Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Bergantiños e Costa da Morte terán este ano oito brigadas forestais

Corenta efectivos loitarán contra o lume na comarca // As dúas motobombas terán base en Vimianzo e Laracha

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, mantivo onte un encontro por videoconferencia cos alcaldes da comarca de Bergantiños-Costa da Morte cos que xa están aprobados os convenios de prevención e defensa contra incendios forestais para a creación de brigadas municipais e de xestión da biomasa e cos responsable do distrito III, responsable desta área na provincia.

No encontro, agradeceu o intenso traballo que levaron a cabo os bombeiros forestais e axentes ambientais, e que seguen realizando, de limpeza e desinfección dos exteriores dos centros de saúde e residencias situadas en concellos de menos de 5.000 habitantes.

Rodeiro destacou que desde o inicio do estado de alarma leváronse a cabo arredor de novecentas actuacións de limpeza na provincia con intervalos de aproximadamente tres días para mellorar a seguridade destes edificios públicos.

“O seu traballo foi fundamental nos momentos máis difíciles da crise porque non se deixou a ningún concello sen a desinfección que se precisaba”, sinalou ó respecto.

Tamén explicou os convenios vixentes de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e os concellos. No caso concreto desta área, subscribiron estes acordos os municipios de Cabana de Bergantiños, Carballo, Dumbría, A Laracha, Vimianzo e Zas.

A través deles apóiase a creación de oito brigadas (en Laracha e Vimiazno haberá dúas en cada concello e, no resto, unha en cada un) de corenta compoñentes nesta área (con cinco efectivos en cada caso, salvo nas dúas citadas localidades, que disporán de dez cada unha, así como cadansúa motobomba).

O representante autonómico explicou que algunhas localidades xa contan con estes equipos e outras farano nas vindeiras semanas para levar a cabo traballos de prevención e para actuar no caso de que se produzan incendios forestais.

Estas brigadas municipais levan a cabo tamén traballos de prevención e de limpeza de espazos de risco nos concellos e colaboran cos equipos doutras administracións na loita contra o lume. Asimesmo, lembrou que o Goberno galego asinou o ano pasado unha addenda ao convenio de protección das aldeas subscrito con Seaga e a Fegamp para previr os lumes nas proximidades dos núcleos de poboación mediante a xestión da biomasa nas chamadas faixas secundarias.

A addenda supuxo unha optimización desa ferramenta cun dobre obxectivo. Por un lado, conseguir maior implicación dos concellos e, por outro lado, “transcender nesa colaboración a mera limpeza das faixas secundarias e tentar que sirva tamén para poñer en valor as terras que queden limpas”, sinalou o delegado territorial. Nestes momentos estase a tramitar unha terceira addenda ó convenio.

Rodeiro destacou que “a prioridade seguen sendo as parroquias de alta actividade incendiaria”, pero resaltou que tamén se están poñendo recursos para contribuír á limpeza de faixas secundarias en aldeas modelo onde, tras a limpeza, haxa un compromiso de desenvolver proxectos agrogandeiros de xeito inmediato e así crear unha devasa natural fronte ao lume.

Con respecto ao convenio de xestión da biomasa, na área Bergantiños-Costa da Morte están adheridos este ano Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Cerceda, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Ponteceso e Vimianzo.

22 may 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito