Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Bertamiráns e O Milladoiro eliminan barreiras urbanas

Suprimiranse vaos mal definidos, pintaranse os pasos peonís e reubicaranse os sinais de tráfico

O Concello de Ames está executando as obras de eliminación de barreiras e mellora da accesibilidade en Bertamiráns e no Milladoiro. Trátase dun proxecto enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (Edusi). Para a posta en marcha de ditas actuacións tense en conta o Plan Integral de Accesibilidade de Ames, “no que se indican como incumprimentos xeralizados a resolver a ausencia de vaos peonís adecuados en determinados cruces, a existencia de pavimentos non axeitados, a carencia de varandas de apoio en escaleiras e desniveis, e a inexistencia de sinalización de pasos de peóns en determinados cruces”, apuntan fontes municipais. As obras de eliminación de barreiras en materia de accesibilidade universal no espazo público urbanizado de Bertamiráns afecta a diferentes tramos da avenida da Maía e cruces puntuais desta coa avenida da Peregrina, a travesía da Peregrina, e as rúas Rueiro, Alcalde Lorenzo, praza do Concello, da Fragua, do Pedregal, Fontaldeiro e Poeta da Maía. Actualmente estase traballando no cruce da avenida da Maía coa rúa Poeta da Maía.

No Milladoiro, os labores atinxen a varios vaos puntuais da avenida Rosalía de Castro e os seus cruces coas rúas da Moa e Cruxa. En ambos casos, a actuación trata de resolver de xeito accesible a continuidade peonil da que carecen estas estradas, para que todas as persoas poidan utilizar o espazo público, con independencia da súa condición e o seu nivel de mobilidade. No Milladoiro estase traballando no cruce da avenida de Rosalía de Catro coa carretera da Cruxa e xa se executaron os traballos no paso de peóns da avenida de Rosalía de Catro á altura da intersección coa rúa da Moa por un lado e por outro con Agro do Medio.

O obxectivo final das melloras nas dúas parroquias amesás, indican dende o goberno local, “é posuír un itinerario peonil adaptado na proximidade dos edificios a resolver, para o que se determinan diferentes actuacións: a eliminación de vaos existentes mal definidos, mal ubicados ou sen vao oposto no cruce; a execución de vaos novos en ubicacións recentes, incluíndo o pintado de pasos de peóns, a execución de alcorque adaptado e reubicación de arborado nalgúns casos onde se modifica a posición do mesmo e a dotación de papeleiras”, suliñan. Vanse reubicar as sinais de tráfico.

14 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito