Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Boiro instaura a cita previa nos servizos administrativos

Pode facerse por vía telefónica ou telemática // De momento está habilitada para Servizos Sociais, Consumo e Urbanismo

suso souto

Boiro

O Concello de Boiro esta a buscar ferramentas para garantir a seguridade da veciñanza e tamén dos traballadores e traballadoras da administración local. E, nesta liña, na casa consistorial acaba de instalarse e poñerse en funcionamento un sistema de cita previa e quenda, co obxectivo de eliminar as colas e as esperas e establecer un control efectivo no aforo.

Na administración local vén de implantarse un sistema que se leva a cabo de xeito efectivo en outros concellos da contorna para a xestión de citas. “Calquera cidadán pode solicitar cita para unha data ou hora concreta de xeito telemático ou telefónico sen ter que pasar a mañá agardando; funciona igual que no Sergas”, afirma o alcalde, José Ramón Romero.

As persoas usuarias poden solicitar a súa cita previa para os departamentos de Servizos Sociais, Consumo e Urbanismo. O executivo boirense avanza así en tecnoloxía e eficacia para mellorar o servizo ás persoas usuarias. Un servizo que se instaurou noutras administracións públicas como a Deputación da Coruña e noutros concellos galegos como A Coruña ou Arteixo.

O sistema funciona tamén para establecer quendas momentáneas: “Aquela persoa que teña que rexistrar un documento soamente ten que chegar e sacar un ticket nun quiosco automatizado e agardar a súa quenda”, engade.

O servizo de quenda está dispoñible para o rexistro xeral, o rexistro da Xunta, o padrón de habitantes e a administración de Urbanismo.

Desde que se levantou o estado de alarma e foise restablecendo a atención presencial no consistorio, veuse incrementada a afluencia de xente para realizar diversos trámites na casa consistorial, polo que se comezou a establecer este sistema de quendas e cita previa, sobre todo naqueles departamentos nos que se detectaba maior afluencia de xente e máis tempo de espera. “Imos probar como funciona nestes departamentos e, pouco a pouco, aumentarase o servizo”, dixo Romero ó respecto.

A solicitude de cita pode facerse mediante webapp para móbiles, chamando ó 881 505 106 ou na web (https://citaprevia.boiro.gal/citaprevia/?idCliente=13).

10 ago 2020 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito