Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
José Manuel López Tuñas lembra en Ágora o papel da fotografía para documentar cada época // Divulga unha homenaxe ao deputado José Reino Caamaño e o apoio ao catedrático Novoa Santos en Negreira a principio dos anos trinta TEXTO M.Manteiga

Barcala hai un século: crónica fotográfica da súa vida social

O docente xubilado, e historiador de Negreira, José Manuel López Tuñas divulga os primeiros pasos da arte da fotografía polas terras barcaleses, incidindo na súa trascendencia a xeito de “documento social” no seu blog Ágora. Alí, ademais, aproveita para lembrar dúas das homenaxes a persoeiros de hai xa case un século cunha evidente conexión con Negreira e tamén A Baña: o tributo ao deputado Reino Caamaño e o dirixido a Novoa Santos.

Comezando no eido político, lembra que o avogado e xuíz José Reino Caamaño, nacido en Mazaricos, tamén foi maxistrado e profesor de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. E co gallo de sair elixido deputado a Cortes como independente nas eleccións de 1931, reuniuse para a inevitable instantánea con algúns dos persoeiros máis influíntes da bisbarra nesa época. “Foi un documento que, coa axuda do meu pai, facilitoume o acceso ao coñecemento da Historia Contemporánea durante a miña infancia”, aporta López Tuñas.

Nesa imaxe aparece Reino Caamaño acompañado polo alcalde de Negreira Victoriano Fabeiro e outros vips locales e veciños, coma o notario Ángel Pardo de Vera, Enrique Fernández ou Luis Osuna. Pero tamén Cipriano González e o seu fillo Julio, que durante anos exerceu de médico en Negreira e foi concelleiro independente nas primeiras eleccións democráticas de 1979; Antonio G. Salderini, José Figueiras, Andrés Freire, Vicente Guzmán (Pacheco), Manuel López ou Manuel González. “Moitos deles protagonistas da política local e a actividade social desa época”, lembra o cronista.

E, por outra banda, tamén tivo lugar unha homenaxe ao deputado electo nas mesmas eleccións, o catedrático de Medicina en Santiago (1912) e logo na Universidade de Madrid (1928), Roberto Novoa Santos, que se presentou pola Federación Republicana Galega, segundo recolle a imaxe. Foi “coñecido pola súa valía científica e pola militancia antifeminista, tanto en algunha das súas obras como nas intervencións que tivo no Congreso do Deputados”, explica López Tuñas, engadindo que a fotografía, na Rúa do Carme nicrariense, “amosa as pancartas de apoio dos seus seguidores, coa presenza entre eles do escritor Xulián Magariños, baixo da pancarta dianteira, e de Benigno Ruso que logo foi alcalde de A Baña durante moitos anos (1º á esquerda). Dous dos protagonistas deste acto, Novoa Santos e Xulián Magariños faleceron por enfermidade ao pouco” respectivamente, 1933 e 1934”.

Esas dúas totografías constitúen unha mostra da vida na etapa republicana en Barcala. Pero ademáis da importancia política dos documentos gráficos, os fotografos locales tamén se preocuparon por recoller a outra realidade social. Todos eles persoas cultas intentaron plasmar nas súas imaxes os distintos estratos da primeira metade do século XX pasando de ser simples retratistas a fedatarios da vida cotiá. Así, tanto José Alguero como Francisco Rubira, notario e farmacéutico de profesión, respectivamente, durante a súa estancia en Negreira non foron alleos ás diferenzas económico-sociais entre vilas e aldeas.

Alguero Penedo, escritor e poeta, foi membro da Real Academia Galega e Francisco Rubira fíxose coñecido polas súas reportaxes gráficas na revista Vida Galega, onde ademáis de fermosas vistas da súa vila natal, reflectiu unha variedade ampla de tipos populares. “Ata esa época, as persoas só podían contemplar a realidade nas rúas, nas plazas ou na aldea pero coa fotografía facilitabase o acceso a esa visión de xeito permanente”. Hoxe Brión e Oroso teñen xa arquivos fotográficos.

14 sep 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito