Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

da Festa do Apego con actuacións

Uxía Lambona e a Banda Molona e Cé Orquestra Pantasma traerán a música

Negreira/ A Baña. Negreira e A Baña están hoxe de celebración. E é que unha vez máis, e por terceiro ano consecutivo, o Servizo de Normalización Lingüística de ambos municipios pon en marcha esta iniciativa co ánimo “de fomentar a crianza na nosa lingua”. Durante toda a xornada, os asistentes terán a oportunidade de desfrutar das actuacións musicais de Cé Orquestra Pantasma e de Uxía Lambona e a Banda Molona, que se farán no refuxio de Covas, en Negreira.

A primeira en sair á escena será Cé Orquestra Pantasma, que presentará as pezas recollidas en Fíos do querer. Trátase dun traballo discográfico que xunta vinte e catro cancións para “xogar, cantar e bailar cos nenos de colo”, dirixidas a cativos de cero a tres anos. As familias poderán bailar ao son de temas coñecidos como Que ricos os bicos, Palmiñas ou De festa.

De seguido, ás 18.30 horas, está prevista a actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona. O grupo infantil presentará os temas do seu terceiro disco, Astronauta sideral: cancións espaciais, onde os nenos, as nenas e os extraterrestres bailarán ao ritmo de cumbia, ska, rock & roll e outros estilos musicais que recuperan e actualizan a música tradicional. A festa do proxecto Apego no Val de Barcala é unha iniciativa que busca incentivar e facilitar a socialización en galego das nenas e dos nenos desde a primeira infancia. Comezou en 2018 no refuxio de Covas en Negreira cun grande éxito de participación; o ano pasado tivo lugar na área recreativa de Chans na Baña; e agora regresa a Covas, alternando deste xeito os lugares de celebración entre as dúas vilas e fortalecendo así os lazos de unión entre as familias.

No caso de choiva, a música trasladarase ao auditorio municipal de Negreira. O festexo está organizado polos concellos da Baña e de Negreira a través do Servizo de Normalización Lingüística, e conta co apoio da Deputación da Coruña. A.P.

10 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito