facturación nas rulas de Área un 14% dende xaneiro

O primeiro semestre do ano deixa un balance negativo para as lonxas de peixe e marisco do litoral da Área Metropolitana de Santiago, comprendida entre Caión e Rianxo, xa que a súa facturación caeu preto dun 14% respecto a 2019, segundo os datos de Pesca de Galicia.

En conxunto, as rulas desta franxa atlántica xeraron vendas por un valor total de 32,8 millóns de euros, entre xaneiro e xuño, e o pasado ano neste tempo rondaron os 38 millóns. Unha caída nos ingresos que, non obstante, contrasta co volume de peixe e marisco poxado, que foi moi similar ao de 2019, situándose en 17 millóns de quilos en total.

Unha das causas da merma da facturación hai que buscala, segundo os profesinais do mar, na baixada da cotización media do peixe durante o confinamento, debido á caída da demanda ao estar pechado o sector hostaleiro. A elo hai que engadir que, nas primeiras semanas, a actividade do sector tamén baixou, xa que houbo barcos que decidiron non saír a faenar.

No último mes repuntou a actividade e, segundo sinala o patrón maior de Camariñas, “”agora empezase a activar de novo o mercado”, polo que confían en que o verán lles permita recuperar, alomenos, unha parte do perdido.

A lonxa de Ribeira segue xerando case que o 50% dos ingresos totais das rulas da zona, logo de facturar máis de 18 millóns de euros no primeiro semestre, e mobilizar 12,7 millóns de quilos de peixe e marisco.

Rianxo sitúase no segundo posto, con más de 1,8 millóns de euros de ingresos (230.000 quilos poxados), e Malpica ocupa o terceiro lugar na relación de vendas, con 1,77 millóns, e 885.000 quilos mobilizados.

O marisqueo foi un dos sectores máis afectados. En Noia facturaron máis de 1,5 millóns de euros (175.000 quilos), situandose no cuatro posto en canto a ingresos xerados. Non obstante, as cifras son moi inferiores ás rexistradas en 2019, cando no mesmo periodo superara os 2,27 millóns de facturación e poxara 282.000 quilos. Tamén se viu moi mermada a actividade no esteiro do Anllóns, onde pasaron de extraer 68.000 quilos de berberecho en 2019 a tan só 21.300 en 2020, o que supuxo unha baixada de ingresos de 440.000 a 167.000 euros no primeiro semestre.

Fisterra cunhas vendas por enriba de 1,3 millóns de euros (280.000 quilos); Cabo de Cruz, con 1,29 millóns (111.443 quilos); Muros, con 1,27 millóns (295.664 quilos) e Camariñas con 1,24 millóns (730.000 quilos) completan o rexistro de rulas con maior volume de ingresos e recursos mobilizados este ano.

“unha parte da frota estivo parada”
{ PASABA POR AQUÍ }
Aproveitar a tempada alta
Manuel Lavandeira

a pandemia do covid-19 botou por terra as expectativas da gran maioría dos sectores económicos, e a pesca e o marisqueo non foron alleos á crise pese a que, no caso dos mariñeiros, a maioría seguiron faenando. Fixeron o seu traballo pero non o viron recompensado económicamente, xa que a maioría das especies de peixe viron mermada a súa cotización pola baixada da demanda ao ter que pechar os establecementos de hostalaría. No caso do marisco a situación aínda foi peor. O obxectivo pasa agora por aproveitar, na medida do posible, a tempada alta do verán para tentar de compensar as perdas acumuladas. Non será fácil, pero esperan que, alomenos, se manteñan no tempo os bos prezos actuais de moitas especies.

11 jul 2020 / 20:46
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito